Bienvenido

CON SABOR A DESPEDIDA...

viernes, 10 de junio de 2011

Uf, decatástesvos de que tan só quedan uns días para que o cole remate!!!...
Estamos tristes, excitados, emocionados... raros! e é que estamos en xuño, e percíbese na nosa aula certo sabor a despedida coa chegada das vacacións do verán, unhas vacacións máis que merecidas por todo o traballo e os logros obtidos ao longo do curso.
Nesta ocasión, a despedida será especial, xa que para o vindeiro curso estaremos, xa sen o mandilón, na planta dos maiores, un feito que se traduce para moitos de nós en incertidume e, sobre todo, en ilusión, mooooooita ilusión.
(tranquilo profe, que cumpriremos a nosa promesa)
Estas semanas son intensas no que a traballo e actividade se refire e entre todos e todas estamos pechando moitas das actividades que levamos a cabo ao longo do curso como a da “Mochila Viaxeira” na que as familias tivestes un papel esencial, esta semana tamén compilaremos o “Dossier de Lectura” elaborado a partir da actividade do préstamo bibliotecario...
Por todo isto, tivemos dous respiros que nos fixeron recargar as pilas para enfrontarnos con entusiasmo a todo o que levaremos a cabo durante estes días.

Así, o martes fomos visitar o “Museo do Mar” e a “Casa Museo de Manuel Antonio” que se atopan en Rianxo, e o xoves realizamos a excursión de final de ciclo á “Granxa Serantellos” en Cambados (Pontevedra).
No que respeta á saída por Rianxo, primeiro acudimos a visitar a “Casa Museo de Manuel Antonio” onde descubrimos algunhas curiosidades da súa vida como que foi mariñeiro, que escribía poemas dende o seu camarote, vimos o barco veleiro no que navegaba, a súa habitación e... baixamos en ascensor!... todo unha odisea para máis de un.


Asemade, nesta visita resultou interesante comprobar nas fotografías que se atopan na exposición como cambiou a nosa vila, ata tal punto que non nos resultou nada doado identificar lugares emblemáticos tales como a Rúa de Abaixo ou o parque da tirolina.
Por outra parte, e xa no “Museo do Mar”, situamos Rianxo nun mapa inmenso, tamén coñecimos o proceso de elaboración dun barco, -dende que se tala a árbore ata que se poñen as velas e o motor-, vivenciamos distintas artes de pesca coma o arrastre ou a técnica da rede mediante xogos que lograron distender a visita ao museo...


Aproveitando a saída, fixemos un roteiro polas rúas do noso pobo descubrindo a casa de ilustres escritores nados en Rianxo como Rafael Dieste, Manuel Antonio e A.D.R. Castelao. Unha mágoa que a choiva fixera a súa aparición unha vez máis e tivéramos que meternos na biblioteca, pero ollo, aquí non perdimos o tempo... co que nos gustan os contos!




Pero aínda quedaba o mellor, xa que moitos de nós dende que o profe nos comentara nunha asemblea que desta vez non iriamos nin ao zoo nin á “Casa dos Peixes”, senón que iriamos visitar unha granxa, raro foi o día no que non preguntamos canto faltaba para...
A nova fíxonos moita ilusión, xa que nos fascina todo o relacionado cos animais, e boa proba diso foi o traballo que levamos a cabo a partir das aportacións de distintos libros e contos relacionados coa vida da granxa. Ademais, dous compañeiros trouxeron cadansúa granxa para xogar no momento reservado en cada xornada ao xogo libre nos recantos.
A saída á “Granxa Serantellos” estivo ateigada de anécdotas curiosas e divertidas: houbo nervios na viaxe en bus antes de chegar á granxa, bágoas de medo na visita aos porcos, ilusión cando elaboramos o noso propio pan que despois levamos para as nosas casas, ledicia nos xogos do parque... e, sobre todo, diversión, moooooooita diversión na derradeira excursión que fariamos co noso profe.

Para o día seguinte, e xa no colexio, dado o cúmulo de experiencias vividas, adicámoslle parte da xornada á saída á granxa: comprobando as hipóteses formuladas os días previos, comentando o que máis/menos nos gustou... en definitiva, seguimos propiciando descubrimentos e xerando aprendizaxes.

Como que estades tristes?... Noooooon, eso está prohibido!!!
Si, faltan poucos días para que o cole remate, pero serán días únicos e inesquecibles. Sabedes que os soños poden facerse realidade?... Atrevédesvos a SOÑAR?...

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Marisa dijo...

Non sei quén vai votar máis de menos ó profe, se os nenos ou os pais, o que sí sei e que en todos deixas un bo recordo, que nunca esqueceremos.

Pena me dá o profe que veña detrás, aínda que todos nos merecemos unha oportunidade, penso que deixastes o listón demasiado alto. Vai ter que facelo moi ben para darlle o aprobado con suficiente, vamos a miralo con lupa.

Espero que non nos saques o blog, para poder miralo de vez en cando, sobre todo os nenos que lles fai moita ilusión.