Bienvenido

XOGAMOS COAS SENSACIÓNS...

viernes, 16 de abril de 2010

Como vén sendo habitual cada mes, esta semana recibimos a visita de Ana unha mestra especialista en Audición e Linguaxe (AL) como Estefanía a de P.E.L.O, pero que, neste caso vén a realizar exercicios específicos de forma individualizada cunha das nosas compañeiras.
Desta vez a súa visita non foi unha máis, xa que nos traia preparadas dúas actividades que TODOS e TODAS levariamos a cabo cando rematáramos de facer o traballo individual impreso que tiñamos comezado cando ela chegou.
Tratábase de dúas actividades nas que traballamos aspectos relacionados coa educación sensorial, algo que conta cun papel fundamental no noso desenvolvemento se temos en conta que interveñen aspectos como a atención, a memoria e a capacidade de observación; procesos todos eles cun peso considerable na adquisición de capacidades, habilidades e competencias que nos permiten obter un coñecemento cada vez máis completo, obxectivo e exhaustivo do contonro físico, natural, social e cultural no que nos atopamos. Ademais, este tipo de estimulación-educación convértese nun aliado excepcional para ir progresando na construcción do noso esquema corporal.
As actividades propostas, ligadas concretamente con aspectos relacionados coa educación visual eran, aparentemente, moi sinxelas e practicamente todos nos participamos en, alomenos, nunha das dúas.
Para levar a cabo a primeira, tiñamos que ter os ollos cerrados, e para non facer “trampas” a profe púxonos un antifaz co que non se vía nada de nada, algo ca máis dun lle supuxo unha situación de “angustia” e medo ante o descoñecido. No desenvolvemento da actividade había que identificar e recoñecer aos nosos compañeiros e compañeiras a través do tacto, unha actividade que precisaba dun total e absoluto silencio para non dar pistas de quen se trataba...
En primeiro lugar tiñamos que recoñecer se o compañeiro que estaba ao noso carón era un neno ou unha nena, e aínda que poida parecer algo sinxelo, a máis dun lle costou identificar o sexo deste.
Como algo anecdótico desta actividade, destacar o medo co que nos tocabamos, non empregabamos toda a man tan só as puntiñas dos nosos dedos, como con medo, e logo non investigabamos todo o corpo, a maioría centrábase na cabeza e non pescudaba noutros rasgos físicos como os da cara que abofé nos axudarían a determinar de que compañeiro se trataba.
A unha das nosas compañeiras, lle gastaron unha broma e, no canto de saír un de nós, saiu nada máis e nada menos que... Con moito medo tocoulle o pelo, os ollos, a nariz e os ombreiros, ata que despois de moito pensalo e tocar dixo a resposta correcta: era... Ana!
Este tipo de actividades ao servir para activar as sensacións táctiles, resultan especialmente interesantes no caso de padecer algún tipo de déficit sensorial.
Na segunda actividade proposta, e de novo cos ollos vendados, tiñamos que colocarlle o rabo ao burro; algo que nos serviu para descubir o complicado que resulta orientarse no espazo cos ollos pechados, incluso un dos nosos compañeiros viviu en primeira persoa como se senten as persoas invidentes ao ter que camiñar sen ver o que se atopaba ao seu redor.
Esta proposta resultou, ao principio máis sinxela ca anterior, xa que logo de pasar varios de nós e colocar o rabo do burro no seu lugar correspondente, a profe complicou un pouquiño máis a actividade colocando o franelograma en distintas posicións: inclinado cara a dereita, cara a esquerda, ao revés... resultaba curioso como todos colocabamos o rabo no lado dereito, na posición correcta no caso de co franelograma estivese posto de maneira axeitada.
Finalmente, e para relaxarnos un pouco e voltar de novo á calma antes de disfrutar do momento da merenda, como despedida desta sesión de traballo, entre todos e todas, na zona da asemblea realizamos unha conversa guiada coa profe na que limos e interpretamos as imaxes que aparecían no conto de “Hansel e Gretel”, e aínda que ás veces séguesenos esquecendo iso de respectar o turno para falar, a profe quedou moi contenta e díxonos co fixeramos estupendamente.
Agora toca portarse moi moi ben para voltar de novo a disfrutar destes xogos que Ana lle deixou ao profe ata a próxima vez que volte facernos outra das súas visitas; agardamos que nos siga tendo en conta nas súas propostas de actividades... mil millóns de grazas Ana, pasámolo chachi-volachi!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Non hai máis que ver a cara que teñen os rapaces e rapazas da clase, estano a pasar moi ben con estas dúas actividades que Ana lles trouxo.
Non podo crer que os nenos estiveran calados durante estas tarefas, cando algo lles gusta...poñen interese.

Un saúdo, e tamén a Ana. Grazas.

Anónimo dijo...

Unha sesión interesante, basta con ver as caras dos nenos.

Saúdos.

Anónimo dijo...

Pois non sabía nada das visitas de Ana senón é polo blog. Moi boa idea a de organizar algunha actividade para toda a clase para que o vexan como algo normal.