Bienvenido

CU-CÚ, TRAS-TRAS...

viernes, 17 de febrero de 2012

Si, si, si, o antroido xa está aquí! E hoxe, como colofón a unha semana diferente no que levamos a cabo distintas actividades relacionadas co antroido, viñemos ao cole disfrazados... foi xenial!
Como vén sendo habitual, o día de hoxe estivo precedido dunha semana chea de “antroidadas”, pois, para celebrar a chegada do Antroido, un curso máis, o cole dispuxo nos corredores do pavillón norte e sur o “Toribiño”. Que non sabedes quen é?...
O Toribiño é un esquelete que, cada curso visita o noso colexio cun cometido: día a día encárgase de comunicar cal é a consigna establecida, en canto a indumentaria se refire, que debemos traer o próximo día ao colexio. Este curso, o aspecto do Toribiño mudou sustancialmente respecto ao doutros cursos, xa que estaba disfrazado de... bueno, isto non o temos moi claro, mentres que para un ía disfrazado de momia, para outros ía de indio “sen ollo”.
Deste xeito, o luns tocou levar unha flor, o martes unha garavata, o mércores un mandil e o xoves un bigote. Que non vos facedes unha idea de como iamos?... Pois velaí nos tedes!

Ademais de todo isto, seguimos aprendendo novas cousas acerca dos indios a partir dunhas actividades impresas nas que escribimos as palabras INDIO e VAQUEIRO a partir dun modelo e traballamos de xeito máis sistemático algúns dos elementos máis representativos da cultura india como os tótems ou os tipis.


Acaso dubidábadelo?... Por suposto que o martes reservamos un anaquiño de tempo para sentir bolboretas no estómago e “xogar a ser maiores”, xa que iso do amor, está reservado para as mamás, os papás e... tamén para os profes?... Neste día agasallamos cun corazón no que estaba escrito o noso nome a esa persoa da nosa familia que tanto queremos: papás, avós, madriñas e... ás nosas mamás, sodes as máis queridas polos nenos e nenas!
Ademais disto, moi agarradiños da nosa parella de baile, danzamos un par de veces unha canción alusiva ao “Día dos Namorados” e, aínda que ao principio tiñamos unha pouquiña de vergoña, todos e todas acabamos soltándonos a bailar... foi súper-divertido!






















Por outra banda, o xoves asistimos á biblioteca do noso cole onde, nenos e nenas da agrupación "Vai de Roda", explicáronnos algunhas tradicións e costumes da celebración do antroido nas 4 provincias galegas.

Ademais, os nenos e nenas de dita agrupación, agasalláronnos con varias danzas representativas da zona: que colorido tiñan os seus traxes e vaia sombreiros!..., e entre as compoñentes da agrupación, Silvia, a irmá de Sergio.

Finalmente, o colofón final para o antroido deste curso foi a festa de disfraces que se organizou en cada aula, tocaba vir disfrazado do que quixeramos, e converternos, aínda que só fose por un día, no noso súper-heroe ou princesa preferida, había disfraces para todos os gustos: bruxas, pingüíns, abellas, crocodilos, indios...

Para ese día, ademais, a nivel de centro organizouse un recital no que cada clase do cole lle tiña que cantar a outro grupo unha copla alusiva ao antroido. Ao longo da semana, preparamos a canción de “Mi disfraz” no que se conta a historia dun pallaso de circo: memorizamos, mimamos e dramatizamos cada estrofa ata que o venres, antes da rutina da merenda, a cantamos á clase que nos tocou no sorteo do centro.
A que non sabedes con que clase nos tocou o intercambio de cancións? Pois tocounos cos nenos e nenas que tiña o curso pasado o noso profe. Asemade, e como nos pillaron rematando unha das actividades impresas do proxecto dos indios, aproveitamos o momento para darlles a coñecer algunhas das curiosidades aprendidas acerca dos indios.
Nin que dicir ten, os súper-maiores do profe viñan requete-guapísimos con disfraces extra-xeniais!... o certo é que non saberiamos por cal decantarnos... estaban sensacionais, non si?

Ao tratarse dun día diferente, a rutina da merenda tamén resultou especial, e para iso, o profe dispuxo na mesa grande todos os postres de antroido que cada un de nós aportou, había de todo: roscas, freixós, orellas... uuummm, delicious!!!
Sen lugar a dúbidas unha semana repleta de actividades que dado o cúmulo de experiencias vividas serven como alicerce no noso proceso de desenvolvemento integral, contribuindo á comprensión do noso pequeno-gran mundo. Non estades notando que día a día nos estamos facemos máis maiores?... os logros, nalgúns casos, son espectaculares... parabens!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

HEO, HEO, HEO, HEO...

viernes, 10 de febrero de 2012

Papelote xa atopou disfraz, disfrazouse de indio, e da súa man ao longo destas semanas estamos aprendendo algunhas nocións básicas de xeografía e historia: vocabulario, paisaxes, vivendas, pezas de roupa, obxectos, costumes, alimentación... desenvolvendo actitudes de respecto e valoración cara a outras culturas e cara a outros pobos.

Aprendimos que hai moitos anos os indios vivían nas pradarías de América do Norte. Reuníanse varias familias e formaban unha tribo. As súas casas non son como as nosas con tellados e paredes. Son coma tendas de campaña e chámanse tipis.
Os indios cazaban bisontes. Os bisontes son uns animais moi grandes. Coa pel dos bisontes facían a súa roupa e tamén os tipis.
A roupa dos indios era diferente á nosa. Gustáballes adornarse con colares, con plumas na cabeza e pintaban a cara. O xefe era o que máis adornos poñía.
Os indios montaban a cabalo polas grandes pradarías. Algunhas veces enfadábanse cos vaqueiros. Pero axiña facían as paces, eran a amigos e sentaban arredor da fogueira para charlar.
Na terra dos indios non había coches, nin autobuses, nin avións... Para ir dun lado ao outro utilizaban os cabalos, e as canoas para ir pola auga.
Aos indios gustáballes moito danzar e bailar. Facíano arredor da fogueira para pasalo ben e, algunhas veces, para que chegasen as chuvias. Para facer a súa música tocaban os tambores.
Os indios facían unhas esculturas de madeira de moitas cores que se chaman tótems.
Para acadar todos estes coñecementos sobre os indios, realizamos diversas actividades impresas nas que se traballaban todos estes conceptos, e aínda que os resultados seguen sendo ás veces mellorables, moooi mellorables, pouquiño a pouco cada vez nos preocupamos máis en facer o noso traballo cotiá requete-ben.
Asemade, tamén estivemos traballando cuns bits de intelixencia nos que aparecían imaxes vencelladas cos indios, tales como: vaqueiro, águia, bisonte, cabalo, canoa, tótem, pluma, tipi, fogueira... O emprego sistemático destas láminas de observación, serviunos para identificar algúns elementos representativos dos indios, ademais de para recoñecer algúns dos grafemas traballados ao longo do curso.

Siii!!!, a vindeira semana estará repleta de sorpresas. Seguiremos aprendendo novas cousas acerca dos indios e o martes recibiremos a visita de Álex e de Patricia, pero... quen son?
Álex é músico, e por iso leva na súa maleta os seus instrumentos favoritos para acompañar as máis divertidas historias. O profe díxonos que ata ten un que respira e parece estar vivo, é... un acordeón!
Patricia, conta e canta, sabe mil millóns de historias que abofé nos entusiasmarán.
O martes, con Álex e Patricia, faremos unha viaxe fantástica, chea de música e de palabras para a que non precisaremos nin coches, nin barcos, nin avións. Tan só deixar voar a nosa imaxinación. Será moi divertido!
Ah!... E todo isto sen esquecernos por suposto, das sorpresas que viviremos coa celebración do antroido no cole, deixando un anaquiño de tempo para sentir... bolboretas no estómago?... será colosal!, así que seguide moi atentos ao noso blogue...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

LOITEMOS CONTRA A CRUELDADE... DEIXANDO QUE CANTEN AS CORES!

viernes, 3 de febrero de 2012

De xeito especial, ao longo desta semana estivemos traballando aspectos relacionados coa Educación para a Paz, esto non quere dicir, nin moito menos, que este ámbito de traballo o limitemos exclusivamente a esta data, pois ao longo de distintos momentos da xornada escolar, dunha maneira ou doutra, traballamos diversos elementos relacionados con este eixo transversal.
Así, por exemplo, o momento da asemblea posibilita o traballo desta temática no momento en que moi pouquiño a pouco avanzamos na escoita atenta ao resto de compañeiros, a saber respectar a súa opinión cando esta é distinta da propia, e, sobre todo, levantar a man antes de falar, algo que nos está custando levar a cabo. Asemade, tamén traballamos elementos relacionados con esta temática cando a principio de curso establecemos e consensuamos as normas que rexen a vida da aula ou cando o profe nos ensina formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver os nosos conflitos diarios; conflitos que forman parte do noso proceso de socialización.
Pois ben, todo isto foi traballado dun xeito máis dirixido e intencional nesta semana na que os nenos e nenas de 3 anos B pedimos a Paz, un concepto do que xa tiñamos algunha idea.
Para iso, unha vez máis, as asembleas matinais convertíronse nun recurso excepcional para chegar ao centro deste concepto que tantas veces escoitamos nos medios de comunicación social.
Día a día fomos traballando sobre a Paz, e para organizar un pouco as nosas ideas, que eran moitas, decidimos facer un bule-bule no encerado, e previa man levantada (esta semana facíase algo indispensable) relacionamos a Paz con accións tales como: “portarse ben”, “facer ben a ficha”, “ir ao parque”, “non estar de florero”...
De todo este torbeliño de ideas, seleccionamos: “alegría”, “amar” e “querer” e pegámolas noutra obra de arte. Neste caso era unha litografía tamén de Pablo Picasso que representaba unha paloma da paz, e que cada clase encheu con palabras vencelladas coa Paz.










Por outra banda, sabedes que esta semana nos convertemos nuns auténticos picassos?... Deste xeito, o profe presentounos unha obra de arte diferente, unha obra de arte na que unicamente se emprega a cor negra, branca e gris. Tratábase do “Guernica” de Pablo Picasso, unha obra coa que o seu autor tentou plasmar as consecuencias e horrores da guerra.
Coñecidos algúns dos detalles máis representativos desta obra, a nivel de centro organizouse unha actividade na que participamos todos os nenos e nenas do cole, dende os máis pequerrechos ata os máis grandes. A actividade consistía en pintar de cores a parte do “Guernica” que lle correspondía a cada clase.
Nós decidimos aportar o noso graniño de area empregando a cor azul, verde, amarela, laranxa e rosa, e un a un, con moito coidado fomos dos primeiros en encher de cores un cadro co que o seu autor intentou transmitir tristeza.











Xa o luns, despois do patio, dirixímonos de xeito organizado ao porche do pavillón sur para xuntarnos co resto de nenos e nenas do cole. Así, ataviados coas nosas coroas e cunha bandeira pola Paz, dispuxémonos a contemplar o resultado final do noso “Guernica” particular, un resultado no que se empregaron mil millóns de cores para loitar contra a crueldade e que podedes contemplar tantas veces como queirades no porche do pavillón sur... quedou sensacional!

E para rematar... todos xuntos cantamos e bailamos a canción do grupo musical 3+2 titulada: “Los niños queremos la Paz” que durante estes días aprendimos na clase e que agora tamén poderemos escoitar tantas veces como queiramos no noso blog.

Si, si, si... o antroido xa está aquí! Para a vindeira semana comezaremos a vivir e a disfrutar o antroido na nosa clase. Papelote xa atopou disfraz, disfrazarase de indio, e con el aprenderemos un pouquiño máis acerca dos indios. Nos tamén temos xa disfraz?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

TUTTI FRUTTI...

viernes, 27 de enero de 2012

Ao longo destas semanas, o noso centro participa no “Plan de Consumo de Froita nas Escolas” unha inciativa promovida coa axuda financieira da Comunidade Europea e do Fondo Galego de Garantía Agraria... que quere dicir isto? Moi atentos que axiña o comprenderedes...
Durante esta semana non tivemos que traer a merenda ao cole, xa que entre os días 23 e 27 de xaneiro procedeuse á distribución de froita a todo o alumnado do centro. A distribución realizábase na hora do recreo e a froita obxecto de distribución foi mazá, laranxa e plátano.
Durante estas merendas aprendimos a comer froita, algo que para moitos de nós foi todo un descubrimento. Así, ante as reticencias iniciais dalgún compañeiro e compañeira, moi pouco a pouco todos e todas acabamos comendo froita e quen máis e quen menos pedía outro anaquiño... mmm delicious!!!
Mondamos as nosas propias laranxas e, o máis incrible para moitos de nós... comemos a mazá con monda! deste xeito, medraremos moitíiiiisimo e seremos fortes..., siiii, fortes coma os súper-maiores!

Esta iniciativa permitiunos establecer múltiples relacións coa Educación para a Saúde, un eixo transversal que pretende fomentar a adquisición de hábitos de saúde adecuados referidos á alimentación, hixiene, descanso e seguridade persoal.
Todo isto non é algo novo para nós, pois no noso centro e, especialmente na etapa educativa na que nos atopamos, considérase a alimentación saudable como un dos alicerces para conseguir unha boa calidade de vida, convertindo á Educación Infantil nun dos espazos máis favorables para cos nenos e nenas adquiran e incorporen condutas saudables dende pequenos e pequenas.
Deste xeito, no seu momento xordeu a necesidade de establecer un horario de almorzo saudable no que a cada día lle corresponde un alimento diferente: luns-lácteos, martes-peza de froita do tempo, mércores-bocadillo de embutido, xoves-galletas básicas, cereais ou froitos secos e, os venres... o que máis nos gusta de toda a semana. Sen lugar a dúbidas, esta experiencia propicia un cúmulo de situacións que promoven a adquisición de hábitos que promoven un estilo de vida saudable, pois aqueles alimentos que, nun principio non estabamos acostumados a comer, agora, co paso dos días, descubrimos que están de rechupete, algo imposible de acadar sen a inestimable colaboración das familias... mil millóns de grazas!
Como vedes, unha semana na que aprendimos, dunha maneira amena, contidos de vital importancia que contribúen ao desenvolvemento de hábitos e actitudes que facilitan sistemas de vida saudables no que a alimentación serve de base do crecemento e fonte de saúde. Agora, toca agardar para a semana do 13 ao 17 de febreiro para comprobar con que froita nos sorprenderán no cole.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

A MELLOR RECEITA... XAROPE DE NUBE!

viernes, 20 de enero de 2012

Sabedes en que estación nos atopamos?... Deste xeito, comezamos a traballar a unidade didáctica cuxo centro de interese é o inverno, e día a día, pouquiño a pouco, imos tendo cada vez máis claro cales son as modificacións que se producen no contorno e na vida das persoas coa chegada desta estación tan fría.
Así, nas asembleas matinais conversamos sobre os aspectos máis representativos da nova estación: o frío, as pezas de vestir necesarias para abrigármonos, os obxectos de uso específico (guantes, gorros, bufandas...), aclimatación dos fogares (mantas, calefactores, estufas...)... e moitísimas cousas máis que nos achegan a esta nova estación.
Indubidablemente, si algo temos claro é que no inverno neva; e que a neve é branca, que está moi fría e é... dura ou branda? bueno, isto último non o temos tan claro...
Asemade, aproveitando a chegada do inverno, conversamos sobre a improtancia de protexerse contra o frío e sobre o traballo que realiza o médico. Para iso, servímonos fundamentalmente do conto da unidade onde Papelote se convirte nun doutor que receita un xarope moooi especial... xarope de nube!
Queredes coñecer a historia do doutor Papelote?... Velaí vai!

“Ese día ía moito frío na rúa e Papelote non quería saír da cama porque estaba moi quentiño. Pero María espertouno lembrándolle que ese día na escola ían celebrar o día dos xoguetes. Como se portara moi ben, esas vacacións de Nadal regaláranlle moitas cousas. Quería levalo todo ao colexio, pero finalmente escolleu o maletín de médico para poder curar aos nenos e nenas que se poñan enfermos.
Ao saír da casa... estaba nevando! María e Papelote entraron na casa e buscaron o necesario para facer unha moneca de neve, quedoulles xenial!
Xusto no momento no que marchaban, a moneca de neve comezou a falar. María decidiu poñerlle de nome Folerpa.
Cando chegaron ao cole, todos os nenos e nenas correron cara á moneca. No recreo todos saíron ao patio a xogar.
De súpeto, María comezou a atoparse mal. Papelote foi rapidamente buscar o seu maletín de médico para escoitar a respiración de María e mirarlle a gorxa cunha lanterna.
O doutor Papelote receitoulle xarope de nube. Para iso, Papelote colleu varios botes de pintura, meteuse na caixa dos papeliños e dixo as palabras máxicas. Desde alí arriba, sen perder un instante, abriu os botes de pintura e botou unha cor sobre cada unha das nubes. Neste momento, comezou a nevar sobre o patio do colexio. Pero non era neve normal, era neve de cores, e cada folerpa tiña un sabor distinto e delicioso. Era o xarope máxico de nube.
Todos os nenos e as nenas do colexio beberon do xarope e sanaron, e o patio do recreo quedou máis bonito ca nunca”.

A partir da lectura do conto, xurdiron varias conclusións, pois xa non queda ningunha dúbida de cales son os motivos polos que sempre que saimos ao patio, temos que abrigarnos.
Xa non só iso, senón que ademais, agora preocupámonos máis que nunca de saír perfectamente ataviados de gorro e bufanda, e é que coidamos que si nos poñemos enfermos como María, o noso médico non nos receitará o xarope tan delicioso do doutor Papelote. O doutor Papelote fixera un gran traballo.

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

REIS E MAGOS...

viernes, 13 de enero de 2012

Despois dunhas merecidas vacacións voltamos ao cole e aínda que sabemos que a máis de un lle custará coller de novo o ritmo de traballo da aula, moitos desexabamos que as vacacións rematasen e así ver a todos os nosos amiguiños e amiguiñas e ao profe.
Como unha mañá máis, comezamos coas rutinas de entrada e coa asemblea matinal: canción dos bos días, elección do súper-encargado, fichaxe de ausencias e presenzas, constatación do tempo atmosférico no panel do coello espacial, actividades de aproximación á lecto-escritura e de iniciación ao razoamento lóxico-matemático...
Evidentemente, despois de tanto tempo sen vernos, tiñamos mil millóns de cousas que contar, pero claro, como podedes imaxinar, a conversa centrouse casi exclusivamente nos agasallos que nos trouxeron Papá Noel e os Reis Magos. Non fomos bos, non, fomos, re-que-te-bos, e viñeron máis cargados de agasallos ca nunca: bicicletas, bonecas, coches de carreiras, patinetes e unha lista interminable dos xoguetes máis ultra-modernos do mercado
Cada rutina deselvoveuse co ritmo habitual ata que o profe se decatou que ao carón da fiestra había un sobre no que se lía: “Los Reyes Magos”. Sónavos?.
Neste contexto as hipóteses foron innecesarias, xa que todos dimos coa solución... siii as SS.MM. os Reis Magos de Oriente deixárannos unha nova carta na súa visita polas rúas de Rianxo o día da Gran Cabalgata Real.
Pero… non nos deixaron agasallos?... Pois de non ser pola axuda do profe, non nos decatariamos de que no rincón da cocinita había un agasallo do Rei Melchor, outro agasallo do Rei Gaspar e outro agasallo do Rei Baltasar, e non será porque o profe non nos mandara a varios de nós a facer “recados” a esta zona da clase, pero nada... estabamos dormidos!!
Reis e Magos, pois claro que se lembraron da carta que o profe lles entregara na súa visita ao cole,… acaso dudábadelo? Nerviosos e moi entusiasmados, desexabamos abrir cada agasallo para descubrir o que nos deixaran, pois non tiñamos nin a máis remota idea do que se podía agochar en cada un.

Para isto, fixemos 3 grupos para que cada un de nós tivese a oportunidade de abrir un agasallo, e ao sinal de: “preparados, listos, xa!” un tras un fomos abrindo cada paquete.
En primeiro lugar, o agasallo do Rei Melchor, -fenomenal, xusto o que precisabamos para o rincón de lóxica-matemática! Aínda que para disfrutalos teremos que ser un pouquiño máis maiores-.

Logo abrimos o agasallo do Rei Gaspar, -fantástico, acertadísimo, agora poderemos recoller as vellas e deixar estas… noviñas!-

Finalmente, abrimos o agasallo máis grande, o do Rei Baltasar, -agora si que a imos ter… quen non vai querer ir ao rincón da cocinita? Sensacional!-

Tras coñecer o que se agochaba en cada paquete, o profe puxo un pouco de calma coa lectura da carta que as SS.MM. os Reis Magos de Oriente nos deixaran. Nela explicaban un montón de cousas tales como que ao longo de todo o ano agóchanse nas nubes que se ven dende unha das fiestras da clase, que nos temos que portar requeteben tanto na casa coma no colexio, traballar como nenos e nenas maiores…
Asemade, e aproveitando o conto da unidade didáctica na que Papelote levou para o cole o seu agasallo de Nadal favorito, o profe deixounos levar o venres o noso xoguete preferido. Había de todo e para todos os gustos: coches de carreiras, xogos de mesa, unha motoserra para cortar leña e, sobre todo, bonecas, moooitas bonecas… Aquí quedaron máis que evidentes os estereotipos e prexuízos dos nenos cara os xoguetes das nenas. Unha boneca?... Nooon!
A experiencia resultou interesante, sobre todo porque todos e todas decatámonos que sabemos compartir sen ningún problema e as rabietas e obstinacións que poidan xordir por este motivo deixámolas para as nosas casas, dende logo no cole..., nin rastro!

Non podemos transmitirvos todas as ilusións vividas, pero se queredes saber máis, non dubidedes en preguntarnos que vos contamos algún outro detalle do acontecido nesta primeira semana de cole... e lembrade, non esquezades que... os Reis Magos existen, existen no corazón de cada un dos que cren neles!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

... ESTÁN MÁIS CERCA!

jueves, 5 de enero de 2012

A mañá do martes 20 de decembro resultou un tanto especial, pois ninguén de nós podía imaxinar que teriamos unhas novas tan especiais...
Así, e tras as rutinas de entrada e da asemblea matinal coma se dun día máis se tratase, cando o profe se dispoñía a explicar a actividade que levariamos a cabo antes de ir a Psicomotricidade, un sobre chamou a súa atención e, como podedes imaxinar, rompeu o normal desenvolvemento da xornada.
Rapidamente, as hipótesis non tardaron en aparecer e entre todos axiña descubrimos que a carta viña nada máis e nada menos que... das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, a-lu-ci-nan-te!
Cos ollos e as orellas abertas, moooi abertas, e coa boca pechada, moooi pechada... escoitamos con atención ao profe, non perdimos detalle do que poñía a carta.
As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, pedíannos que fosemos preparando as nosas cartas, pero... onde as botariamos? Pois está claro, no buzón que Silvia L., a profe de P.E.L.O., nos emprestou para a aula... unha idea fantástica Silvia, mil millóns de grazas!



















O certo é que resultou doado determinar que agasallo non debe faltar hoxe pola noite na nosa árbore de Nadal: coches, bonecas, carritos e cunas de bebés, avións, patinetes... e tamén algún dos contos que traballamos ao longo do trimestre como o de El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives) ou o de La casa de la mosca fosca (Edit. Kalandraka), entre outros... agardamos que os Reis Magos se lembren dalgún deles...
Deste modo, unha a un, fomos saíndo ao encerado para elixir aquelo que nos gustaría que nos trouxeran os Reis Magos para pegar no modelo de carta que lles entregariamos cando o mércores viñeran a visitarnos ao cole. Como?... Que os Reis Magos van a vir ao cole?... Aquí apareceron as primeiras bágoas e medos, pero quen se agochou debaixo da mesa?...

O resultado, nalgúns casos moooi mellorable, aínda que coidamos que os Reis Magos non nos traian carbón negro porque eran os últimos días dun trimestre intenso e de moitos cambios para nós e xa necesitabamos uns días de vacacións.

O máis complicado foi poñernos dacordo co que queremos que nos deixaran para a clase, a pesar de que durante a semana, nas asembleas matinais, o profe nos fose avisando que tiñamos que ir pensando que agasallos lle pediriamos ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.
Unicamente lle poderiamos pedir 3 cousas: unha a Melchor, outra a Gaspar e outra a Baltasar e claro, podedes imaxinar, o aluvión de cousas que se nos ocurriron nun abrir e cerrar de ollos.
Agora tan só queda agardar ao vindeiro luns 9 de xaneiro e descubrir, se nos trouxeron algo do que lles pedimos.
Dende logo, cando nos viñeron a visitar dixéronnos que nos portabamos moi ben, incluso, no e-mail que nos enviaron dende a “Fábrica dos Xoguetes” comentábannos datos irrefutables de como nos portamos no cole, na casa... e ata nos amosaron unha foto de cando celebramos o magosto, de novo... sen palabras!

E para repoñer forzas... unha merenda rica-riquísima, xa que para o derradeiro día de cole, cada un trouxo o seu postre de Nadal preferido: turrón, froitos secos, galletas e, chocolate, moooito chocolate... mmm, delicious!

E aínda quedaba o prato forte da mañá: a actividade dos “Cantos de Reis” organizada polo Equipo de Biblioteca do centro. Tratátabase de “intercambiar” panxoliñas entre clases. Tocounos facer a actividade coa clase da profe Thais que nos cantaron a panxoliña de “Os pitiños” e nós, convertidos nunhas auténticas súper-stars, lles cantamos “La Marimorena”; e sorprendentemente, ata os que resultaban máis reticentes na clase, estiveron... colosal!

Ao longo do trimestre, foron moitos os contos lidos e traballados na clase, pero un que causou especial sensación foi o de Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis (Edit. Kalandraka). Así, ao tratarse dun conto especial, un conto que unicamente se vai ler durante os días previos ao Nadal, a primeira vez que foi lido na clase leuno un conta-contos moi, pero que moi especial, foi o Papa Noel favo do profe... súper-Paulo!
Da man dun súper-Paulo entusiasmado coa idea e moi metido no papel -canción de Martiño incluida-, escoitamos moi atentos o que lle sucedera a Martiño na Noite de Reis, así que xa sabedes, hoxe hai que deitarse ben cediño...

Tal e como vos prometeramos, con esta entrada agardamos que voltedes a crer nos Reis Magos, e nunca esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo moooi NeRvIoSo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!