Bienvenido

CON CATUXA E CATARINA!

viernes, 11 de noviembre de 2016

Hoxe venres, puxemos o colofón final a uns días de intenso traballo que nos serviron para achegarnos aos cambios que trae consigo o outono.
Así pois, se nos mergullabamos na celebración do Halloween-Samaín coa pantasma Enrique, nesta ocasión, a historia das castañas CATARINA e CATUXA, serviu de alicerce para achegarnos á identificación dalgunhas características que se producen no contorno e na vida das persoas co outono.
Alá polo 22 de setembro, do mesmo xeito que comezaba o outono no calendario, entraba este eixo motivador na nosa aula a modo de actividade impresa na que coloreamos cadansúa árbore iniciándonos por primeira vez na escrita real e contextualizada dun dos nosos primeiros títulos: “OTOÑO”, con lápis, amodo... que difícil nos resultaba!... canto cambiamos!...


Xa logo, estampamos ao chou co dedo pintor impregnado en témpera as follas. A témpera resultou un grato descubrimento...
Bonito, bonito... quedou o noso corcho das rutinas vestido de outono...


O certo é que somos ben afortunados, a media mañá, no momento do recreo, desfrutamos dun enorme patio de xogos con 3 zonas diferenciadas. Unha zona de area de uso exclusivo para os pequerrechos e pequerrechas do mandilón de cor verde (3 anos), unha modesta zona de columpios e unha espectacular zona verde con castiñeiro incluído. Cantas follas, paus, pedras... recollemos do chan!... Ah!, pero é que ademais algúns levamos case a diario para a casa a súa ración de castañas e noces... XOANA é unha crack!


Asemade, unha mañá vimos como un home -supoñemos que se trata do... xardineiro ou varrendeiro do cole??-, varría as follas facendo pequenos montóns. Axiña PAULA, vasoira en man, non dubidou en intentar facer o seu montonciño, complicado dabondo... canto pesaba e que longa era a vasoira!


Durante estas semanas, decatámonos que ademais das follas, outro elemento característico do outono son os cogomelos, por iso, para o concurso organizado pola “Sociedade Micolóxica Lucus”, participamos onda o resto das aulas de Educación Infantil nun mural en 3D. Modelamos con plastilina de cores cogomelos diferenciando: o pé e o sombreiro.


O máis difícil foi non misturar a plastilina, por iso, organizámonos nun improvisado obradoiro de modelado no que cada mesa-equipo, debía elaborar unha parte do cogomelo. Plastilina de cor branca, vermella, amarela e laranxa... con axuda quedaron uns cogomelos estupendásticos!...














E o resultado final... xenial!... Profe Sonia e Alberto son uns artistas!, mágoa que a exposición durase tan pouco...


Por outra banda, no tocante á celebración do magosto, como un gran acontecemento marcamos no calendario das rutinas, -nada máis e nada menos que con rotulador fluorescente de cor verde-, o día do magosto e..., por fin chegou o día!
Tratábase dun día especial, diferente, non tivemos asemblea, e a primeira hora recibimos a visita de 6ºA que nos contou unha historia apoiados nunhas láminas orixinais que nos deixaron como agasallo... parabéns!


Pola contra, para este día, preparamos como auténticos súper-maiores á castaña CATARINA para a coroa e á castaña CATUXA para o cucurucho.


Iluisionadísimos, LOIS e LARA contáronlle á teacher Mar a teima de CATARINA... quería ser pallaso!











Xa no edificio dos maiores, logo do patio, o profe José Antonio e a profe Herminia, nos repartiron unha présa de castañas... algunha estaba quentiña!



O encontro con MARINA, NOA, CARMEN, HÉCTOR, entre outros,... foi total!... por fin o profe coñeceu aos nosos irmáns!...


Logo, participamos no xogo de “coelliños ao tobo”, saltando cos pés xuntos e depositando a castaña no espazo indicado... canto animamos!


Probamos puntería co “come castañas”... intentámolo unha e outra vez!


Para rematar e voltar á calma, seguimos o percorrido sen saírnos do camiño marcado no chan para levar as castañas ata a casa... paciencia!


O magosto non defraudou, e para deixar constancia deste momento, debuxamos o xogo que máis nos gustou... “coelliños ao tobo” o máis recreado!


E para a semana que vén, un novo acontecemento marcado novamente no calendario das rutinas, desta vez con rotulador fluorescente de cor rosa, sucederá o xoves... trátase dunha rutina que levamos tempo agardando... unha rutina semanal coa que xa nada voltará a ser igual!...      


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

3 comentarios:

Ulises Lima dijo...

Parabéns mestre e meniñas e meniños!
Moito traballastes! Que bonito!

Teresa dijo...

....morro de amor vendos disfrutar...gracias

Sara dijo...

Moi bo traballo equipo!!!