Bienvenido

PASATEMPOS!...

viernes, 9 de mayo de 2014

Sabedes que antes das vacacións conmemoramos no cole a Semana da Prensa?... No noso cole, esta actividade conmemorativa non pasou desapercibida, organizándose varias actividades nas que redescubrimos aspectos vencellados con este medio de comunicación social.
Así pois, estamos a piques de publicar un novo número do xornal “Voces Rianxeiras”.
Tendo en conta todas as clases do cole, organizouse o traballo por seccións: deportes, cultura, sociedade, pasatempos…
Este curso resultou innecesario explicar que era un xornal e que trataba, xa que a maior parte lembrabamos as aprendizaxes adquiridas cursos pasados sobre esta temática.
Lembrades?... Cando tiñamos 3 anos convertirámonos en mini homes e mulleres do tempo e o curso pasado en expertos xornalistas deportivos achegándonos á natación da man da sereíña olímpica Mireia Belmonte, nadadora profesional que participou nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008 e Londres 2012.



Este curso, decidimos elaborar os pasatempos para o xornal do cole, pero... que son os pasatempos dun xornal?...
Na asemblea matinal, achegámonos a esta sección que apenas coñeciamos, xa que os nosos coñecementos previos vencellábanse con actividades tales como debuxar, colorear ou recortar... nun xornal?... Nooon, nin moito menos!
Os “pasatempos” é a sección que adoita aparecer nas follas finais dos xornais con diferentes temáticas: encrucillados, sopas de letras, sudokus, xeroglíficos... e un longo abano de actividades coas que os maiores “pasan o tempo” logo de ler as novas dese día.
Así pois, e cunhas ideas xerais acerca dos “pasatempos”, decidimos escoller xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 5 anos A, unha temática común. E que mellor temática que a época medieval?..., unha excelente elección coa que lembramos elementos traballados o trimestre pasado.
Agora, tocaba o máis complicado... que podiamos facer?...
A verdade é que fomos ao sinxelo, a aquilo de sobra coñecido por todos e todas e tiramos das adiviñas acompañadas de sendos debuxos alusivos e dun encrucillado cuxo eixo globalizador partía dunha palabra significativa que non podía ser outra que “CASTELO”.
Antes de elaborar o encrucillado, e para achegarnos de xeito concreto a este pasatempo, solucionamos a modo de actividade impresa cadanseu encrucillado, un encrucillado con palabras fáciles, moooi fáciles, que nos custou resolver máis do que debera.


Finalmente, e con Aris como peza central da nosa aportación para o xornal do cole, deseñamos a folla cos nosos pasatempos nos que o lector camiñará por pasadizos, torres e cámaras secretas dos castelos medievais... sodes quen de solucionalos?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- CARLA S.: "El caso de los palos pegajosos" (Edit. Everest)

Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /NH/.

Anónimo dijo...

BO DÍA DA FAMILIA
PARABÉNS A TODAS AS FAMILIAS INTEGRANTES DESTE BLOGUE