Bienvenido

PAPELOTE MARCHOU... PERO PASCUALA QUEDOU!

viernes, 28 de septiembre de 2012

Siii, Pascuala xa é unha máis da clase!... e esta semana, descubrimos algunha curiosidade da nosa nova mascota.
Como xa explicaramos, este curso dixemos adeus a Papelote e a Papeliño e quedamos con Pascuala. Pascuala é unha divertida ra de cor verde que, grazas ás súas antenas, pode ver cousas que ninguén ve, como as que hai por dentro do corpo e os obxectos que están lonxe.
Pascuala atópase situada nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica converterase nun excepcional alicerce que nos presentará, a través das súas aventuras, cada centro de interese: o colexio, o outono, a familia, o Nadal, a primavera... será súper-divertido!
Queredes coñecer cal é a súa historia?…Velaí vai un resumo!

Papelote e María non estaban contentos, estaban contentíiisimos…
Aquel día comezaba o cole outra vez e volverían ver aos seus amigos e amigas. Xa tiñan 4 anos!
Na clase, había dous nenos novos, Fernando e Rosalía, uns irmáns xemelgos que viñan doutro país.
Pero non todo ía ser bo, había unha mala nova: Papeplote e María só foran ao cole deixar a caixa máxica de papeliños de cores e despedirse. Marchaban a un lugar que estaba moi lonxe porque os pais de María, que eran mestres, ían traballar alí.
A nova fixo que todos se puxesen un pouco tristes, pero a profe prometeulles que, de cando en vez, falarían con eles por teléfono e mandaríanlles fotografías.
De súpeto, preto do encerado, oíuse un ruído: “plof!, cataplof!”. Había unha ra dentro da clase!
Pascuala, que era como se chamaba a ra, explicoulles que ela quería ser unha nena en vez dunha ra, pero o Trasno Pillabán e a súa poesía “convertecousas”, unicamente conseguiron facer medrar as mans, os pés e a cabeza de Pascuala. En lugar de medrarlle o pelo a Pascuala, saíronlle dúas antenas na cabeza que fan que os seus ollos vexan o que ninguén pode ver. Pero o problema máis gordo foron as zapatillas, non medraran e seguían sendo moi pequenas para os seus pés. Por todo iso, Pascuala estaba moooi enfadada… nin era unha nena nin tampouco era unha ra.
Foi entón cando Papelote, colleu a súa caixa de papeliños, meteu as zapatillas pequeniñas e… saíron grandes!
Pascuala mirouse no espello e, por primeira vez, sorriu de orella a orella. Estaba tan contenta que lle pideu á profe se podía quedar no cole. A profe lle dixo que por suposto podía quedar, pero cunha condición; Pascuala tería que aprender a portarse ben como o resto de nenos e nenas.

Ademais de traballar o conto nas asambleas matinais, para seguir familiarizándonos coa nosa nova mascota, coloreamos cadanseu debuxo de Pascuala, amodiño e ao xeito. Unha única consigna, a cara, o pescozo e as mans de Pascuala, desta vez non serían de cor carne,… senón de cor verde!
Para acostumarnos a ir poñéndolles “título” a cada ficha -agora, xunto coa de poñerlle o noso nome, escribir o “título” será unha rutina máis de cada actividade-, nesta actividade impresa aproveitamos para escribir por primeira vez o nome de PASCUALA, unha letra de cada cor e prestando moita atención, xa que os rotuladores… non se poden borrar!
Os resultados?... xulgade vos mesmos!



Asemade, fixemos cadanseu debuxo de Pascuala, unha actividade na que se viviron momentos interesantes xa que... as ras teñen orellas?, e uñas?... As ras teñen dedos?... A estas e a outras preguntas intentaremos dar resposta desenvolvendo un pequeno proxecto de investigación sobre as ras e no que a colaboración das familias, unha vez máis, será fundamental...
Os debuxos coma sempre, de todos os tipos e para todos os gustos. Pascualas con antenas moi grandes e puntiagudas e Pascualas con antenas pequerrechiñas que semellaban orellas. Tamén Pascualas de mandilón e Pascualas con pantalón, con pestanas unhas e con pendentes e beizos pintados outras… O que si quedou claro é que cada vez nos soltamos máis á hora de debuxar e, pouco a pouco, os nosos debuxos estanse a convertir en auténticas obras de arte... quedaron unhas Pascualas estupendas!





Ademais de todas estas actividades, e sen esquecer que durante a xornada temos tempo para facer de todo. Pascuala xoga un papel importante en diferentes momentos do día: no momento da asemblea matinal e do conto, no momento do xogo libre e/ou dirixido nos rincóns, no momento do tempo de lecer…
Sen lugar a dúbidas, Pascuala está a cumprir o que lle prometeu á súa profe e estase portando ás mil marabillas. Se segue así, quizáis moi pronto comece a visitar as nosas casas para coñecer ás nosas familias… quen se apunta?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UNHA ORELLA PARA ESCOITAR...

viernes, 21 de septiembre de 2012

Aquí estamos, logo da nosa primeira semana de cole e tras as festas de Rianxo, que dicimos festas, súper-festas de Rianxo, porque mira que deron de si nas asembleas matinais... foron un non parar!: que si o gusano, as colchonetas, os toros..., menuda!
Dado que estamos comezando un novo curso, -estamos xa na clase de 4 anos-, esta semana aproveitamos para lembrar algunhas das normas e rutinas establecidas o curso pasado, ao mesmo tempo que introducimos algunha nova, especialmente no momento da asemblea.
Así que moi atentos e silenzo que, a través do blogue faremosvos partícipes do que facemos cada día nas asembleas matinais, preparados?...
O primeiro de todo, tras poñer e abotoar debidamente o mandilón, damos os “Bos Días” ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe, e para ir espertando, cantamos a canción dos “Bos Días”. Este curso trátase dunha canción diferente que aprenderemos por estrofas en cada trimestre, a primeira das estrofas está xa case case...
Xa logo, o profe designa os “Coordinadores de Equipo”, cuxa misión é a de coller e recoller as caixas das pinturas e os botes dos rotuladores, así como de repartir os libros prestando moooita atención aos nomes para non equivocarse.
Pero sen lugar a dúbidas, o verdadeiro protagonista da asemblea é o súper-encargado.
Son moitas e variadas as funcións do súper-encargado:
  • elixe a pegatina para que o mandilón do profe esté ben bonito,
  • realiza a fichaxe de ausencias e presenzas dos nenos e das nenas e fai o reconto final,
  • este curso comezamos a realizar con paciencia, operacións matemáticas sinxelas, moooi sinxelas,

  • tamén escribe o seu nome e o da mascota (PASCUALA), así como outras palabras que resulten sinxelas. Comezamos con palabras significativas do centro de interese que estamos traballando en cada unidade didáctica.

  • escribe as letras do abecedario que o resto de compañeiros e compañeiras van ditando, os números do 1 ao 9 e o 0,

  • realiza a constatación do tempo atmosférico e consigna os resultados no panel do coello espacial,
  • elixe que neno ou nena irá de primeiro na fila de comedor...
Tamén como novidade, este curso no momento destinado ao xogo libre nos rincóns, o súper-encargado xogará no ordenador... fabuloso!


Na asemblea, ademais de todas estas tarefas, entre todos e todas repasamos a grafía dos números do 1 ao 9 e o 0, así como a grafía das letras do abecedario, asociando palabras a cada letra.
Como colofón final, o súper-encargado lembra a actividade impresa realizada o día anterior e o profe organiza a xornada de cada día: explica que actividade ou actividades levaremos a cabo, os especialistas de cada día...

Pero é que durante esta semana, tamén levamos a cabo as nosas primeiras actividades impresas que lle serven ao profe para realizar unha avaliación inicial acerca dos nosos coñecementos, acerca das nosas aprendizaxes, daquilo que lembramos e do que non... e así poder actuar en consecuencia durante as vindeiras semanas.
Esta semana centrámonos na lecto-escritura. Os resultados non defraudaron, non estiveron mal, pero foi unha mágoa que moitos de nós estivésemos cunha actitude de cansancio permanente e non aproveitáramos máis o tempo... pouco a pouco voltaremos a ser os de antes... incansables!


Ademais, e tendo en conta a fin das vacacións, aproveitamos para plasmar nun debuxo aquilo que máis nos entusiasmou de todo este tempo sen cole. Había debuxos para todos os gustos: na praia, na piscina, no parque...
Para ser a nosa primeira semana de cole, non estivo nada, pero que nada mal... 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ESTE CURSO SERÁ TOTAL!...

miércoles, 12 de septiembre de 2012

Siii, hoxe comezou de novo o cole tras as vacacións de verán e, aínda que pasaron xa máis de dous meses dende que moitos nos vimos por última vez, parece que foi onte cando rematou o cole... como pasa o tempo, xa estamos de novo co mandilón!
Estabamos nerviosos, ilusionados e algúns de nós ata con vergoña, si, si, menos mal que, xa na clase, e transcurridos uns minutiños, todos e todas volvimos a ser os “nenos e nenas do profe”; non se trata duns nenos e nenas calquera... nooon! Trátase dos nenos e nenas máis especiais do universo mundial, aos que se suman dous novos amiguiños: Rodrigo e, de novo, Carla S.,... benvidos, xuntos pasarémolo fenomenal!

Unha vez todos e todas na aula, quen máis e quen menos lembraba cal era o seu sitio na liña vermella da asemblea, pero hoxe, ao tratarse dun día especial -era o día da presentación como ben nos explicou Froilán-, puidemos sentar no sitio que quixeramos, ao carón do noso amiguiño ou amiguiña... e por que? Pois porque hoxe coñeceriamos un dato que resulta especialmente interesante para a nosa vida cotiá na aula, coñeceriamos os novos equipos de traballo e o lugar no que nos sentaremos durante o ano... guaaau!
Para este novo curso, o profe organizou 4 equipos: o Equipo do “M”, do “P”, do “L” e do “S”. Deste xeito, e mediante unha dinámica sinxela, coñecimos cal será o noso sitio ao longo deste curso e con quen compartiremos diariamente as actividades e o traballo individual.
O certo é que ninguén amosou reticencias a cambiar de mesa de traballo e de compañeiros... velaí van os equipos para este curso!
No Equipo do “M” estarán Nerea, Lois, Diego, Luis Miguel, Daniela e Carla S..
No Equipo do “P” estarán Unai, Carla V., Rodrigo e Tania e no Equipo do “L”: Froilán, Xiana X., Leo e Mencía.
Finalmente, noutra das mesas grandes estará o Equipo do “S” formado por Sergio, Roi, Andrea, Lucía e Álvaro
Bueno, todo isto sempre e cando nos portemos en cada momento como é debido e traballemos a modiño, do contrario...

Logo disto, e ao tratarse dun día diferente tamén no que a horario se refire, basicamente adicámonos a poñernos ao día e facer partícipes ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe de todas as vivencias que, dalgunha maneira, marcaron as nosas vacacións. Menudas vacacións máis intensas!
Estabamos contentos, nerviosos, ilusionados... raros!, o profe notounos maiores, moi maiores, unha proba evidente do paso do tempo e do noso proceso de desenvolvemento.
Despois da asemblea, descubrimos algunhas das novidades máis significativas da aula, e claro, como non podía ser doutra maneira, redescubrimos á nosa nova mascota, a ra Pascuala da que vos falaremos máis adiante...
Uf!, soubonos a pouco, pero sen lugar a dúbidas foi o mellor aperitivo para comezar este curso con máis ganas que nunca e co mellor dos nosos sorrisos. Estamos seguros de que... este curso será total!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

O 12 DE SETEMBRO... COMEZAMOS!!!

sábado, 1 de septiembre de 2012

Logo dunhas merecidas vacacións de verán, voltaremos a vernos de novo o próximo mércores 12 de setembro (de 11:00h. a 12:00h.) e, aínda que a moitos de nós custaranos coller de novo os hábitos e o ritmo de traballo acadados ao longo do pasado curso, quen máis e quen menos seguro que está desexando atoparse de novo cos compañeiros e compañeiras, coñecer en que equipo de traballo estaremos e en que mesa nos sentaremos, coñecer as aventuras e desventuras de Pascuala, a nosa nova mascota de aula...
Este curso non se trata dun curso máis... nooon!!!, xa non somos os máis pequerrechos e pequerrechas do cole, así que deberemos dar exemplo aos nenos e nenas de 3 anos que alá polo mes de xuño viñeran a visitarnos ao cole... lembrades? Así, ao ser xa nenos e nenas de 4 anos, intentaremos non chorar nas entradas, portarnos extra-fenomenal en cada momento da xornada, facer o noso traballo cotián o mellor posible...
Notaredes que vimos con moitas ganas e motivación, sabedores de que como non podía ser doutra forma, a nosa familia estará sempre ao noso carón felicitándonos polos éxitos acadados e alentándonos a intentalo unha e outra vez ata conseguilos... mil millóns de grazas!
Un curso máis, e a medida que avance o calendario escolar, iranse sucedendo as distintas actividades e conmemoracións que marcan o curso e o ritmo da nosa aula: as cabazas do Samaín e as castañas do magosto, compartiremos soños e ilusións no Nadal, as máscaras e disfraces do Antroido... e moitos máis acontecementos que vos iremos contando no noso blog; un blog que con esta entrada da por inaugurado oficialmente o curso académico 2012-2013... preparados?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

FELICES E MERECIDAS VACACIÓNS...

domingo, 1 de julio de 2012

O verán é un período vacacional, e resulta importante que os nenos e nenas disfruten del como tal; nembargantes, as familias debedes ter en conta que calquera xogo ou actividade cotiá que fagades co voso fillo pode adquirir certo trasfondo pedagóxico.
Por iso, ademais de xogar, ir á praia, ao parque, de viaxe visitar novos lugares... é importante que, cada día, reservedes un tempo para realizar algunha tarefa que sirva para consolidar algunhas das capacidades adquiridas ao longo do curso. Non se trata de facer fichas similares ás que realizamos na escola, trátase máis de que non perdamos o hábito e a actitude de traballo acadada ao longo do curso.
Asemade, este tipo de actividades serviránnos para afianzar e consolidar algunhas das capacidades adquiridas ao longo do curso, todo isto dende un enfoque lúdico que abofé nos resultará ameno e divertido, de tal modo que non vexamos estas actividades como unha obriga, senón máis ben como unha rutina que levamos a cabo día a día durante as nosas tan merecidas vacacións.
Respecto á lecto-escritura, sinalar que un lector non nace, faise, para iso, debedes transmitirnos o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos e como unha porta aberta ao mundo da fantasía.
Á hora de ler, resulta fundamental crear un clima cálido, seguro, de proximidade física e afectiva. Non intentedes obter de nós, máis do que podemos dar segundo o noso estado evolutivo, esto pode causarnos frustracións e o rexeitamento cara a lectura e sería unha magoa.
Neste sentido, destacar o importante que resulta que non nos iniciedes no proceso lector, xa que moitas veces, inconscientemente, xerádesnos frustracións e angustias innecesarias cara unha aprendizaxe custosa á que lle prestaremos atención o vindeiro curso na escola.
Resulta esencial que nos sintamos motivados de cara a proposta de actividades, pois só deste modo, gañaremos confianza nas nosas posibilidades, seguridade... actitudes que nos levarán, consecuentemente, a incrementar progresivamente o noso afán de superación e así facer sempre as tarefas propostas do mellor xeito posible.

Entre outras das posibles actividades que podemos levar a cabo durante estas vacacións, primando sempre o periodo vacacional e de descanso característico destes meses, estarían:
  • identificación e trazado de grafemas. Non nos poñades letras para copiar,... iso está chupao! agora xa somos maiores e deberiamos saber trazar as letras seguindo a técnica escolar do ditado... facemos a proba?
  • trazado e, moi especialmente recoñecemento dos números do 0 ao 3, a pesar de que durante o terceiro trimestre traballaramos a identificación e, nalgúns casos concretos, tamén o trazado dos números ata o 9, a algún de nós todavía se nos resiste a identificación e grafía dos números traballados sistematicamente durante o curso... coa vosa axuda o lograremos, estamos convencidos!,
  • seguir traballando as cores, os trazos e as formas planas (círculo, cadrado, triángulo), aprendendo a identificalas en elementos do contorno cotián,
  • tampouco deberemos esquecernos da expresión plástica, así que deixade que nos expresemos artisticamente e de xeito libre, sen modelos. Non esquezades que é máis importante o proceso que o produto, xa que este dependerá do noso grao madurativo e da nosa particular visión do mundo. Agora ben, lembrade que... non todo vale!,

Todo isto sen esquecernos de disfrutar ao máximo as tan merecidas vacacións que acabamos de comezar, aproveitando estes meses para recargar as pilas para todos os retos e actividades que nos agardan a partir de setembro... serán sensacionais!

OS NENOS E NENAS DE 3 ANOS B,
DESÉXANVOS UNHAS MOI FELICES VACACIÓNS DE VERÁN!!!


TREPIDANTEMENTE DIVERTIDA!...

viernes, 22 de junio de 2012

Hoxe pasámolo extra-xenial... e é que para despedir o curso, organizouse no cole a "Festa da Auga"...
Bueno, pero o mellor de todo é que esta semana ao ser a derradeira do curso, foi trepidantemente divertida, xa que cada día estivo marcado por un acontecemento que repercutiu no desenvolvemento de cada xornada. Comezaremos polo principio...
Así, o LUNS e o XOVES celebramos os aniversarios de dous dos nosos compañeiros: Roi e Froilán. Deste xeito, como cada vez que celebramos un aniversario no cole, levamos a cabo as rutinas establecidas para este momento e que marcan un hito moi importante para o neno ou nena “cumpleañero”, pois nada máis e nada menos que ten que quitar a súa foto da tarta de 3 anos e pegala... na tarta de 4 anos! Un feito simbólico que nos fai sentir un pouquiño máis súper-maiores... Parabens Roi e Froilán, os cakes estaban exquisitos!



O MARTES... que paso ou martes?... Ai, si! Como esquecer a visita que tivemos na nosa aula: os nenos e nenas da “Galiña Azul” de Rianxo que para o vindeiro curso comezarán no cole dos maiores.
Así, ao ser xa veteranos nesto do cole dos maiores, coa axuda da profe Silvia e do noso profe, lles explicamos algunhas das normas que rexen a vida no cole e máis concretamente na aula, lles ensinamos algúns dos nosos rincóns preferidos e ata lles cantamos algunha canción. Estaban un pouquiño asustados e asustadas, e ata lles preguntamos a Papeliño e a Papelote se lle comeran a lingua aos nenos e nenas. Que nooon, non teñades medo, e lembrade durante todo o verán que o cole dos maiores é un lugar divertido, así que vinde sempre co mellor dos vosos sorrisos...
Xa o MÉRCORES, saimos de excursión por Rianxo, unha excursión sinxela e desenvolta dentro do horario lectivo tal e como marca o acordo establecido polo Claustro de Profesores a principio de curso. Perfectamente ataviados coas nosas mochilas de colgar ao lombo -hoxe si estaban permitidas- e agarradiños das nosas bolboretas, emprendimos camiño para desfrutar xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 4 e 5 anos, dun picnic no archi-famosísimo “parque da tirolina”. Corrimos, saltamos, trepamos, rodamos... foi sensacional!




Cando a semana estaba a piques de rematar, o XOVES, o profe tiña preparada dende había xa algunhas semanas unha gran sorpresa... a ver, a ver,... trátase dunha sorpresa que comeza polo “F” de Froilán e remata polo “A” de avión... que podía ser? Ninguén deu coa solución, pero á volta da sesión de Psicomotricidade... tiñamos preparada “unha festa súper-rechiflante”!


Tratábase dun día diferente, era un día que tiña certo sabor a despedida, un día no que celebrabamos o final do curso: comimos snacks e aperitivos varios, bebimos zumes e bebidas isotónicas, bailamos as nosas cancións favoritas e tamén algunha que outra canción de maiores, xogamos cos globos... pasámolo fenomenal!












E aquí non rematou todo, xa que aínda nos agardaba o mellor para o VENRES... siii, a “Festa da Auga”!

Logo da asemblea, moi ansiosos por comezar a participar nos xogos que os días previos nos explicara o profe, dirixímonos á primeira estación: as piñatas, consistente en vaciar, cos ollos pechados e cun pau, uns cubos que contiñan confetti ou auga.


Había xogos para todos os gustos: relevos con esponxas, transvasamos auga dun vaso ao outro na cabeza..., podedes imaxinar como rematamos... em-pa-pa-dos!






Ese mesmo día, tamén participamos na “Busca do tesouro”, un xogo de pistas no que a través do “veo, veo”, descubrimos un cofre cargadiño de gummys... mmm, deliciooosas!
Xa de volta na clase, comezamos a mudarnos coa roupa que traiamos preparada da casa e todos xuntos degustamos algúns dos snacks e aperitivos que sobraran do día anterior... tiñamos fame!
Agora chegan as vacacións; é tempo de ir á praia e á piscina, de viaxar e de coñecer novos lugares, de comer xeados... é tempo de verán!, pero non deixedes de visitar o noso blogue, xa que durante as vacacións seguirá vivo, moi vivo...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

"CU-CÚ, CANTABA LA RANA..."

viernes, 15 de junio de 2012

Esta semana, seguimos pechando as actividades que marcaron as semanas e o desenvolvemento de cada xornada escolar durante o curso.
Así, se fai uns días o noso derradeiro compañeiro Luis Miguel levaba por última vez a “Mochila Viaxeira”, este mércores tocoulle a Xiana X. levar para a súa casa a Papeliño e a Papelote. Dúas actividades que se converteron en realidade grazas á axuda inestimable das nosas familias... mil millóns de grazas por estar sempre ao noso carón!
Como xa vos explicaramos a principio de curso, Papeliño e Papelote atópanse situados nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica convertéronse nun excepcional eixo motivador que nos presentaron, a través das súas historias, cada centro de interese.
Coñecimos as modificacións que se producían no contorno e na vida das persoas coa chegada de cada estación do ano, disfrazámonos na unidade didáctica do antroido na que Papelote nos descubriu o mundo dos indios, tamén vivimos o Nadal e ata axudamos a unha boneca atopar o sorriso... historias disparatadas, realmente moi divertidas.
Agora, xa para rematar, traballamos os medios de transporte e de comunicación, descubrindo que tras unha longa andadura chea de vivencias, experiencias e aprendizaxes, chegamos ao final de curso co inicio dunha nova estación: o verán.
Sen lugar a dúbidas, os medios de transporte, convertéronse en eixos motivadores de conversa nas asembleas matinais. Todos e todas coñeciamos o coche, autobus, camión, barco, lancha, motocicleta, avión, helicóptero... e ata varios de nós xa subimos en avión para ir a lugares tan dispares como Tenerife, Valencia, Madrid ou Barcelona.
Estas sempre froitíferas conversas, servíronnos para lembrar as normas básicas de comportamento nos medios de transporte.
Siii, agardade!... Xa que como vén sendo habitual, para pechar este eixo de traballo, que mellor cun debuxo... Tratábase dun debuxo libre no que tiñamos que plasmar o noso medio de transporte preferido. Había coches, furgonetas, barcos... e ata cohetes para viaxar ao espacio, excelente!





Por outro lado, e como o noso primeiro curso no cole dos maiores está a piques a piques de rematar, o profe explicounos que para o vindeiro curso, sentarémonos nun equipo novo -seremos letras en lugar de cores-, tamén teremos libros novos -desta vez serán de cor rosa,… xa son libros de 4 anos!-, e claro… tamén teremos unha nova amiguiña, xa que Papeliño e Papelote, ficarán nas clases dos nenos e nenas de 3 anos.
Esta nova amiguiña chámase Pascuala, unha rá que, do mesmo xeito que o fixeron durante este curso Papeliño e Papelote, presentarannos cada centro de interese.
Pascuala non se trata dunha rá normal, nin moito menos, trátase dunha rá cunhas antenas na cabeza que lle serven para ver todo e máis, unha rá coa que pasaremos momentos únicos e inesquecibles… estamos seguros!








Así, o venres, decidimos levar a Pascuala para a biblioteca… uuuy, neste momento houbo un pouco de lío porque todos e todas queriamos ser os encargados de levala, pero axiña comprendimos que iso, alomenos no cole, non pode ser.


Xa na biblioteca, Pascuala, a nosa convidada especial para a sesión de contacontos que correu a cargo de Carla V. e de Froilán, estivo nun lugar privilexiado… cos contacontos!, así non perdería detalle das historias que traian preparadas.



Xa o luns, esgotaremos os últimos 5 días de cole, logo chegarán as vacacións, unhas vacacións que moitos de nós xa necesitamos e das que agardamos disfrutar miles, pero antes diso… sabedes que esta semana teremos unha sorpresa cada día? Pois si, así que seguide moi atentos ao noso blogue que vos manteremos informados...
Ah!, nos vos esquezades de cruzar os dedos para que o tempo acompañe, que senón…
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!