Bienvenido

CON CATUXA E CATARINA!

viernes, 11 de noviembre de 2016

Hoxe venres, puxemos o colofón final a uns días de intenso traballo que nos serviron para achegarnos aos cambios que trae consigo o outono.
Así pois, se nos mergullabamos na celebración do Halloween-Samaín coa pantasma Enrique, nesta ocasión, a historia das castañas CATARINA e CATUXA, serviu de alicerce para achegarnos á identificación dalgunhas características que se producen no contorno e na vida das persoas co outono.
Alá polo 22 de setembro, do mesmo xeito que comezaba o outono no calendario, entraba este eixo motivador na nosa aula a modo de actividade impresa na que coloreamos cadansúa árbore iniciándonos por primeira vez na escrita real e contextualizada dun dos nosos primeiros títulos: “OTOÑO”, con lápis, amodo... que difícil nos resultaba!... canto cambiamos!...


Xa logo, estampamos ao chou co dedo pintor impregnado en témpera as follas. A témpera resultou un grato descubrimento...
Bonito, bonito... quedou o noso corcho das rutinas vestido de outono...


O certo é que somos ben afortunados, a media mañá, no momento do recreo, desfrutamos dun enorme patio de xogos con 3 zonas diferenciadas. Unha zona de area de uso exclusivo para os pequerrechos e pequerrechas do mandilón de cor verde (3 anos), unha modesta zona de columpios e unha espectacular zona verde con castiñeiro incluído. Cantas follas, paus, pedras... recollemos do chan!... Ah!, pero é que ademais algúns levamos case a diario para a casa a súa ración de castañas e noces... XOANA é unha crack!


Asemade, unha mañá vimos como un home -supoñemos que se trata do... xardineiro ou varrendeiro do cole??-, varría as follas facendo pequenos montóns. Axiña PAULA, vasoira en man, non dubidou en intentar facer o seu montonciño, complicado dabondo... canto pesaba e que longa era a vasoira!


Durante estas semanas, decatámonos que ademais das follas, outro elemento característico do outono son os cogomelos, por iso, para o concurso organizado pola “Sociedade Micolóxica Lucus”, participamos onda o resto das aulas de Educación Infantil nun mural en 3D. Modelamos con plastilina de cores cogomelos diferenciando: o pé e o sombreiro.


O máis difícil foi non misturar a plastilina, por iso, organizámonos nun improvisado obradoiro de modelado no que cada mesa-equipo, debía elaborar unha parte do cogomelo. Plastilina de cor branca, vermella, amarela e laranxa... con axuda quedaron uns cogomelos estupendásticos!...














E o resultado final... xenial!... Profe Sonia e Alberto son uns artistas!, mágoa que a exposición durase tan pouco...


Por outra banda, no tocante á celebración do magosto, como un gran acontecemento marcamos no calendario das rutinas, -nada máis e nada menos que con rotulador fluorescente de cor verde-, o día do magosto e..., por fin chegou o día!
Tratábase dun día especial, diferente, non tivemos asemblea, e a primeira hora recibimos a visita de 6ºA que nos contou unha historia apoiados nunhas láminas orixinais que nos deixaron como agasallo... parabéns!


Pola contra, para este día, preparamos como auténticos súper-maiores á castaña CATARINA para a coroa e á castaña CATUXA para o cucurucho.


Iluisionadísimos, LOIS e LARA contáronlle á teacher Mar a teima de CATARINA... quería ser pallaso!











Xa no edificio dos maiores, logo do patio, o profe José Antonio e a profe Herminia, nos repartiron unha présa de castañas... algunha estaba quentiña!



O encontro con MARINA, NOA, CARMEN, HÉCTOR, entre outros,... foi total!... por fin o profe coñeceu aos nosos irmáns!...


Logo, participamos no xogo de “coelliños ao tobo”, saltando cos pés xuntos e depositando a castaña no espazo indicado... canto animamos!


Probamos puntería co “come castañas”... intentámolo unha e outra vez!


Para rematar e voltar á calma, seguimos o percorrido sen saírnos do camiño marcado no chan para levar as castañas ata a casa... paciencia!


O magosto non defraudou, e para deixar constancia deste momento, debuxamos o xogo que máis nos gustou... “coelliños ao tobo” o máis recreado!


E para a semana que vén, un novo acontecemento marcado novamente no calendario das rutinas, desta vez con rotulador fluorescente de cor rosa, sucederá o xoves... trátase dunha rutina que levamos tempo agardando... unha rutina semanal coa que xa nada voltará a ser igual!...      


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"CAE UNA ESTRELLA"

viernes, 4 de noviembre de 2016

Esta semana, na nosa aula tivo lugar un acontecemento que vivimos con gran expectación e ilusión... a visita dunha escritora!
Para comezar e como eixo motivador, nas asembleas matinais recabamos algunhas pistas sobre a visita que tería lugar o xoves logo do patio. Sabiamos que se trataba dunha muller, que se chamaba LUCÍA, que viña falarnos dunha das súas paixóns... complicado dabondo!
Axiña formulamos diferentes hipóteses sobre a profesión de Lucía... a que se podía adicar?...
Saíron profesións para todos os gustos ata que atinamos na profesión correcta. Dende profe, dentista ou perruqueira, ata enfermeira, tendeira, e mesmo cociñeira de hamburguesas no Burguer King... case nada!
Foi ANTÍA unha das primeiras en dar no clavo. Xa logo foron HÉCTOR, PAULA e PABLO os encargados de engadir novos detalles... Lucía é escritora!, pero non unha escritora calquera, nooon!... Lucía é a profe substituta de 5 anos!...
Estabamos expectantes e ilusionados coa visita e deveciamos por escoitar o conto que traia Lucía na súa visita... que podía contar?


Cae una estrella, é un conto para oler, para sentir, para sorrir e para SER. Preséntase como un excelente alicerce no que traballar a relaxación a través da respiración, a modulación da voz e o sentido do olfacto e tacto.

- CAE UNA ESTRELLA -
Así pois, sen perder detalle, escoitamos con atención a historia de Rosa e Keops, unha raposa e un camaleón zen que aprenderon a calmarse e a vivir a vida dende a paz e o amor incondicional... que bonito!


Con esta lectura, traballamos moi especialmente a escoita activa, e unha vez que chegamos á pirámide de relaxación, intercalamos as doces palabras de Lucía coa respiración, inhalando e exhalando do mesmo xeito que Rosa e Keops facían no conto.


Con Rosa e Keops ulimos e saboreamos as nubes adestrando o noso olfacto e tacto con vainilla, margaridas, eucalipto e xeado de amorodo... mmm!


O ambiente tan grato e estimulador para a relaxación que se creou con esta historia, permitiunos escoitar a nosa respiración, e case case o latexo do corazón... que interesante!


A través da narración dos contos, aprendemos a escoitar, a pensar, a  adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos da imaxinación, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido crítico. Porén, unha das rutinas máis asentadas na nosa secuencia rutineira é o momento do conto, unha rutina reparadora coa que voltamos á calma logo do patio, do xogo libre e/ou dirixido nos rincóns ou das sesións de Psicomotricidade, aportando incluso das nosas casas, aqueles contos cuxas historias queremos compartir co resto de compañeiros e compañeiras... fenomenal!
Evidentemente, a visita de Lucía non pasou desapercibida, e nas sesións posteriores conversamos sobre os nosos contos preferidos. Peppa Pig, Mickey Mouse, Elsa e Anna de Frozen, as incombustibles Tortugas Ninja... mesmo os Simpsons e Bob Esponja!... Pero... onde quedaron os contos de sempre, os contos de toda a vida como Carapuchiña Vermella, Os 3 porquiños ou O parruliño feo?... Reconducida a conversa, ademais de todos eses contos que toman como protagonistas personaxes de debuxos animados da tv, agora si que si, saíron os clásicos da literatura infantil... quedou unha escolma de personaxes de contos do máis orixinal!


Agora xa, neste listado interminable de contos, engadimos un novo título: Cae una estrella. Unha obra orixinal co que Lucía nos agasallou e adicou con atención como unha auténtica escritora... mil millóns de GRAZAS!


LUCÍA, porque as estrelas nos contos sempre converten os soños en realidade, desexamos que nesta andadura que emprendes onda Alec Butcher -ilustrador do conto-, teñas toda a sorte do universo mundial!!...


Un saúdo acompañados de relaxadas lecturas e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

TRUCO OU TRATO?

viernes, 28 de octubre de 2016

Hoxe pechamos o traballo a uns días nos que as bruxas, pantasmas e esqueletes vertebraron as experiencias na nosa aula… que intensidade!
Sabedores da expectación que supón o Halloween-Samaín, a súa celebración na clase xa comezou antes do previsto con torbeliños de ideas que serviron para constatar cales eran os nosos coñecementos previos e para deixar en evidencia as nosas necesidades de aprendizaxe sobre esta festa.
Nestas asembleas matinais, saíron algún dos elementos máis representativos desta celebración: cabazas, pantasmas, castelos encantados, morcegos… e FRANKENSTEIN?... Pero... quen é FRANKENSTEIN?...

SONIDOS DE MIEDO (Edit. SM)
Este personaxe de cara verde, cicatrices na testa e parafusos no pescozo, causou tal sensación que buscamos imaxes no ordenador da aula, sen decatarnos, que existía-existeu un Frankenstein de verdade; por iso, sensibilidades a parte, centrámonos nos debuxos… quedamos estupefactos!
Evidentemente, non deixamos pasar inadvertido este personaxe tan característico das historias de terror e coloreamos a Frankenstein nunha actividade na que puidemos pintar, de maneira excepcional, a letra “F” con rotulador de cor vermella… quedou unha letra sangrienta espeluznante!


Da mesma maneira, coñecemos a fascinante historia de ENRIQUE, unha pantasma medoñenta que, onda os seus amigos Lucía, Jorge e Eduardo, celebraba a súa festa de aniversario de 400 anos… case nada!
El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives) serviu para crear un ambiente de festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe. Escoitámolo case a diario como recompensa: canto rimos cos cambios de cor, cos seus medos no sotáno e coa aparición de Mimí.

EL CUMPLEAÑOS DE ENRIQUE (Edit. Edelvives)
Conscientes da acollida desta historia, recreamos cadansúa pantasma. Siii, sabémolo de sobra!, as pantasmas son de cor branca!,... pero nesta ocasión, puidémolas pintar das cores que quixeramos, xa logo na asemblea explicamos que estaban a comer en cada caso. Houbo de todo: dende os caramelos brillantes e o refresco de menta do conto, ata limonada, amorodos con nata e mesmo cookies con virutas de delicioso chocolate… fantástico! E esas “UUU”… aterradoras!



Pero ahí non quedou todo, pois ademais de ver contadas veces a curta Pet of Drácula (La mascota de Drácula), memorizamos, cantamos e mimamos a canción titulada: Noche de terror.






















Tamén decoramos cadansúa carauta de cabaza con témpera e cera. Pero… non tiñamos témpera de cor laranxa!... así que fixemos a mistura entre a cor vermella e amarela e… tachán, problema resolto!...


Como pintamos, coloreamos e escribimos os nosos nomes!...


Un traballo do máis completo… parabéns!


Por outra banda, dende o centro pediuse a colaboración das nosas familias para a achega de cabazas decoradas co gallo desta celebración para unha exposición no hall do noso edificio: bruxas, morcegos, zombies, Maléfica… ata unha cabaza de Frankenstein con parafusos incorporados e a de Triki -o  monstro das galletas- que traia cookies de serie que enseguida degustamos compracidamente… mmm!












Este curso, na exposición aprendemos a “no tocar, solo ver”, trátanse de obras de arte, e as obras de arte… non se poden tocar!!... Quedou claro??...


Xa hoxe venres, para darlle á xornada un toque diferente e especial, o desenvolvemento de cada rutina estivo marcada polo Halloween-Samaín.
Así pois, segundo o listado alfabético do panel de ausencias e presenzas, tocóulle ser súper-encargado a ESTEBAN, pero máis que súper-encargado resultou ser… un súper-morcego! Pois excepcionalmente, logo de non ter ningún erro no ditado de grafemas no encerado, o ditado de números fíxoo coa capucha posta…, un detalle que quizáis non teña a maior importancia, pero ver a ESTEBAN na aula coa capucha de morcegos foi algo que non sabemos o motivo, pero… nos deixou sen palabras!


E aínda quedaba o mellor, un aparello con sons de medo que nos serviu para comprobar se eramos quen de adiviñar de que se trataba en cada caso. Algúns sons estaban doados, eran similares aos sons que aparecen no conto de Sonidos de Miedo (Edit. SM), pero outros… canta imaxinación!















Xa logo, no momento da merenda, improvisamos un picnic na zona da asemblea. PAULA, HÉCTOR e outros nenos pulsaron o aparello unha e outra vez ao tempo que o resto tentaba adiviñar... como nos gusta facer de profe!



E para rematar, a editorial de MUNELA agasallounos cunha piruleta de amorodo que viña nun cestiño idéntico ao dos Little Einteins… que coincidencia!


Isto e a purpurina que refregamos pola cara foi o mellor colofón a unha semana… terroríficamente divertida! HA HA HA!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!