Bienvenido

CARACOL, CARACOLEIRO...

viernes, 13 de noviembre de 2015

Hoxe celebramos o magosto, unha actividade que serviu para pechar as experiencias suscitadas e recreadas a partir da chegada do outono e que nos serviron como medio para constatar algúns cambios e características que se producen no contorno cotiá e na vida das persoas.
Así pois, nas asembleas destes días, incorporamos como rutina da aula a observación e identificación de elementos representativos do outono a partir das manualidades aportadas polas nosas familias: castañas, noces, landras, améndoas... e sobre todos follas, moitas moitas follas do outono que recreaban dende personaxes fantásticos e do máis curiosos, ata bosques animados. Quedou unha exposición estupenda!... mil millóns de grazas, familias!...



Tamén desenvolvimos unha manchea de actividades impresas nas que tachamos, recortamos, pegamos gomets, pintamos... amodiño, ao xeito, sen présas!... uf, que difícil, sempre queremos ser os primeiros!...

Xa hoxe no magosto, o tempo prestouse para pasar unha mañá do máis divertida, participando activamente nas estacións preparadas en cada caso: pasea a castaña, tragacastañas, caracol, carreiras de sacos... e ata un magosto de cores no que emparellamos castañas de cores!



















Esta mañá de xogos serviunos para seguir aprendendo a respectar as normas de cada xogo, ser pacientes agardando a quenda, iniciarnos no traballo cooperativo, non competitivo... excelente traballo! o profe quedou contentísimo co ben que nos portamos... somos os mellores!


Tamén durante esta xornada, reservamos un tempo na aula para desenvolver a actividade do préstamo semanal, onde NAIRA exerceu de contacontos coa lectura de Caillou envía una carta (Edit. Everest).


Logo de todas estas actividades, aínda faltaba o mellor, degustar as castañas que durante a mañá un grupo de mestres asaron no pabillón dos maiores. 


Para isto, durante esta semana creamos cadanseu cestiño para as castañas, reatopándonos cunha vella coñecida: a castaña Catarina!
Con pincel pintamos, a elexir de cor marrón ou amarelo, un prato...


Logo fixemos pegadas cos dedos de cor marrón ou amarelo dependendo do fondo escollido previamente para o prato.


Finalmente, coloreamos e pegamos a castaña Catarina e... cestiño listo!


Este curso, ademais, coñecimos un novo personaxe. Tratábase dun pallaso, si, si... tamén hai castañas pallaso! Así pois, e cando aínda estabamos asimilando todo o vivido durante o Halloween-Samaín, rapidamente o noso corcho do corredor encheuse de castañas e máis castañas que, xa o venres empregamos como identificativo de 4 ANOS na celebración do magosto.



E agora que toca?... Pois comezar con todos os preparativos do Nadal: calendario de adviento, carta ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente, novas e visitas dende Oriente... sen lugar a dúbidas, queda o mellor de todo o curso!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

SEMANA FANTÁSTICA!

viernes, 6 de noviembre de 2015

A partir desta mesma semana teremos nas nosas casas un convidado, pero non se trata dun convidado calquera,… nooon!, trátase dun convidado especial, nada máis e nada menos que MOLI recén aterrado de Nubaris!

Como xa vos contaramos, MOLI é un nubari moi viaxeiro que consegue chegar ata os sitios máis fascinantes da Terra. E ao regresar de cada lugar leva a súa mochila chea de apaixonantes aventuras e de novos amigos, que quere compartir con todos nós. Acompañádesnos?...

En cada unidade didáctica, MOLI convértese nun excepcional alicerce co que descubrimos, identificamos e valoramos elementos representativos sobre a escola, o outono, a familia e, moi pronto, sobre o Nadal... estupendo!


A actividade da rutina semanal de MOLI, consiste en contar no libro da mascota algunhas das actividades desenvoltas ao longo da semana na que MOLI estivo de visita nas nosas casas. Logo, nas asembleas matinais, o anfitrión semanal explicará ao resto todo o vivido durante a semana.


A visita será semanal (de xoves a xoves), e o texto irá acompañado de fotografías nas que aparezan MOLI en compañía dos nosos desenvolvendo algunhas das actividades da nosa vida cotiá: xogando, durmindo, no coche, no parque, no supermercado... será unha semana fantástica!
Asemade, estas fotografías irán acompañadas de pequenos textos escritos que nos permitan iniciarnos na lecto-escritura dun xeito real e contextualidado. Como non podía ser doutro xeito, resultará importantísimo que sexamos nós os encargados de escribir o texto da folla, para o que poderemos empregar lápises ou rotuladores, nunca ceras en tanto que o trazo resulta menos preciso.. Ah!... e lembrade!... non todo vale!...
Para que esta nova rutina semanal sexa se cabe aínda máis froitífera, as fotografías e os textos acompañaranse dunha creación artística de temática libre na que se poderán empregar diferentes materiais (ceras plásticas, rotuladores, plastilina, purpurina...) e técnicas (collage, mosaico, estampado... imaxinación ao poder!


De tal xeito, a final de curso grazas ao traballo e colaboración de todos e todas teremos un fermoso libro onde aparecerán compiladas aquelas experiencias que contan cunha especial significatividade na aula: magosto, Nadal, entroido, primavera...
E para comezar,… MOLI viaxou onda NICOLÁS e a súa familia. Seguro que MOLI disfrutará dun delicioso chocolate con nata… mmm!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

A.D.R. CASTELAO: ESCOLA DE SUSTOS.

jueves, 29 de octubre de 2015

Hoxe puxemos o colofón final a uns días monstruosamente divertidos cheos de cabazas terroríficas, pantasmas, morcegos e moitas, moooitas historias de “medo”.
Comezamos a motivación desta celebración mediante un torbeliño de ideas no que destacamos elementos representativos desta data: pantasma, bruxa, esquelete, vampiro, castelo encantado, momia e... FRANKENSTEIN!   
Pero... que é ou quen é FRANKENSTEIN?... Pois FRANKENSTEIN é un gran home de cara verde metade humano, metade robot que este curso se converteu no personaxe fantástico estrela das nosas conversas, debuxos, xogos... Si, si, ata MIGUEL trouxo un boneco deste personaxe co que disfrutar no rincón de piratas,... fantástica idea!
Así pois, a partir das asembleas matinais aprendemos a identificar e a respectar os medos propios e alleos dándolle a naturalidade propia, pois... quen non ten algún medo?...


Tranquilos, non hai de que asustarse!... bruxas, pantasmas, vampiros, momias e demais personaxes... so existen nos contos e/ou nas pelis!
Tamén durante estes días recreamos a festa de aniversario de Enrique coa lectura dos contos: El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives) e Sonidos de Miedo (Edit. SM) -non era o aniversario de Enrique, senón o aniversario de 4 anos de SANTIAGO-, coloreamos pantasmas facendo series de dúas cores, debuxamos personaxes arrepiantes en castelos encantados, descubrimos a anatomía dunha bruxa a partir da escrita significativa de palabras: SOMBREIRO, GATO, VASOIRA...









Asemade, co gallo desta celebración, o colexio mudou a ambientación cotiá. 


Neste senso, a nosa porta mudou o seu aspecto... quen se atreve entrar?...


Ah!, e o noso corcho do corredor converteuse na morada duns orixinais vampiros rodeados de escalofriantes imaxes fantasmagóricas... uuuh!


Por outra banda, e por se todo isto fose pouco, dende o centro solicitouse a colaboración das nosas familias na decoración das cabazas: dende bruxas, vampiros e bebés, ata personaxes dos nosos debuxos animados favoritos, unha vez máis… mil millóns de grazas, familias!! E a pesar de que este curso o mal tempo impedise converter o centro nunha escola encantada coas cabazas expostas nas ventás, entre todos e todas conseguimos que os corredores si desen medo, moooito meeedo!


Uuuh!!... menudo susto se levou a teacher Karina... it was very fun, thank you teacher!


Xa para rematar, hoxe xoves despois do recreo puxemos o disfraz de gato elaborado para a ocasión e dirixímonos con certa desconfianza cara o pabillón dos maiores... que tanto barullo?...


Máis tranquilos aínda que sen perder de vista ao profe, disfrutamos da escolma de cancións seleccionadas para o acto e, a pesar de traballar a xestión positiva dos nosos medos durante estes días... quen non ía ter medo as carautas que levaban algúns dos maiores?... uf, que mal rato!


Truco ou trato?... No noso caso foi doado, e levamos para a casa un delicioso truco en forma de gato... mmm, saboroso final!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ENCERADO DIXITAL INTERACTIVO.

viernes, 23 de octubre de 2015

A nosa aula non podía permanecer á marxe das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), por iso, este curso incorporamos ás nosas actividades cotiás a interacción co Encerado Dixital Interactivo (EDI), a partir dos recursos educativos que nos ofrecen as ferramentas web 2.0: software comercializado, conexión a recursos web na Internet, repositorio de contidos e actividades do Espazo Abalar da Consellería…

Dende o momento do nacemento convivimos  con todo tipo de equipos tecnolóxicos: smartphones, tablets, PCs…, polo tanto, resulta evidente que as actividades que desenvolvemos na escola converteranse nunha realidade, se cabe máis rica e froitífera, se no proceso de ensinanza-aprendizaxe se empregan medios tecnolóxicos de información e de comunicación.
Deste xeito, o curso pasado, cando eramos os máis pequerrechos e pequerrechas do colexio, mergullarámonos de xeito tímido no uso e manexo das múltiples posiblidades que nos ofrece o Encerado Dixital Interactivo disposto na zona da asemblea. Así pois, empregamos este recurso para adentrarnos no centro de interese que NUBA nos presentaba en cada historia axudándonos a comprender cada vez máis e mellor o noso pequeno-gran mundo... estabamos como no cine!


Ademais, xa en 3 anos participamos en varias actividades a través do emprego case sistemático do Encerado Dixital Interactivo mediante unhas doadas tarefas cuxa finalidade era controlar o punteiro do rato... que recordos!


Agora xa en 4 anos, empregaremos ao longo do curso e segundo as necesidades de cada momento, as posibilidades que nos ofrece o Encerado Dixital Interactivo como un excelente recurso didáctico para aprender e para xogar. Coa introdución do manexo deste medio traballaranse, reforzaranse e ampliaranse algúns dos contidos propios da Educación Infantil: lóxica-matemática, lecto-escritura, grafomotricidade, as cores, nocións espaciais, temporais, topolóxicas, musicais… ademais da consabida adquisición doutras capacidades, competencias e habilidades máis específicas como aprender a mover de maneira precisa o rato, sinalar, facer clic, arrastrar…



Estas e outras actividades, axudarán a contribuir ao desenvolvemento da Competencia Básica establecida pola UNESCO: Tratamento da Información e Competencia Dixital, ao tempo que acadamos os obxectivos incluídos no “Plan de Integración das TIC´s” do centro... que interesante!



Parece doado, si, pero se non queremos “perder a partida”, hai que estar cos ollos ben abertos para non perder detalle...que pantalla tan grande!



Cada día agardamos con ilusión desenvolver actividades a través do EDI, agora temos que propoñernos ter un chisquiño máis de paciencia para agardar sen desesperarse demasiado a nosa quenda… moooita paciencia e atención!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

COMA SÚPER-MAIORES!...

viernes, 16 de octubre de 2015

Hoxe levamos a cabo o primeiro préstamo semanal de biblioteca, todo un préstamo en condicións: sesión de contacontos e nomeamento da contacontos da vindeira semana, visionado das nosas primeiras fichas de lectura: que contos gustaron máis, que contos gustaron menos... Todo isto nun dos lugares do cole no que nos debemos portar mellor que nunca: na biblioteca... case nada!

Así pois, a actividade desta semana serviunos para repasar as normas de obrigado cumprimento cada vez que entramos na biblioteca do cole facendo fincapé en que neste espazo non se pode falar,... alomenos non en voz alta!
Sabedes que hai que facer se vemos un libro estragado?... Pois deixalo na “Cruz Vermella” para que os profes o arranxen e non se rompa máis.
Sabedes que na biblioteca temos unha Xouba?... Xouba Castelao é a mascota da biblioteca e a encargada de lembrarnos as normas a través de paneis e pictogramas.


Pódese comer/beber na biblioteca?... Nooon, iso tamén está prohibido!...
Logo deste breve recordatorio, unha a unha descubrimos as fichas de lectura elaboradas por cada compañeiro e compañeira... que traballos!
Había fichas de lectura elaboradísimas ás que non lles faltaba detalle, fichas de lectura cuns Caillous e cunhas Peppas xeniais, repletas de cores e de toneladas concentradas de enxeño... parabéns! Ah familias!, non esquezades que xa somos o suficientemente maiores para levar a cabo a actividade completa pola nosa conta... paciencia!


Chamounos a atención que algún de nós decidiu colorear a cara triste -pictograma que indica que a historia do conto non resultou todo o interesante que coidabamos-... non pasa nada!... e agardamos que as vindeiras semanas o conto sexa máis do seu agrado... seguro que si! Neste senso, sempre interesantes resultan as actividades que levamos a cabo no rincón da biblioteca establecido nun dos espazos máis luminosos da nosa aula... agora os contos son novos... que imaxes máis espectaculares!


Como colofón final, e antes de repartir os contos da semana, tal e como vos comentaramos NICOLÁS, converteuse no primeiro contacontos do curso.
Peppa va a la piscina (Edit. Beascoa), foi o conto elexido, realizando unha “lectura” case case profesional, nun principio timidamente por iso de estar de protagonista absoluto de fronte ao grupo-clase. Malia a isto, cada vez foi gañando máis confianza e o seu ton de voz máis alto fixo que apenas perdesemos detalle dun conto que xa coñecemos de memoria... fantástico!


Agora xa, a vindeira semana tocaralle o turno a XIMENA que rapidamente elixiu un novo conto da colección de Peppa Pig: Peppa va al parque de atracciones (Edit. Beascoa)... estará fantástica seguro!


E agora que?... Pois ao tempo que seguimos descubrindo algunha peculiaridade de Nova Celandia grazas á viaxe de MOLI, mergullarémonos nunha das datas cunha especial significatividade no cole: o Samaín-Halloween!; un acontecemento que propiciará un senfín de actividades de aprendizaxe... monstruosamente interesantes!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!