Bienvenido

LETRILANDIA: O PAÍS DAS LETRAS. (I)

viernes, 25 de octubre de 2019

Axiña iniciaremos unha viaxe fascinante a un país que existiu hai moitísimos anos cando había xigantes e magos, trasnos e fadas, na época na que os animais falaban: Letrilandia, o País das Letras.
Porén, e convencidos que un lector non nace, faise, adicaremos parte do traballo diario a contidos vencellados á lecto-escritura en letra enlazada minúscula.
Este reto competencial que culmina este derradeiro curso de Educación Infantil, será o resultado dun longo camiño iniciado xa cando tiñamos 3 anos, onde, de xeito máis significativo, traballamos a lecto-escritura en actividades cotiás como no fichaxe de ausencias e presenzas, cando o profe nos manda “antes de nada y arriba de todo” poñer o nome nas actividades impresas, modelado en plastilina de grafemas, os rótulos e pictogramas que existen na aula e que axudan a organizar e distribuir o espazo (percheiros, arquivadores, recantos...)... e un senfín de recursos que farán posible que esa linguaxe tan marabillosa que sae dos contos, saia tantas veces como queiramos.


Indubidablemente, a nosa aula convértese nun verdadeiro entorno receptor alfabético, onde a lecto-escritura é unha aprendizaxe máis que construímos e reconstruímos a partir dunha visión construtivista escolar.


Ao tempo, a utilización dos contos como rutina de aula, sérvenos para crear un clima de festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe. Incluso ás veces, a partir destes, elaboramos xogos de creación literaria inventando historias ou imaxinando finais diferentes para contos xa coñecidos.


Para que todo este proceso culmine da mellor maneira posible, resulta esencial que nos sintamos motivados, só deste modo gañaremos confianza e seguridade nesta nova aventura que se nos presenta.


Deste xeito, pronto levaremos para as nosas casas durante a fin de semana o libro de lectura nº1 de “Letrilandia” para traballar de xeito sistemático o grafema visto na clase. Esta tarefa agardamos que se traduza nunha realidade rica e froitífera dentro do noso proceso de ensinanza-aprendizaxe... contamos convosco, familias!...


Agora xa o sabedes, ler ten que ser un tempo de pracer, de diversión e desfrute, así que paciencia, moita paciencia...  
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Jose dijo...

Un gran paso adiante e gañas non lles faltan. Noraboa polo esforzo