Bienvenido

O MEU VECIÑO CAMILIÑO JOSESIÑO.

viernes, 7 de febrero de 2014

Esta semana tivemos entre nós, na nosa clase, un novo compañeiro: Camiliño Josesiño. Como, que non sabedes de quen se trata?...
Camiliño Josesiño, como lle chamaba a súa nai e a súa tia, é Camilo José Cela.
Desta maneira, e da man de dous dos encargados da Fundación Camilo José Cela -Electra e Fran- descubrimos e aprendimos dun xeito ameno e divertido diferentes aspectos vencellados á vida e obra deste prolífico autor nado moi preto de Rianxo, en Padrón.
Así pois, os días previos á visita, no Encerado Dixital Interactivo (EDI), vimos e limos o conto: O meu veciño Camiliño Josesiño, descubrindo algúns datos biográficos deste escritor galego.
Descubrimos e aprendimos que vivía en Iria Flavia a carón da vía do tren e que o que máis lle gustaba era escribir a todas horas e en todas partes ata chegar a escribir máis de 100 libros... uf, case nada!
Na primeira das tres sesións de traballo organizadas pola Fundación, coñecimos algúns dos premios concedidos a Camilo José Cela, destacando un dos máis importantes da súa carreira: o Premio Nobel que se atopa exposto no seu museo de Padrón.


Asemade, e como escritor de tantos libros de todas as cores, grosores e tamaños, centrámonos nunha das novelas máis emblemáticas da súa carreira: La Colmena; un libro gordecho, moooi gordecho e que poderemos ler cando sexamos un chisquiño máis maiores.


Xa o martes, na segunda sesión, fixemos actividades de lectura e escritura a partir do xogo coa “Casa das Letras”. Entusiasmados e coa lección ben aprendida de como nos debiamos comportar, recibimos a Electra e a Fran que nos traian unha sorpresa fantástica... Tratábase da casa na que vivía Camiliño Josesiño, unha casa na que as paredes e o teito estaban cheos de letras, unha casa na que de tantas palabras que había, saian pola cheminea!










Empregando como apoios realistas uns títeres, revivimos capítulos da infancia de Camiliño Josesiño e o vínculo especial que tivo cun galo que o acompañaba a todas partes para evitar os ataques do raposo.


Bufariñento, que era así como se chamaba o galo, era un animal diferente, un galo especial, xa que según nos contaron, alimentabase de letras, sendo as súas favoritas as letras minúsculas... que casualidade, unha das nosas especialidades! Así que, con lápis e papel, recreamos o noso Bufariñento rodeado de mil millóns de letras de tódolos tamaños e cores...


Hoxe venres, na derradeira sesión, e como o prometido é débeda, Electra e Fran trouxéronnos unha sorpresa tan tan tan grande como Fran. Era un teatrillo de monicreques co que dramatizaron a historia de Camilo José Cela con Armando Mondéjar. Foi unha historia ben divertida da que non perdemos detalle e na que aproveitamos para interaccionar cos títeres protagonistas.




E para rematar... que mellor que facelo creando o noso títere de dedo de Camilo José Cela ou de Armando Mondéjar?... Quedou estupendo!...



Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

DEREITO Á PAZ.

viernes, 31 de enero de 2014

Un curso máis, o 30 de xaneiro, celebramos o “Día da Paz”, unha actividade conmemorativa que serviu para traballar aspectos vencellados coa Educación para a Paz; unha temática que forma parte dos diferentes momentos da xornada escolar ao longo de todo o curso.
Sen ir máis lonxe, o momento da asemblea matinal de cada día, posibilita o traballo desta temática permitíndonos avanzar progresivamente na escoita atenta ao resto de compañeiros e compañeiras, a respectar as opinións e ideas dos demais, a levantar a man antes de falar..., normas básicas de convivencia e relación social que aínda nos seguen custando un chisquiño.
Día a día, os nosos faladoiros eran máis ricos e froitíferos: torbeliños de ideas previa man levantada -esta semana facíase algo indispensable-, relacionamos o concepto de Paz con conceptos e accións cotiás como: “non pegar”, “recoller”, “cariño”... chegando entre todos e todas moi acertadamente á conclusión de que a Paz é algo máis que a ausencia de guerra.
Todo isto, en máis dun momento desta semana resultou máis que nunca unha utopía: seguimos falando a berros, cústanos adaptar o noso comportamento a cada momento da xornada, e mesmo, xa na entrada no momento da fila, aproveitamos para xogar a iso que tanto nos gusta... a pelexar! sen advertir as consecuencias nin controlar os riscos que pode ocasionar.
Todas estas situacións, servíronnos para reflexionar sobre as nosas accións e comportamentos. Así, cando un compañeiro ou compañeira nos pega a solución non é responder do mesmo xeito, que cando é tempo de traballar hai que traballar, que cando hai que estar escoitando non se pode falar... parece que nos quedou todo bastante claro, e que claro, isto de ser os súper-maiores de mandilón implica dar un bo exemplo ao resto de nenos e nenas de Educación Infantil, e moitas veces esquecémonos disto.
Asemade, participamos nunha das actividades propostas a nivel de centro. Este curso, para decorar os corredores do cole, elaboramos o “Tren da Paz” cos 10 Dereitos da Infancia.


Cada tren leva 10 vagóns -un por cada dereito- e cada vagón tiña que levar escrito o dereito correspondente decorado con diferentes materiais e técnicas plásticas.


Á nosa clase, tocounos un dos dereitos máis sinxelos, tendo en conta o traballo realizado durante esta semana: o Dereito á Paz.
Con témpera de cores, rotuladores e purpurina, moooita purpurina, decoramos o vagón número 8 sobre o que voaban unhas curiosas pombas da paz nas que escribimos entre outras palabras: “non pegar patadas”, “traballar”, “compartir”, “axudar”... “amor” e “ser novios”... -destas últimas daremos boa conta nas vindeiras semanas, non vexades o que deu de si o binomio  “amor-novios”-.
Xa para rematar, faltaba por poñer os viaxeiros do vagón. E que mellores viaxeiros que os seus propios creadores...


Como actividade final, o xoves logo do patio, coroa pola Paz incorporada, acudimos ao acto organizado polo Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares.
Este curso, as nosas coroas da Paz lucían debuxos vencellados con esta temática, entre os que por suposto, non podían faltar os símbolos e pombas da Paz traballados en cursos anteriores.















Na pantalla instalada para o evento, un a un fomos coñecendo os vagóns elaborados por todas as clases do cole descubrindo algunha curiosidade do dereito que viaxaba en cada vagón: Dereito á Vida, Dereito á Saúde, Dereito á Educación...
Por outra banda, tamén se aproveitou o acto para facerlle unha homenaxe a un dos Premios Nobel finado recentemente: Nelson Mandela; un home que xunto con outros persoeiros importantes da nosa historia mundial puxeron o seu graniño de area para lograr iso que en moitos lugares segue sendo un soño: a PAZ.
E para rematar este acto... que mellor maneira que mover o esquelete ao ritmo da canción escollida para este curso: Es tiempo de cambiar  de Juanes.


Agora xa, esta semana, mergullarémonos na vida e obra de Camiliño Josesiño. Así que seguide moi atentos ao noso blogue que de seguro vos sorprenderemos...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

DENDE NUBARIS CON ILUSIÓN...

viernes, 24 de enero de 2014

 A partir deste mesmo xoves, semanalmente teremos nas nosas casas á nubari que máis ama os libros: a ARIS.
Como xa vos contaramos a principio de curso, a ARIS encántalle descubrir os tesouros que se agochan nos libros.
Por iso, cando un libro cae nas súas mans, cun suave movemento de nariz, viaxa a través del introducíndose nos relatos das súas páxinas regresando sempre coa satisfacción de quen descobre cousas novas.
En cada centro de interese, ARIS convírtese nun excepcional alicerce no que a través das súas historias estamos descubrindo como se produciu a historia.
No 1º trimestre, con ARIS fomos homes e mulleres prehistóricos e descubrimos como era a vida no Antigo Exipto, a importancia do río Nilo, o proceso de construción das pirámides, como eran os palacios e templos, de que se alimentaban, como coidaban a súa saúde, a escritura...
Agora xa, neste 2º trimestre, da man de ARIS coñeceremos como eran os castelos e as cidades na Idade Media, como vivían as persoas, quen eran e que facían os cabaleiros, como eran as rúas e as tendas...
Asemade, será tamén neste 2º trimestre cando nos reencontraremos coa vida e costumes dos indios, que xa traballaramos cando tiñamos 3 anos e que suscitaron diversas actividades que contribuiron ao noso proceso integral de aprendizaxe.
A actividade da rutina semanal de ARIS, consiste en contar no libro da mascota, o que fixemos con ARIS durante a semana na que estivo de visita na nosa casa. Posteriormente, nas asembleas matinais, cada un de nós fará partícipe ao resto do grupo-clase de todo o vivido durante a visita.


En tanto que xa temos máis ou menos dominada a escrita enlazada en pauta da letra minúscula, o profe explicounos que ao igual que nas actividades da “Mochila Viaxeira” e do “Préstamo Semanal”, deberemos de ser nós os encargados de escribir (con lapis, rotuladores…), o texto que acompañe a actividade.
O devandito texto irá acompañado, preferentemente, dunha fotografía na que aparezamos ARIS, outros membros da familia e nós mesmos en actividades do día a día: xogando, durmindo, no coche, no parque… e en todos aqueles lugares significativos que forman parten da nosa vida cotiá.
Ademais, este curso tocaranos traballar un chisquiño máis que os anteriores -uf!, este libro si que é grande-, e o texto e as fotografías acompañaranse dunha creación artística plástica na que poderemos empregar diferentes materiais (ceras plásticas, rotuladores, plastilina, purpurina...) e técnicas (collage, mosaico, estampado...) que ilustren de maneira orixinal e creativa unha situación vivida con ARIS. Sen lugar a dúbidas, esta será a parte na que poderemos deixar voar a nosa imaxinación... sorprenderemos seguro!
Así pois, e para dar bo exemplo, esta semana traballamos arreo e tocounos preparar entre todos e todas as páxinas que serven de inicio do libro no que compilaremos o roteiro de ARIS polas nosas casas e/ou pisos.
Buscamos e seleccionamos fotografías de diferentes momentos deste curso que non son poucos (xogando, traballando, no patio...), elaboramos unha creación plástica, escribimos unha breve historia persoal sobre ARIS...


Esta actividade resultou un auténtico traballo en equipo, pero o resultado pagou a pena, estamos moi orgullosos... unha mostra da actividade única!
E para comezar,… ARIS viaxou á casa de DANIELA. Non vexades todo o que fixo en apenas un día de estancia... fantástico!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PÉREZ, O RATONCITO DOS TEUS SOÑOS...

viernes, 17 de enero de 2014

Que rápido pasa o tempo!... Máis súper-maiores que nunca, xa non queda nada ou case nada daquelas bágoas durante os días que durou o período de adaptación, dos garabatos descontrolados que enchían as mesas de mil e unha cor, da timidez inicial que posteriormente deu paso á complicidade, dos nenos e nenas que precisaban do profe para ir ao aseo, para axudarlles a sonar os mocos e que levaban os mandilóns abrochados de forma desigual... o do mandilón si que nos custou... uf!
Pois ben, agora xa, chegados ao derradeiro curso de Educación Infantil, o paso do tempo faise, se cabe, aínda máis evidente, e aos pequerrechos e pequerrechas do profe... comezaron a caérselles os seus primeiros dentes!... Unha situación que propiciou nas asembleas matinais conversas diversas sobre o tema dos dentes e, moi especialmente, sobre a figura do Ratoncito Pérez.
O Ratoncito Pérez, é e será un dos personaxes máis populares na vida dos nenos e nenas de todos os tempos. Recollendo cada noite os dentes de leite caídos e cambiándollos por agasallos.
Pero... sabedes como o Ratoncito Pérez comezou esta extraña e divertida costume?... Pois a través da lectura do conto titulado: El Ratoncito Pérez (Edit. Susaeta) descubrímolo, concedéndolle, a este personaxe un toque máis máxico.

El Ratoncito Pérez (Edit. Susaeta)
Así pois, son varios os compañeiros e compañeiras que recibiron a visita do Ratoncito Pérez e, como non podía ser doutro xeito, aproveitaron este gran acontecemento para facer partícipes ao resto do grupo-clase desta fantástica experiencia. Mesmo o noso UNAI, tras cada día abanear unha e outra vez o dente que se lle movía, finalmente, conseguiu unha nova visita do Ratoncito Pérez...












Como pode un ratoncito tan pequeno con todos os agasallos?... E como entra nas casas?... Como é capaz de deixar os agasallos debaixo da almofada ou da nosa cama sen que espertemos?...
A estas, e a outras moitas cuestións, intentamos dar resposta durante esta semana, realizando, a partir da lectura do devandito conto, un par de actividades impresas que nos serviron para comprender o seu relato argumental xeral, ao tempo que avanzamos na lecto-escritura en letra enlazada minúscula e na expresión plástica.
Nunha das actividades impresas plasmamos o momento no que o Ratoncito Pérez, acompañado de todos os seus amiguiños atopa o dente debaixo da almofada de Blas, un neno ao que se lle caera un dente.

Na outra, decidimos plasmar o momento no que o Ratoncito Pérez, para celebralo, organiza unha gran festa á que acudiron todos os seus amiguiños e con batidos de amorodo, biscoito e flan de vainilla, bailaron á luz dunha Lúa moi presumida cos beizos pintados de cor vermella e zapatos de tacón fúcsia.

Desde o momento no que o Ratoncito Pérez atopou o dente na casa de Blas, volveu a deslizarse polo pasamáns e facer cantas locuras se lle pasen pola cabeza, porque cada vez que precisa un dente, o Ratoncito Pérez acude á casa dun neno ao que ese día se lle caera a cambio dun precioso agasallo.
Ah!... E que mellor maneira de ver o paso do tempo que celebrando o primeiro aniversario do curso. Agora, cada anfitrión, terá un privilexio extra, escoller a súa canción favorita para bailar ao son da súa melodía co resto dos nenos e nenas do grupo-clase. Nesta ocasión tocoulle a unha espléndida ANDREA, -toda unha súper-maior-,... 
Parabéns ANDREA!... e que cumpras moooitos máis!!!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!