Bienvenido

A CASTAÑA CATARINA...

viernes, 16 de noviembre de 2012

A xornada de hoxe no cole resultou diferente, xa que celebramos a nivel de centro o Magosto, un día precedido dunha serie de actividades que dunha maneira amena e divertida servíronnos para descubrir algunhas das modificacións que se producen no contorno e na vida das persoas coa chegada do outono.
A ver a ver… que cambios trae consigo a chegada do outono?...
Pois que ás árbores lles caen as follas, que vai máis frío e xa non podemos ir á praia, que vimos máis abrigadiños ao cole…
Xa logo, e a través do conto da rá Pascuala, Unha casa nun cogomelo, coñecimos algún elemento característico máis do outono: os caracois, os esquíos, as catiuscas e chuvasqueiros, os ourizos das castañas e… os cogomelos!


Sen lugar a dúbida, as cores das follas das árbores foi un tema que nos suscitou gran curiosidade e interese, xa que ademais de ser de cor amarela e marrón, no outono, a cor das follas dalgunhas árbores, tamén son de cor laranxa e vermella. Este pequeno-gran descubrimento, plasmámolo nunha actividade impresa individual na que estampamos con témpera a unha árbore outonal, follas de cor marrón, amarela, vermella e laranxa… quedaron sensacionais!


Asemade, outra das actividades que marcaron as asembleas matinais, foi a incorporación como nova rutina da observación, manipulación e experimentación de froitos típicos do outono.
Nestas cestas que cada mañá traian os nosos compañeiros e compañeiras había distintos froitos; dende os máis representativos como as castañas e as noces, ata outros menos habituais que moitos de nos apenas coñecíamos, tales como as granadas, uns froitos que están cheíños de boliñas pequerrechiñas. Unha vez máis... mil millóns de grazas!


E por suposto, entre tanto, non podiamos esquecer a elaboración dos accesorios que lucimos na celebración do magosto.
Este curso, elaboramos un cesto para as castañas a partir de material de desfeito e refugallo. Cubrimos de papeliños de cores un tetra brick, parece un traballo doado, pero os papeliños non podían ir pegados de calquera xeito, e coma se dun crebacabezas se tratase, todos e todas decoramos o noso cesto para as castañas.


Tendo en conta que fai apenas dúas semanas que celebrabamos o Samaín-Halloween, non é de extrañar que nos custe un chisquiño diferenciar perfectamente unha celebración doutra. Por iso, e para despexar calquera tipo de dúbida, que mellor que facelo a través da lectura do conto de tradición popular de A castaña Catarina. Unha historia na que se amosa a partir das súas protagonistas, as castañas Catarina e Catuxa, o proceso de crecemento dunha castaña.

A CASTAÑA CATARINA

No Magosto, pasámolo fenomenal participando nos xogos populares que se organizaron no recinto do centro.

CARREIRA DE SACOS
CARREIRA DE SACOS







ATRAPA A CASTAÑA
ATRAPA A CASTAÑA


MACRO-CREBACABEZAS
MACRO-CREBACABEZAS


TRAGACASTAÑAS
TRAGACASTAÑAS





MAGOSTO DE CORES
Mentres participabamos en cada xogo, moi impacientes, agardabamos a que as castañas estiveran listas e preparadas para comer, algo que tivemos moi presente durante toda a xornada, xa que varios de nós no momento da entrada ao cole vimos nada máis e nada menos que... o lume para asar as castañas!













Xa na clase, e máis tranquilos, lembramos o cúmulo de experiencias vividas durante a xornada, unhas experiencias que abofé estarán patentes na aula propiciando descubrimentos, xerando aprendizaxes e contribuíndo a que día a día nos vaiamos facendo máis súper-maiores...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

COUSAS DE MAIORES...

viernes, 9 de noviembre de 2012

O prometido é débeda, por iso, esta semana farémosvos partícipes de que xeito estamos realizando moi pouquiño a pouco e con toneladas de paciencia concentrada os nosos primeiros exercicios de prelectura, moi atentos…
O curso pasado, cando estabamos en 3 anos, comezamos descubrindo as vogais, unhas vogais que vivenciamos e representamos mil millóns de veces empregando diferentes estratexias e materiais: a través do modelado de plastilina, convertímonos en equilibristas de circo camiñando por enriba delas seguindo sempre a súa direccionalidade correcta e ata memorizamos e mimamos a canción de La marcha de las letras de Miliki.
Simultaneamente ao descubrimento e progresiva identificación das vogais, redescubrimos tamén os números e as cores, así como tamén as formas planas básicas, partindo dun enfoque globalizador no que xogo e traballo se combinan creando un clima de diversión que tan grato e estimulador resulta para a nosa aprendizaxe.
Este curso, xa non somos os máis pequerrechos e pequerrechas do cole, e aínda que non deberiamos ter problemas para identificar e trazar correctamente as vogais, algún que outro segue amosando dúbidas e dificultades, por iso, despois do momento adicado ao patio -momento no que empregamos a lectura como actividade de volta á calma, como actividade de relaxación-, decidimos representar cada vogal a través do noso corpo.
Mediante a canción de La marcha de las letras de Miliki primeiro…


E combinando posturas no chan, despois… velaí tedes os resultados! Uns resultados que agardamos, agora si que si, se traduzan en aprendizaxes.

"A" de "AVIÓN"
"E" de "ELEFANTE"



"I" de "IGREXA"

"O" de "OSO"
"U" de "UVAS"















Unha vez identificadas as vogais, tamén o curso pasado memorizamos o abecedario.
Deste xeito, nas asembleas matinais, descubrimos o trazo de cada grafema, asociando máis tarde palabras: “B” de “BUZÓN”, “C” de “CARLA S./V.”, “D” de “DIEGO”… e así sucesivamente.
Ademais, e para que estas asociacións nos resultasen significativas, partimos de palabras do noso día a día, e que mellor palabras que os nomes dos nosos compañeiros e compañeiras de clase, para o cal, si lembrades, elaboraramos o “Libro dos Nomes”, un libro que se atopa no rincón da biblioteca e co que cada día xogamos aprendendo e aprendemos xogando.


Bueno, pois tras estes pequenos-grandes pasos levados a cabo o curso pasado, agora toca xuntar as consoantes con cada vogal para ver que sons emiten.
Comezamos co “M”, logo co “P” e “L”, e agora estamos co “S”, sen esquecer, por suposto, os sons silábicos das outras consoantes traballadas.
Como rutina, cada día o súper-encargado/a, escribe as sílabas que se van indicando en cada caso, ao xeitiño, a modo, e cada sílaba nun recadro…


Asemade, o súper-encargado/a, le as palabras que cada día o profe escribe no encerado partindo sempre dos sons traballados ata o momento tales como: “MAMÁ”, “PIPA”, “LOLA”, “OSO”, “LUME”, “MESA”, “PALO”, “LISO”, “MISA”…
Neste momento da xornada, o máis importante é que o súper-encargado/a non quede calado, que pense sen présa e lea en voz alta… e se equivoca?... pois non pasa nada!
Todo isto vese complementado con cada actividade impresa á que lle escribimos un título, así como tamén co rincón do encerado, no que no momento do xogo libre escribimos os nomes dos nosos compañeiros e compañeiras e outras palabras que xa temos automatizadas, e despois… a debuxar!


Por si todo isto fose pouco, esta mesma semana, e logo de que tamén o súper-encargado/a realice no momento da asemblea sumas sinxelas que dan como resultado máximo o número 4, fixemos as nosas primeiras sumas en papel, unhas sumas que nos resultaron complicadísimas… non son as mesmas que no encerado?... Nada que non se subsanara días despois cun entusiasmo e entrega total cara as sumas que aparecían nas fichas… moooi ben!



Así que xa o sabedes, cando nos vexades aburridos e aburridas, e dispoñades dun pouquiño de tempo, non dubidedes en poñervos a ler con nós, a escribir palabras sinxelas e significativas, a facer sumas e series doadas... estas cousas de maiores son súper-rechiflantes!   
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UN CASTELO... "DIVINO DE LA MUERTE"!

miércoles, 31 de octubre de 2012

E por fin, por fin chegou o gran día e hoxe celebramos no cole a festa do Halloween-Samaín, foi o colofón a uns días terroríficamente divertidos cheos de cabazas, bruxas e moooitas historias de medo.
Así, durante a semana pasada, moi pero que moi entusiasmados, traballamos arreo en diversas actividades impresas que nos serviron para redescubrir e identificar algúns dos aspectos máis representativos desta data. Coñecimos os elementos que caracterizan a unha bruxa (sombreiro-vasoira-gato), realizamos seriacións de pantasmas de cores, escribimos o nome daquelas personaxes fantásticas que máis nos asustan, e ata fixemos os nosos propios debuxos; uns debuxos libres, sen modelo, xa que non somos nenos e nenas de 3 anos… quedaron estupendérrimos e máis dun profe quedou sen palabras!




Pero sen lugar a dúbidas, unha das actividades máis terrorificamente divertida, foi a recreación, un curso máis, do noso castelo encantado. Se lembrades, o curso pasado, entre todos e todas pintaramos un castelo que, máis tarde se enchería de pantasmas de sobra coñecidas por todos e todas, non si?... Pois ben, este curso, lonxe de encherse unicamente de pantasmas, decidimos engadirlle novas personaxes, e que mellores personaxes que aquelas as que máis medo lles temos: vampiros, bruxas, esqueletes, morcegos e, por suposto, o gran descubrimento deste curso… Frankenstein!
UN CASTELO... "DIVINO DE LA MUERTE"!












Ademais de todo isto, dispuxéronse nas paredes dos corredores papel continuo de cor negra, un papel negro que axiña se comezou a encher de elementos representativos desta data que fomos recreando unha vez rematado o traballo obrigatorio marcado para ese día.



Simultaneamente a todas estas actividades, traballamos algúns dos contos que unicamente lemos nesta data; uns contos que escoitamos no máis dos absolutos silenzos unha e outra vez, así que non serían un mal agasallo para pedirlle a Papa Noel ou ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente.
Unha pantasma con asma. (Edit. Kalandraka)
Sonidos de Miedo. (Edit. SM)
El cumpleaños de Enrique. (Edit. Edelvives)














Por outra banda, e por se todo isto fose pouco, unha vez máis dende o centro pediuse a colaboración das nosas familias para a elaboración das cabazas: dende bruxas, vampiros e pallasos, ata unha cabaza excavadora… mil millóns de grazas, familias!
Ao igual que o curso pasado, decidiuse expoñer as cabazas nas fiestras do cole, para no serán, acender as velas que levaban dentro e deste xeito o cole parecese que estaba encantado. Para iso, a mañá do martes, saimos ao aparcadoiro da parte dianteira e dispuxemos as nosas cabazas ao longo das nosas fiestras… quedaron xeniais!


Finalmente, hoxe celebramos o Halloween-Samaín e para iso, o mércores, despois do momento destinado ao patio, puxemos o disfraz e moi pero que moi nerviosos, agardamos a que os maiores, vestidos de seres monstruosos nos cantaran unha divertida canción. 
Este curso os máis pequerrechos do cole disfrazáranse de arañas, os máis maiores, os nenos e nenas de 5 anos de bruxos e bruxas e, nós… de cabazas!
TRUCO OU TRATO?...


Aínda que ao longo da semana o profe intentou concienciarnos para o que ía acontecer o mércores e de que varios de nós presumiamos de ser os máis valientes do cole, pasou o inevitable e a máis dun escapóuselle algunha que outra bágoa, pero é que os maiores traian unhas máscaras, buf… que meeedo!
Foron días nos que, mergullados no Halloween-Samaín, reforzamos e consolidamos algúns contidos de traballo que nos están custando especialmente, pero que vos parece si vos contamos que algún de nós xa le sen apenas titubeos os fonemas traballados ata o momento?... Seguide moi atentos ao noso blogue que axiña vos contaremos de que xeito realizamos diariamente as nosas primeiras lecturas.
Un saúdo escalofriante e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!