Bienvenido

CARGADIÑOS DE AGASALLOS, OLÉ, OLÉ OLÁ...

viernes, 11 de enero de 2019


Este martes 8 de xaneiro, regresamos ao cole tras as vacacións de Nadal e, aínda que nos custará coller de novo o pulso da rutina cotiá da aula... comezamos encantados!... este trimestre promete!...
Uf!... logo de todos estes días sen vernos, tiñamos moito que contar, porén, esta semana as asembleas matinais duraron máis do habitual. Neste senso, e como podedes imaxinar, se houbo unha conversa recorrente durante estes días foron os agasallos de Nadal. Non fomos bos, fomos boísimos; canto xoguete, canta cousa interesante... veremos senón ten que saír máis dun da casa para poder gardar tanto xoguete: bonecas, coches teledirixidos, kits de maquillaxe, de perruquería, de chefs..., tamén mochilas dos nosos personaxes de debuxos animados favoritos...
Porén, o primeiro día non había lugar a “ficha”, e unicamente reservamos un tempo para debuxar algúns agasallos de Nadal... parabéns!


Nooon, non todo acabou aquí,… nin moito menos! Pois para que vexades que xa metimos segunda e que traemos as pilas cargadas, esta semana comezamos o caderno de actividades nº3 de MUNELA... fantástico!


Sen perder detalle escoitamos o conto da unidade titulado: Munela un monstruo de lo más normal, que nos achegará ás posibilidades de ensinanza-aprendizaxe da literatura infantil, converténdose nun valioso recurso didáctico para o desenvolvemento lingüístico e para a consabida adquisición de técnicas vinculadas co proceso de lecto-escritura.
Comezamos conversando sobre os nosos contos preferidos, dende os máis clásicos como Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo, ata os máis actuais como: Peppa Pig, Mickey Mouse, Elsa e Anna de Frozen...
A través da narración dos contos, aprendemos a escoitar, a pensar, a  adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos da imaxinación, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido crítico.
Entre as moitíiisimas actividades que levaremos a cabo co gallo deste centro de interese están: as actividades de comentar que nos axudarán a asimilar o conto e a realizar unha transposión dos feitos ás experiencias vividas, actividades de xogo dramático, representando os roles dos protagonistas do conto, tamén actividades de creación de historias como a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico propostas por Gianni Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía (1985).


Ao tempo destas e outras actividades e como recompensa á nosa actitude positiva durante esta semana, avanzamos na lectura e interpretación dos “Bits de Inteligencia” de arte -axiña comezaremos unha nova categoría-, bailamos algunha das nosas cancións preferidas -a de Robin Hood segue causando furor-, vimos unha selección de contos no Encerado Dixital Interactivo (EDI)..., e por suposto, gozamos do tempo de xogo libre e/ou dirixido nos rincóns.


FAMILIAS!!... Despois dun Nadal repleto seguro de mil e unha anécdotas cargadas de toneladas de ilusión, maxia e fantasía, agardamos que voltedes a crer nos Reis Magos, e que nunca esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

BO NADAL 2018!!

martes, 25 de diciembre de 2018



Moitos estamos sen palabras e preguntándonos como Papá Noel entrou nas nosas casas para deixarnos xunto á árbore de Nadal os agasallos cos que estamos disfrutando; senón é así, non hai de que preocuparse, xa que as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente están cada vez máis cerca... Para iso, hai que lembrar o que facer na Noite de Reis senón queremos que nos pase como a Martiño… atrévete a soñar!
Siii..., unha vez aberta a última fiestra do noso “Calendario de Adviento”, chocolatina a chocolatina, chegamos ao 25 de decembro... Día de Nadal!















Así pois, neste día tan especial, gustaríanos desexar a todos cos que compartimos un sorriso, unha bágoa, un soño ou simplemente un momento das nosas vidas e deixástedes unha pegada en nós, que nunca vos falte un soño polo que loitar, un proxecto que realizar, algo que aprender, un lugar onde ir e alguén a quen querer.


Os nenos e nenas de 4 ANOS A deséxanvos un BO NADAL 2018 e un PRÓSPERO ANINOVO 2019 no que todos os vosos soños e desexos se convirtan en realidade.

TEMPO DE NADAL...

viernes, 21 de diciembre de 2018


Hoxe venres 21 de decembro, por fin chegou o tan ansiado final de trimestre, día no que levamos os materiais elaborados de MUNELA para a casa e participamos no Festival de Nadal onda o resto de nenos e nenas do cole.
O Nadal é tempo de soños e ilusións compartidas, a inminente chegada de Papá Noel e das SS.MM. os Reis Magos de Oriente, propician un case permanente ambiente de maxia que evidentemente non deixamos escapar na escola e na nosa aula.
Así, ao tempo que cada día o súper-encargado abre unha fiestra do Calendario de Adviento, aproveitamos para realizar un senfín de actividades coas que nos achegamos a algúns dos elementos, celebracións e costumes do Nadal na nosa comunidade.
Neste senso, realizamos diferentes actividades impresas cuxo eixo motivador, como non podía ser doutro xeito, foron Papá Noel e as SS.MM. os Reis Magos de Oriente, personaxes por excelencia desta data.


Comezamos coloreando de cor vermella o calcetín que noutros países Papá Noel (Santa Claus), enche de agasallos a nenos e maiores, por suposto dándolle o noso toque final... purpurina dourada!


Tamén coloreamos ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente seguindo o código de cor establecido na actividade impresa. Non temos de todo claro quen é Melchor e quen é Gaspar, a quen si coñecemos de sobra é a Baltasar.


Como xa vos contamos noutras ocasións, con estas e outras actividades, ao tempo que coidamos en realizar o traballo cotiá da mellor maneira posible (sen présa e prestando atención ao traballo propio), avanzamos na escrita espontánea de palabras significativas... fantástico!


Con tanta ansia por traballar neste sprint final de trimestre, adicamos diferentes momentos ao christmas que xa o xoves levamos para as nosas casas: pegamos estrelas troqueladas de purpurina, estampamos o dedo impregnado en témpera de cor branca, escribimos “BO NADAL 2018”... bonito, bonito quedou o noso christmas, que máis dun colocou na árbore de Nadal.


Sen lugar a dúbidas, esta semana foi de festa, resultou unha semana distinta na que se presentía certo saber a remate de trimestre e por iso, un día organizados en fila, percorremos os corredores do cole para admirar a coidada decoración de cada espazo: portas, paredes, fiestras... canto detalle!


E aínda quedaba o mellor... a celebración dos aniversarios de decembro! Uns entregados BELTRÁN, NABIA, VALERIA, ALICIA e SIRA, como anfitrións deste mes, cumpriron coas rutinas deste momento deixando paso á tarta de 5 ANOS que en xaneiro comezará a encherse con novas fotografías... parabéns!


Por tratarse duns aniversarios de final de trimestre e de ano, nesta ocasión, a celebración foi máis aló do habitual pois, ao ritmo dos éxitos do Just Dance 2018, gozamos dun momento de festa inigualable,... queremos repetir!


Isto, e a celebración do Festival de Nadal no que interpretamos a panxoliña de composición propia da profe Marta: “Chega o Nadal”, foron o mellor final posible deste 1º trimestre de 4 ANOS.







Agora xa, toca gozar destes días de vacacións e repoñer forzas para encarar un 2º trimestre que se presenta cargado de novas sorpresas... este cole si que mola!


Un saúdo con sabor a turrón e a mazapán e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!