Bienvenido

"SOÑANDO GALICIA... CON MANUEL MARÍA"

viernes, 20 de mayo de 2016

Esta semana, puxemos o colofón final á Semana das Letras Galegas 2016 participando activamente nas actividades propostas a nivel de centro.
Así pois, comezamos descubrindo algúns detalles da vida e obra de Manuel María, autor nado en Outeiro de Rei (Lugo) e ao que se lle adicaron as Letras Galegas 2016.
Entre os elementos máis representativos da súa obra, detivémonos na lectura e escoita da escolma de poemas recollidos na súa obra: Os soños na gaiola (Edit. Xerais), xa un libro clásico da nosa literatura infantil.


O medio cento de poemas deste volume percorren todo o mundo infantil. Poemas esenciais para acompañarnos no noso descubrimento do mundo, desde a natureza e a paisaxe ata os animais, as persoas e mesmo as cousas que eles fabrican. Poemas sinxelos para comezar a amar a poesía e achegarse ao marabillosa e LINDA que é a nosa terra: Galicia.
Tamén, e xa o xoves, xusto antes do momento do patio, tal e como nos prometera o profe si traballabamos ao xeito, degustamos unha deliciosa piruleta coa que pintamos a nosa lingua de cor azul posando como auténticas celebrities no photocall disposto na entrada do pavillón sur... canto rimos!
















Neste senso, recoñecer o súper-maiores que estamos e que somos no desenvolvemento do noso traballo cotiá... traballos de maiores que axiña terán unha excelente recompensa tamén de maiores!
Xa hoxe venres, foi o día grande das nosas Letras no cole con dous actos que mudaron considerablemente o desenvolvemento da xornada escolar.
Comezamos ás 11:00h. nas pistas dos maiores cun concerto didáctico que correu a cargo de Pesdelán no que interpretaron pezas musicais do noso folklore popular. 


Entre todos aprendemos a movernos ao son de cada canción, resultando, algo case imposible seguir os pasos da súa intérprete, así que xiña decidimos movernos por libre... uf, ía un sol!


Logo do patio, acudimos ao porche do pavillón sur para participar no acto no que coñecemos o vídeo creado polos profes do cole sobre Manuel María no que redescubrimos, agora tamén por medio da linguaxe de signos, novas da vida deste escritor lucense. Que implicación ten o cole de pouco para aquí con esta linguaxe!
Ademais, cada aula elaborou un cartaz no que a partir do poema de Manuel María titulado: “Galiza”, recreou un mensaxe que lle transmitise ese texto e que comezase precisamente co seu título.
No noso caso, tivémolo doado, lido o poema e valorando distintas aportacións, decidimos plasmar a partir da escrita espontánea: “GALICIA... CADA DÍA MÁIS LINDA!” Siii, partimos non dun texto poético de Manuel María, senón dunha canción de sobra coñecida por moitos de nós e que non deixa de soar nas verbenas populares interpretada polo dúo Pimpinela... exacto!
Pintamos seguindo unha serie de cores dada as letras de GALICIA. Logo, co punzón e coa táboa de picado, EVA, NAIARA, SABELA RG e XIMENA desprenderon amodiño sen présa cada letra.


Compuxemos o título na parte superior a partir destas letras móbiles.
Escribimos a partir da escrita espontánea... foi o turno de MIGUEL!


Por último, creamos unhas flores co dedo impregnado en témpera a partir das nosas fotografías seguindo a serie de cor de cada letra. E como toque final... purpurina, moita purpurina!



Neste senso, as encargadas de dicir o noso cartaz ao resto de nenos e nenas do cole, logo dun intenso proceso de casting foron EVA e SABELA RG. Resultou complicado, só querían falar polo micrófono YAIZA e GAEL, pero non, eles xa foran os encargados no Día Escolar da Non Violencia e da Paz, así que era a quenda doutros. Os nervos puideron con ambas e timidamente finalmente puídose escoitar: “Galicia... cada día máis linda e máis bonita!”.
E para rematar, xa na clase, que mellor que liberar tensións ao ritmo de Pimpinela: “Galicia!!... cada día máis linda, máis linda, cada día mellor e mellor!!...”.



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

UNHA XOANIÑA ESPECIAL, PARA UNHA FAMILIA XENIAL!

viernes, 13 de mayo de 2016

Tendo en conta a sociedade actual na que vivimos e a diversidade de familias existente, durante estes días redescubrimos, identificamos, valoramos e respectamos distintas unidades familiares aproveitando a celebración inminente do “Día Internacional da Familia”.
O 20 de setembro de 1993, a Asamblea Xeral das Nacións Unidas decidiu que o 15 de maio de cada ano se celebre o “Día Internacional da Familia”, facéndose eco da importancia que a comunidade internacional lle outorga á familia.
Sen lugar a dúbidas, a familia convértese nun elemento importante nas nosas vidas ao constituir o primeiro grupo social ao que pertencemos. Nela, establecemos a nosa base afectiva e cultural e adquirimos os valores e normas vixentes no contorno socializador próximo.

Na actualidade, existe unha diversidade de estruturas familiares, por iso, nas asembleas matinais tentamos fomentar o respecto e valoración da propia familia. Ademais, procuramos achegarnos aos distintos tipos de familias a partir de personaxes de debuxos animados e dos nosos contos favoritos. Deste xeito, cadaquén axiña identificou os membros da súa familia.
Pois clarooo… os membros da nosa unidade familiar son as persoas que viven connosco. Neste senso, tamén engadimos outros membros tales como: madriñas e padriños, avós e avoas, primos e primas..., incluso moitos non dubidamos en engadir aos nosos amigos e amigas.

Ademais destas e outras actividades, confeccionamos o agasallo para as nosas familias, desta vez non quedou material e técnica plástica sen empregar... canto traballamos!
Para comezar amasamos un anaco de pasta para modelar de cor branca. Estaba fría dabondo, incluso mollada e esvaradiza nas mans!... Rápido, moi rápido, fixemos cadansúa bóla, pois unha vez seca,... xa non teriamos nada que facer!...


Unha vez seca, por parellas fomos pintando a bóla con pincel e témpera de cor vermella: sen présa e ao xeito. Debiamos prestar atención, do contrario, o pau de cor verde clavado na parte superior perdería as súas propiedades iniciais... canto tardou en secar!


Para darlle o aspecto desexado ao agasallo, co dedo impregnado en témpera de cor negra, estampamos puntiños ao chou de xeito guiado por toda a superficie, tamén de cor branca para os ollos... a xoaniña tomaba forma!



E para rematar... unha pinza na parte máis alta do pau que servirá para poñer tantas ideas como desexemos. Neste senso,  e para comezar, na pinza engadimos a foto do libro de MOLI no centro dunha  flor primaveral con purpurina, moita moita purpurina... que chula!




Ah!... e aquí non acabou todo, pois para lembrar este día, recreamos con cartolina de cor negra e vermella unha xoaniña que agochaba nas súas ás un fermoso mensaxe...


O mellor momento?... O venres, nas rutinas de saída, cando por equipos recollimos entusiasmados a nosa xoaniña...que ben!





Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

XoGaMoS COMA GALEGOS!

domingo, 8 de mayo de 2016

Como preludio á Semana das Letras Galegas 2016 que culminaremos o venres 20 de maio, esta semana desenvolvemos diversas actividades que nos achegaron ao descubrimento, coñecemento, valoración e respecto de elementos representativos da nosa Comunidade Autónoma: Galicia.
Así pois, o luns discorremos entusiasmados polas rúas da nosa vila identificando diferentes espazos emblemáticos como a casa na que naceu e viviu A.D.R. Castelao, escritor da nosa literatura e que dá nome ao noso centro. Ao tempo, unha guía turística igual de documentada que Alison, a que coñecera MOLI en Londres, contounos a historia de “Peito de Lobo”... que interesante!


Xa o xoves, coñecedores das potencialidades e posibilidades que ofrece o xogo en Educación Infantil, participamos activamente nun obradoiro de xogos populares que nos aproximaron a xogos de sempre, a xogos de toda a vida que quizais apenas coñeciamos.
A xornada resultou ben diferente, pois logo das rutinas de entrada -este día nin tan sequera houbo tempo para a asemblea matinal- saímos ás pistas para gozar das distintas estacións dispostas no exterior do cole.
Había xogos de todo tipo e para todos os gustos: probamos equilibrio cos ZANCOS de cores, enxeño e paciencia no circuíto das CHAPAS, tamén forza e tesón no TIRO DE CORDA... que risas!, puntería e acertos varios nos BIRLOS de plástico e na , tirando a bóla ou os “pellos”, respectivamente... e que memoria no PANO contra os nenos e nenas da clase da profe Silvia... había números do 1 ao 20!












Foi unha mañá do máis divertida na que ao tempo que coñeciamos aspectos representativos do patrimonio cultural de Galicia referidos aos xogos populares, desenvolvemos valores como o traballo en equipo, a cooperación, a solidariedade, a tolerancia, o respecto...
Agora xa, entrando na recta final do trimestre e do curso, a vindeira semana teremos un cometido dobre: por unha banda, seguir participando nas actividades propias da Semana das Letras Galegas 2016, e por outra, rematar o agasallo que con tanto esmero comezamos a ultimar co gallo do Día Internacional da Familia o 15 de maio... que ilusión!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!