Bienvenido

MOCHILAS VIAXEIRAS...

viernes, 19 de octubre de 2012

A partir do martes da próxima semana, introduciremos unha nova rutina que contará cunha periodicidade semanal. Xa está aquí un curso máis a nosa “Mochila Viaxeira”!
A actividade da “Mochila Viaxeira”, está pensada para que, dende a biblioteca escolar, se leve a cabo unha actividade que implique, unha vez máis, ás nosas familias nunha dinámica coa que se pretende unha colaboración na formación de novos lectores.
Siii, de novo as nosas familias desenvolverán un papel moi importante ao servir de guías no correcto uso dos materiais e na aportación persoal ao “Caderno de Viaxe” que este curso terá unha dificultade engadida... tócanos facer todiño a nós, así que... moooita paciencia!
Trátase dunha actividade totalmente voluntaria que consiste en que durante unha semana (de martes a martes) -isto di o profe que é moi importante que o teñades en conta para, deste xeito, non dilatar demasiado a actividade no tempo- cada un de nós, elexido segundo a orde do panel de fichaxe de ausencias e presenzas, levará a “Mochila Viaxeira” para a súa casa. Nela, atópase o “Caderno de Viaxe” e diferentes materiais educativos relacionados coa lectura.
Durante esa semana na que a “Mochila Viaxeira” permaneza en cada unha das nosas casas, podremos visualizar, manipular, interpretar, ler... os materiais que nela se atopan; ademáis, cada familia deberá consensuar unha temática determinada para que sexamos nós os encargados de plasmala no “Caderno de Viaxe”.
No “Caderno Viaxeiro”, non teremos límite de follas, e as temáticas que se poden abordar son múltiples... imaxinación ao poder!
Entre algunhas posibles ideas: textos de tradición oral (adiviñas, contos, lendas, retahílas, trabalinguas, cancións populares…), cartas, poesías, redaccións, debuxos, impresións e actividades levadas a cabo cos materiais da “Mochila Viaxeira” etc... todas elas servirannos de base para a asemblea matinal de cada martes.
Para que esta proposta de traballo se convirta nunha realidade que repercuta positivamente no noso proceso de ensinanza-aprendizaxe, resulta indispensable que sexamos nós os encargados de plasmar a temática no “Caderno de Viaxe”. De pouco ou nada serve unha folla estupenda e marabillosa da que pouco ou nada sabemos, debedes facernos partícipes e converternos nos verdadeiros protagonistas da actividade, do contrario a proposta de traballo carece de sentido. 
E lembrade, na casa, do mesmo xeito que na escola... non todo vale! non o esquezades, é moooi importante, si?...
Foi o xoves, na asemblea matinal, cando unha profe nos trouxo a nosa “Mochila Viaxeira”... fenomenal!

Expectantes e nerviosos, descubrimos que materiais levaremos durante este curso: un libro sobre dinosaurios e indios, outro en inglés e de preguntas e respostas curiosas, unha película de DVD..., e ata un libro de maiores, que por que é de maiores?... Pois porque non ten debuxos e a letra é moi pequerrechiña.





















Máis concretamente, os materiais que levaremos na nosa “Mochila Viaxeira” serán:
  • Dinosaurios. ¿Te lo crees? Edit. Evergráficas.
  • Todo sobre los indios. Edit. Elfos.
  • ¿De dónde viene…? Edit. Edelvives.
  • Pequechos do deserto. Edit. Factoría K de Libros.
  • I love colours. Edit. Everest.
  • Revista MUY INTERESANTE JUNIOR nº71.
  • Os Bolechas queren saber… como producir menos lixo. Edit. A Nosa Terra.
  • CD de Un País de Cuentos. Los hermanos Grimm. Los siete cabritillos. El sastrecillo valiente.
Ademais, tamén levaremos o “Caderno de Viaxe” do curso pasado para deleitarnos cos estupendos traballiños que fixemos cando tiñamos 3 anos... espectaculares!
E para seguir disfrutando... nada mellor que acompañar a estes materiais da “Mochila Viaxeira” con algúns dos contos elaborados durante o pasado curso: Crocodilo, Pintamos o Indio e, por suposto, Unha festa súper-rechiflante... lembrades?
Así que xa sabedes: ese conto que tanto nos gusta, ese libro de poemas que contén palabras fermosas, esas imaxes que tanto nos abraian, eses DVD´s que fan bailar ás pedras, unha película de debuxos animados, un libro que aborda aspectos relacionados cos temas que andamos a traballar… viaxarán connosco ata as nosas casas a partir do próximo martes.
DANIELA será a primeira e xa está preparada, e vos?...


Un saúdo “cos brazos abertos como as páxinas dun libro” e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

QUERO SER SÚPER-ENCARGADO!

viernes, 12 de octubre de 2012

A nosa aula non podía permanecer á marxe das Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), por iso, este curso incorporamos un novo rincón dentro das rutinas da aula: o “Rincón de Tratamento da Información e Competencia Dixital”.
É evidente que, dende o momento no que nacemos, vivimos rodeados de todo tipo de equipos tecnolóxicos (cámara de fotos e de vídeo, equipos de música, ordenadores…), é por iso polo que este curso propoñémonos un novo reto: o uso do ordenador…, uf, que complicado!
Neste novo rincón, ao que cada día accede o súper-encargado/a, atópase o ordenador como un recurso didáctico para aprender e para xogar.
Coa introdución deste medio tecnolóxico na nosa aula, traballaremos, reforzaremos e ampliaremos algúns dos contidos propios da Educación Infantil tales como a lóxica-matemática, a lecto-escritura, grafomotricidade, as cores, algunhas nocións espaciais, temporais, topolóxicas, musicais… ademais da consabida adquisición doutras capacidades, competencias e habilidades máis específicas como aprender a mover de maneira precisa o rato, sinalar, facer clic, arrastrar…


Para comezar a habituarnos a este novo “trebello”, os primeiros días fomos pasando un a un polo ordenador para perderlle o medo e comezar a disfrutar desta nova rutina.
Que pasou?... Pois coma sempre houbo de todo. Nenos e nenas que manexaban o rato cunha facilidade pasmosa e, outros que collían o rato con medo… parecía que lles fora dar unha dentada! Así que paciencia e que non cunda o pánico, xa que estamos convencidos que ao longo deste curso todos nos convertiremos en pequenos-grandes expertos no uso do ordenador.




Como dato anecdótico, e dada a novidade dos primeiros días, resultaba curioso como nos colocabamos arredor do ordenador e do súper-encargado para ver como xogaba, pero agora, e transcurridas as primeiras semanas de novidade, cada un ten que estar no seu rincón. Uns rincóns nos que, a diferenza do curso pasado, nos mesturamos con nenos e nenas doutros equipos de traballo… uf, ás veces hai combinacións imposibles, pero é o momento do xogo libre, amodiño que senón…
Agora máis que nunca, contamos os días que quedan para ser súper-encargado/a… xogar co ordenador é xenial!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

"BIBLIOTECA ESCOLAR, ACELERADOR DE INNOVACIÓN"

viernes, 5 de octubre de 2012

A partir do pasado venres, incorporamos unha nova rutina á nosa parrilla de clase, a do préstamo de biblioteca.
Trátase dunha actividade cunha periodicidade semanal (de venres a venres) que propiciará un sempre grato encontro co mundo dos contos e da lectura e que creará un clima que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.
Ademais, tamén servirá para que nos sigamos familiarizando coa dinámica da biblioteca, para que nos ilusionemos cun ambiente propicio á lectura no ámbito escolar e familiar e tamén para que nos contaxiemos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e marabilloso.
Ao longo de cada semana, coa axuda das nosas familias traballaremos o conto para comprender a súa liña argumental, xa que cada venres, nomearemos un contacontos seguindo a orde da casiña do panel de rutinas, que “lerá” o conto ao resto de compañeiros e compañeiras a través da intepretación das súas imaxes e ilustracións.
O contacontos de cada venres, terá o privilexio de elexir o conto co que quere deleitarnos na súa particular sesión de contacontos, o resto levará o conto que lle toque, xa que todos os contos teñen algo de interesante, divertido ou curioso.
A través da narración dos contos, aprenderemos a escoitar, a pensar e a ver as cousas cos ollos da imaxinación, estimulando a nosa creatividade e o sentido crítico.
Entre as moitíiisimas actividades que podemos levar a cabo a partir do conto están: as actividades de comentar que axudan a asimilar o conto e a realizar unha trasposión dos feitos ás experiencias vividas, actividades de xogo dramático, representando os roles dos protagonistas do conto, e tamén actividades de creación de historias como a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico propostas por Gianni Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía. (1985)
Moi entusiasmados coa actividade do préstamo, o venres fomos á biblioteca non sen antes lembrar as normas que debemos seguir cada vez que acudimos ao pabillón dos maiores. Uf!, iso das normas en ocasións non vai con moitos de nós e aproveitamos para facer das nosas... sentímolo, profe!
Xa na biblioteca, lembramos as normas, usos e funcións da biblioteca, así como tamén quen era a súa mascota, a Xoubiña.
Logo, redescubrimos cales serán os contos que levaremos de préstamo durante gran parte deste primeiro trimestre que, para comezar, serán os mesmos que os empregados o curso pasado.
A que sabe a lúa?
(Edit. Kalandraka)
Unha historia fantástica
(Edit. Kalandraka)
A cebra Camila
(Edit. Kalandraka)
O gato lambón
(Edit. Kalandraka)
Orellas de bolboreta
(Edit. Kalandraka)
















Estes contos irémolos cambiando por outros máis de maiores; e serán máis de maiores porque coa axuda das nosas famiias poderemos silabealos, lelos como auténticos súper-maiores, pero para iso aínda temos moooito que traballar, así que paciencia...
Este curso ademais, incorporamos á actividade do préstamo a realización das nosas primeiras fichas de lectura; unhas fichas de lectura que ao igual que os títulos dos contos tamén irán cambiando a medida que gañemos soltura no seu proceso de elaboración. A final de curso, todas as fichas de lectura semanal levarémolas archivadas no que será o noso primeiro “Dossier de Lectura”.
Para realizar as fichas de lectura, podemos empregar rotuladores ou lápis, pero sempre intentando facelas o mellor posible e, neste senso, as nosas familias xogan un papel indiscutible, xa que na casa, ao igual que no cole... non vale todo!
Todos xuntos, fomos vendo unha a unha as fichas de lectura do resto da clase.
Os resultados?... Na súa meirande parte,... fa-bu-lo-sos!






Xa para rematar, a nosa primeira contacontos de 4 anos, Daniela, deleitounos coa lectura do conto O monstro de Ricardo (Edit. Kalandraka) e, máis ou menos en silenzo, escoitamos esta divertida historia na que aprendimos que os monstros tamén poden ser bos... acaso oistes falar algunha vez un monstro que fai cóxegas?




Para a seguinte semana será o turno de Rodrigo que escolleu o conto de A casa da mosca chosca (Edit. Kalandraka)... seguro que tamén estará estupendo!

A casa da mosca chosca
(Edit. Kalandraka)
Un saúdo SANFROILANeiro e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

PAPELOTE MARCHOU... PERO PASCUALA QUEDOU!

viernes, 28 de septiembre de 2012

Siii, Pascuala xa é unha máis da clase!... e esta semana, descubrimos algunha curiosidade da nosa nova mascota.
Como xa explicaramos, este curso dixemos adeus a Papelote e a Papeliño e quedamos con Pascuala. Pascuala é unha divertida ra de cor verde que, grazas ás súas antenas, pode ver cousas que ninguén ve, como as que hai por dentro do corpo e os obxectos que están lonxe.
Pascuala atópase situada nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica converterase nun excepcional alicerce que nos presentará, a través das súas aventuras, cada centro de interese: o colexio, o outono, a familia, o Nadal, a primavera... será súper-divertido!
Queredes coñecer cal é a súa historia?…Velaí vai un resumo!

Papelote e María non estaban contentos, estaban contentíiisimos…
Aquel día comezaba o cole outra vez e volverían ver aos seus amigos e amigas. Xa tiñan 4 anos!
Na clase, había dous nenos novos, Fernando e Rosalía, uns irmáns xemelgos que viñan doutro país.
Pero non todo ía ser bo, había unha mala nova: Papeplote e María só foran ao cole deixar a caixa máxica de papeliños de cores e despedirse. Marchaban a un lugar que estaba moi lonxe porque os pais de María, que eran mestres, ían traballar alí.
A nova fixo que todos se puxesen un pouco tristes, pero a profe prometeulles que, de cando en vez, falarían con eles por teléfono e mandaríanlles fotografías.
De súpeto, preto do encerado, oíuse un ruído: “plof!, cataplof!”. Había unha ra dentro da clase!
Pascuala, que era como se chamaba a ra, explicoulles que ela quería ser unha nena en vez dunha ra, pero o Trasno Pillabán e a súa poesía “convertecousas”, unicamente conseguiron facer medrar as mans, os pés e a cabeza de Pascuala. En lugar de medrarlle o pelo a Pascuala, saíronlle dúas antenas na cabeza que fan que os seus ollos vexan o que ninguén pode ver. Pero o problema máis gordo foron as zapatillas, non medraran e seguían sendo moi pequenas para os seus pés. Por todo iso, Pascuala estaba moooi enfadada… nin era unha nena nin tampouco era unha ra.
Foi entón cando Papelote, colleu a súa caixa de papeliños, meteu as zapatillas pequeniñas e… saíron grandes!
Pascuala mirouse no espello e, por primeira vez, sorriu de orella a orella. Estaba tan contenta que lle pideu á profe se podía quedar no cole. A profe lle dixo que por suposto podía quedar, pero cunha condición; Pascuala tería que aprender a portarse ben como o resto de nenos e nenas.

Ademais de traballar o conto nas asambleas matinais, para seguir familiarizándonos coa nosa nova mascota, coloreamos cadanseu debuxo de Pascuala, amodiño e ao xeito. Unha única consigna, a cara, o pescozo e as mans de Pascuala, desta vez non serían de cor carne,… senón de cor verde!
Para acostumarnos a ir poñéndolles “título” a cada ficha -agora, xunto coa de poñerlle o noso nome, escribir o “título” será unha rutina máis de cada actividade-, nesta actividade impresa aproveitamos para escribir por primeira vez o nome de PASCUALA, unha letra de cada cor e prestando moita atención, xa que os rotuladores… non se poden borrar!
Os resultados?... xulgade vos mesmos!



Asemade, fixemos cadanseu debuxo de Pascuala, unha actividade na que se viviron momentos interesantes xa que... as ras teñen orellas?, e uñas?... As ras teñen dedos?... A estas e a outras preguntas intentaremos dar resposta desenvolvendo un pequeno proxecto de investigación sobre as ras e no que a colaboración das familias, unha vez máis, será fundamental...
Os debuxos coma sempre, de todos os tipos e para todos os gustos. Pascualas con antenas moi grandes e puntiagudas e Pascualas con antenas pequerrechiñas que semellaban orellas. Tamén Pascualas de mandilón e Pascualas con pantalón, con pestanas unhas e con pendentes e beizos pintados outras… O que si quedou claro é que cada vez nos soltamos máis á hora de debuxar e, pouco a pouco, os nosos debuxos estanse a convertir en auténticas obras de arte... quedaron unhas Pascualas estupendas!





Ademais de todas estas actividades, e sen esquecer que durante a xornada temos tempo para facer de todo. Pascuala xoga un papel importante en diferentes momentos do día: no momento da asemblea matinal e do conto, no momento do xogo libre e/ou dirixido nos rincóns, no momento do tempo de lecer…
Sen lugar a dúbidas, Pascuala está a cumprir o que lle prometeu á súa profe e estase portando ás mil marabillas. Se segue así, quizáis moi pronto comece a visitar as nosas casas para coñecer ás nosas familias… quen se apunta?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UNHA ORELLA PARA ESCOITAR...

viernes, 21 de septiembre de 2012

Aquí estamos, logo da nosa primeira semana de cole e tras as festas de Rianxo, que dicimos festas, súper-festas de Rianxo, porque mira que deron de si nas asembleas matinais... foron un non parar!: que si o gusano, as colchonetas, os toros..., menuda!
Dado que estamos comezando un novo curso, -estamos xa na clase de 4 anos-, esta semana aproveitamos para lembrar algunhas das normas e rutinas establecidas o curso pasado, ao mesmo tempo que introducimos algunha nova, especialmente no momento da asemblea.
Así que moi atentos e silenzo que, a través do blogue faremosvos partícipes do que facemos cada día nas asembleas matinais, preparados?...
O primeiro de todo, tras poñer e abotoar debidamente o mandilón, damos os “Bos Días” ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe, e para ir espertando, cantamos a canción dos “Bos Días”. Este curso trátase dunha canción diferente que aprenderemos por estrofas en cada trimestre, a primeira das estrofas está xa case case...
Xa logo, o profe designa os “Coordinadores de Equipo”, cuxa misión é a de coller e recoller as caixas das pinturas e os botes dos rotuladores, así como de repartir os libros prestando moooita atención aos nomes para non equivocarse.
Pero sen lugar a dúbidas, o verdadeiro protagonista da asemblea é o súper-encargado.
Son moitas e variadas as funcións do súper-encargado:
  • elixe a pegatina para que o mandilón do profe esté ben bonito,
  • realiza a fichaxe de ausencias e presenzas dos nenos e das nenas e fai o reconto final,
  • este curso comezamos a realizar con paciencia, operacións matemáticas sinxelas, moooi sinxelas,

  • tamén escribe o seu nome e o da mascota (PASCUALA), así como outras palabras que resulten sinxelas. Comezamos con palabras significativas do centro de interese que estamos traballando en cada unidade didáctica.

  • escribe as letras do abecedario que o resto de compañeiros e compañeiras van ditando, os números do 1 ao 9 e o 0,

  • realiza a constatación do tempo atmosférico e consigna os resultados no panel do coello espacial,
  • elixe que neno ou nena irá de primeiro na fila de comedor...
Tamén como novidade, este curso no momento destinado ao xogo libre nos rincóns, o súper-encargado xogará no ordenador... fabuloso!


Na asemblea, ademais de todas estas tarefas, entre todos e todas repasamos a grafía dos números do 1 ao 9 e o 0, así como a grafía das letras do abecedario, asociando palabras a cada letra.
Como colofón final, o súper-encargado lembra a actividade impresa realizada o día anterior e o profe organiza a xornada de cada día: explica que actividade ou actividades levaremos a cabo, os especialistas de cada día...

Pero é que durante esta semana, tamén levamos a cabo as nosas primeiras actividades impresas que lle serven ao profe para realizar unha avaliación inicial acerca dos nosos coñecementos, acerca das nosas aprendizaxes, daquilo que lembramos e do que non... e así poder actuar en consecuencia durante as vindeiras semanas.
Esta semana centrámonos na lecto-escritura. Os resultados non defraudaron, non estiveron mal, pero foi unha mágoa que moitos de nós estivésemos cunha actitude de cansancio permanente e non aproveitáramos máis o tempo... pouco a pouco voltaremos a ser os de antes... incansables!


Ademais, e tendo en conta a fin das vacacións, aproveitamos para plasmar nun debuxo aquilo que máis nos entusiasmou de todo este tempo sen cole. Había debuxos para todos os gustos: na praia, na piscina, no parque...
Para ser a nosa primeira semana de cole, non estivo nada, pero que nada mal... 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ESTE CURSO SERÁ TOTAL!...

miércoles, 12 de septiembre de 2012

Siii, hoxe comezou de novo o cole tras as vacacións de verán e, aínda que pasaron xa máis de dous meses dende que moitos nos vimos por última vez, parece que foi onte cando rematou o cole... como pasa o tempo, xa estamos de novo co mandilón!
Estabamos nerviosos, ilusionados e algúns de nós ata con vergoña, si, si, menos mal que, xa na clase, e transcurridos uns minutiños, todos e todas volvimos a ser os “nenos e nenas do profe”; non se trata duns nenos e nenas calquera... nooon! Trátase dos nenos e nenas máis especiais do universo mundial, aos que se suman dous novos amiguiños: Rodrigo e, de novo, Carla S.,... benvidos, xuntos pasarémolo fenomenal!

Unha vez todos e todas na aula, quen máis e quen menos lembraba cal era o seu sitio na liña vermella da asemblea, pero hoxe, ao tratarse dun día especial -era o día da presentación como ben nos explicou Froilán-, puidemos sentar no sitio que quixeramos, ao carón do noso amiguiño ou amiguiña... e por que? Pois porque hoxe coñeceriamos un dato que resulta especialmente interesante para a nosa vida cotiá na aula, coñeceriamos os novos equipos de traballo e o lugar no que nos sentaremos durante o ano... guaaau!
Para este novo curso, o profe organizou 4 equipos: o Equipo do “M”, do “P”, do “L” e do “S”. Deste xeito, e mediante unha dinámica sinxela, coñecimos cal será o noso sitio ao longo deste curso e con quen compartiremos diariamente as actividades e o traballo individual.
O certo é que ninguén amosou reticencias a cambiar de mesa de traballo e de compañeiros... velaí van os equipos para este curso!
No Equipo do “M” estarán Nerea, Lois, Diego, Luis Miguel, Daniela e Carla S..
No Equipo do “P” estarán Unai, Carla V., Rodrigo e Tania e no Equipo do “L”: Froilán, Xiana X., Leo e Mencía.
Finalmente, noutra das mesas grandes estará o Equipo do “S” formado por Sergio, Roi, Andrea, Lucía e Álvaro
Bueno, todo isto sempre e cando nos portemos en cada momento como é debido e traballemos a modiño, do contrario...

Logo disto, e ao tratarse dun día diferente tamén no que a horario se refire, basicamente adicámonos a poñernos ao día e facer partícipes ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe de todas as vivencias que, dalgunha maneira, marcaron as nosas vacacións. Menudas vacacións máis intensas!
Estabamos contentos, nerviosos, ilusionados... raros!, o profe notounos maiores, moi maiores, unha proba evidente do paso do tempo e do noso proceso de desenvolvemento.
Despois da asemblea, descubrimos algunhas das novidades máis significativas da aula, e claro, como non podía ser doutra maneira, redescubrimos á nosa nova mascota, a ra Pascuala da que vos falaremos máis adiante...
Uf!, soubonos a pouco, pero sen lugar a dúbidas foi o mellor aperitivo para comezar este curso con máis ganas que nunca e co mellor dos nosos sorrisos. Estamos seguros de que... este curso será total!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

O 12 DE SETEMBRO... COMEZAMOS!!!

sábado, 1 de septiembre de 2012

Logo dunhas merecidas vacacións de verán, voltaremos a vernos de novo o próximo mércores 12 de setembro (de 11:00h. a 12:00h.) e, aínda que a moitos de nós custaranos coller de novo os hábitos e o ritmo de traballo acadados ao longo do pasado curso, quen máis e quen menos seguro que está desexando atoparse de novo cos compañeiros e compañeiras, coñecer en que equipo de traballo estaremos e en que mesa nos sentaremos, coñecer as aventuras e desventuras de Pascuala, a nosa nova mascota de aula...
Este curso non se trata dun curso máis... nooon!!!, xa non somos os máis pequerrechos e pequerrechas do cole, así que deberemos dar exemplo aos nenos e nenas de 3 anos que alá polo mes de xuño viñeran a visitarnos ao cole... lembrades? Así, ao ser xa nenos e nenas de 4 anos, intentaremos non chorar nas entradas, portarnos extra-fenomenal en cada momento da xornada, facer o noso traballo cotián o mellor posible...
Notaredes que vimos con moitas ganas e motivación, sabedores de que como non podía ser doutra forma, a nosa familia estará sempre ao noso carón felicitándonos polos éxitos acadados e alentándonos a intentalo unha e outra vez ata conseguilos... mil millóns de grazas!
Un curso máis, e a medida que avance o calendario escolar, iranse sucedendo as distintas actividades e conmemoracións que marcan o curso e o ritmo da nosa aula: as cabazas do Samaín e as castañas do magosto, compartiremos soños e ilusións no Nadal, as máscaras e disfraces do Antroido... e moitos máis acontecementos que vos iremos contando no noso blog; un blog que con esta entrada da por inaugurado oficialmente o curso académico 2012-2013... preparados?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!