Bienvenido

CON BOLBORETAS NO ESTÓMAGO...

viernes, 18 de febrero de 2011

Como xa vos comentamos, ao longo deste mes estamos mergullados nunha nova emoción, nun novo sentimento: o amor. E claro, como vos podedes imaxinar, esta semana foi vivida de xeito especial, pois voltamos á rutina cotiá do cole celebrando xa o luns o “Día de San Valentín”.
Nembargantes, a partir da celebración do “Día da Candeloria”, o amor é unha emoción-sentimento presente na nosa aula posibilitadora de conversas que facilitan a elaboración do noso autoconcepto e autoestima.
A Candeloria é unha festa relixiosa que se celebra o día 2 de febreiro. Consiste na bendición das candeas que despois serán utilizadas na celebración da Semana Santa. Ademais, esta festa é considerada coma un preludio da chegada da primavera, dicíase que era a época do casamento dos paxaros. Casamento? Paxaros?... pero que é necesario para poder casar?... Pois claro, ademais de ser maiores é necesario estar... namorado!

As conversas suscitadas a partir desta emoción-sentimento foron moitas e interesantes, pois quen máis e quen menos xa tiña a súa... moza?? Bueno, este tema resultou un tanto controvertido e polémico xa que moitos non estaban correspondidos e máis dun recibiu as súas primeiras “cabazas” por parte do seu namorado ou namorada, por iso acordamos falar máis que de “mozos” de “amigos especiais” que serían eses amigos cos que sentes bolboretas no estómago cando estás preto deles ou delas.
Ben, agora que tiñamos máis ou menos clara a idea dos “amigos especiais” xorde unha nova cuestión: “queremos igual a todo o mundo?”... Pois claro que non, non queremos do mesmo xeito a mamá e a papá, aos avós, primos, amigos... son distintos modos de querer superditados á estima que teñas cara esa persoa.
Todo isto representámolo nunha actividade impresa na que tiñamos que debuxar a aquela persoa que queremos ata o infinito e máis alá -case nada-; pero o certo é que á maior parte non nos custou demasiado determinar a quen queremos máis. (tranquilas, as súper-mamás seguides sendo as máis queridas do mundo mundial)
Asemade, para a seguinte semana remataremos a actividade que titulamos: “Sembrando amizades”. Unha actividade que nos permitirá facer novos amigos, uns amigos cuxo cole se atopa en Santiago e que, ao igual que nos, están participando no proxecto de investigación: “Esculpindo emocións!”, pero de todo esto, xa teredes novas moi pronto no blog...
Pero por fin, por fin chegou o día, o “Día de San Valentín”… siiiiiii! Un día no que daríamos renda solta a todo o amor que colle no noso corpo, un amor adicado -amigos e amigas especiais a parte- indiscutiblemente ás nosas familias. Para iso fixemos un corazón con airon-fix ao que lle puxemos o noso nome para agasallar á persoa da nosa familia que queremos máis, esa persoa que non pode faltar no noso día a día, esa persoa que nos cuida, protexe, mima e... berra! Pois claro que si, isto non quere dicir nin moito menos que non nos queira, senón que quere o mellor para nós. (isto último tíñamolo moi interiorizado)


Ademais, o profe explicounos a orixe deste día remontándonos aos seus antedecentes históricos, nada máis e nada menos que á Roma do século III, época na que estaba prohibido o matrimonio entre soldados porque se cría que os homes solteiros tiñan moita máis forza nas guerras.
Neste contexto, xurde a figura de San Valentín, un sacerdote que decide casar en secreto ás parellas que estaban namoradas e cando o descobren, encarcélano e mátano un 14 de febreiro.
Como actividade final elaboramos un mural en papel continuo no que debuxamos un corazón xigante que máis tarde recubrimos das nosas mans previamente impregnadas en témpera de cor vermella, rosa e branca. Estabamos moi ilusionados e todos puxemos o noso graniño de area para que o resultado fose... sinxelamente espectacular! Si, xa sabemos que non é unha cousa doutro mundo, pero non esquezades que os pequenos detalles convírtense para nós nalgo colosal, nembargantes, xulgade vos mesmos o resultado final...

Ah, xa sabedes que queda unha pregunta no aire, unha pregunta que hoxe viaxou ás nosas casas en forma de actividade que fomente a relación familia-escola... mil millóns de grazas, por estar sempre ao noso carón!
E mentres agardamos os resultados: unha chuche, pero unha chuche con forma de... corazón. Mmmmmm, deliciooosas!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ALBA E OS... VIKINGOS?

viernes, 11 de febrero de 2011

O mércores, asistimos, como vén sendo habitual dende hai algunhas semanas a unha sesión de contacontos, pero a desta semana era especial, xa que o contacontos era profesional, explicámonos...
O que ocorre é que dende o “Equipo de Biblioteca” do cole, organízanse -semanal ou quincenalmente- sesións de contacontos cuxos protagonistas son nenos e nenas de Educación Primaria que se converten por uns momentos en excepcionais contacontos que nos fan vibrar coas súas historias, están sensacionais!
Esta semana, en cambio, acudiu un contacontos profesional a relatarnos o que lle pasara a aquela nena de cor de pelo azul.
“Alba e os vikingos” foi a historia escollida para esta ocasión e, a partir dun dado fomos descubrindo as distintas secuencias que nos poñían en situación: a do barco vikingo, a do paxaro co anaco de lá de cor azul, a da velliña que choraba e choraba sen parar, a do arco da vella... Deste xeito, sen apenas pechar os ollos, revivimos a fascinante historia que lle ocorrera a Alba cando unha tarde se atopou cun barco vikingo.
A dicir verdade, no noso caso particular, resulta doado comprender a expectación suscitada no desenvolvemento argumental da historia, pois de todos é sabido que os contos encántanos e nunca cansamos de escoitalos unha e outra vez, máis agora que moitos de nós xa sabemos ler e facemos que esas historias renazan tantas veces como desexamos. Non debemos esquecer que ler debe converterse nun tempo de pracer, de diversión e de disfrute.
Os contos permítennos explorar os reinos da imaxinación, establecer lazos de comunicación, ademais nutren e enriquecen a fantasía e amplían o noso pequeno-gran mundo experiencial, favorecen o proceso de maduración global da personalidade, facilitan a aprendizaxe noutras materias, sementan curiosidade, interese e a concepción dos libros como portadores dun mundo fantástico, enxeñoso, marabilloso e interesante.
Xa na clase, seguimos coas rutinas da asemblea, pois Candela, a súper-encargada dese día non podía quedar sen as súas sumas, restas, ditado e pequeno momento respousado de lectura individual.
Logo, lembramos a historia de Alba e os vikingos, producíndose conversas moi interesantes acerca destes últimos, xa que algún de nós non sabía o que eran exactamente, ah, siii, uns homes que levan na cabeza uns cornos como os das vacas!.
O certo é que, en liñas xerais, non amosamos problemas de comprensión e quen máis e quen menos soubo dicir que parte da historia lle gustara máis, para que?... Pois para deixar constancia da sesión de contacontos a modo de debuxo, unha actividade que levariamos a cabo despois do momento da merenda, agora tocaba traballar no libro e coñecer o que lle ocorreu á nosa Pepa na súa aventura no centro comercial.

Tranquilidade, non vos preocupedes que aquí vos deixamos os resultados. Somos ou non somos uns súper-maiores?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

CON "Z" DE...

viernes, 4 de febrero de 2011

Convencidos de que un lector non nace, faise, esta semana seguimos avanzando no noso proceso de lecto-escritura en letra minúscula lembrando a historia dun dos habitantes do País das Letras: a señora Z.
A señora Z representa os bos modais, a orde e o respecto, o coidado dos animais e plantas, a sanción, a actiude de cooperación social.
Este habitante do "País das Letras", é a encargada de acompañar aos príncipes cando van de paseo. A ela gústalle que os nenos fagan as cousas ao seu tempo: xogar á hora de xogar, xantar á hora de xantar, traballar á hora de traballar e durmir á hora de durmir. Nunha ocasión, volveu moi anoxada porque o príncipe E subiu a unha árbore á hora de descansar, rompeu os pantalóns novos e case cae cando partiu a póla onde puxera o pé. A señora Z deu un berro, rifoulle ao príncipe e logo contóullo aos seus pais, así que o príncipe tivo que prometer que nunca máis se portaría mal.
Outro día, que ían de paseo, o príncipe E e a princesiña I adiantáronse e escondéronse nun campo cheo de flores altas que os tapaban. Como a señora Z non os vía, creu que se perderan e asustouse moitísimo. Cando por fin saíron, viron que pisaran as flores. Pero tamén esta vez os perdoou.
A travesura máis grande fixérona o día que os levou ao circo. Sentaron moi formais nas cadeiras, pero como a función tardaba en empezar comezaron a aburrirse, e non paraban de moverse na cadeira, erguerse, sentar de novo.
De súpeto, aproveitando un despiste da señora Z, escaparon cara unha parte do circo onde había unha caixa grande. Abrírona e colleron o que lles pareceu unha corda, pero era... unha serpe durmida!
Logo as súas trasnadas continuaron durante as actuación do circo. Tiráronlle do rabo ao can, picaron cun pau ao león na súa gaiola e o peor foi cando viron aos elefantes na pista.
Como se enfadou a señora Z ese día! Colleu a cada un pola man e retornou ao castelo a contarlle o sucedido ao rei U e á raíña A.
- “Señores, aquí tedes a esta parella revoltosa e desobediente. Podedes mandarme o que queirades menos que volva saír co príncipe E e coa princesiña I. Xamais señor!..”
Dende entón, a señora Z só acompaña ao rei U, á raíña A e á tranquila princesiña O.

Unha historia coa que seguimos a completar o noso castelo do “País das Letras” no que cada semana imos engadindo novos habitantes. E xa temos uns cantos!...
Este personaxe serviunos de base para seguir traballando algunha das actitudes, valores e, sobre todo, normas, abordadas a semana pasada co motivo da celebración do “Día da Paz”.
Xa levamos dous anos e medio xuntos e abofé que non pasaron en balde: acatamos normas, intentamos dar o mellor de nós casi en todo momento, adaptamos o noso comportamento aos distintos momentos que se suceden ao longo da xornada... e moitas cousas máis que nos convirten nuns súper-maiores.
A partir da lectura do conto da señora Z, xurdiron varias conversas guiadas que se convertiron nunha base excepcional para o traballo transversal de aspectos vencellados coa Educación Moral e Cívica.
A Educación Moral e Cívica supón educar na convivencia fomentando a solidaridade, a cooperación, a liberdade, a responsabilidade, o respecto e o rexeitamento a todo tipo de discriminación e intolerancia.
Así, decatámonos que cada vez estamos menos de “florero” unha proba irrefutable do cumprimento das normas establecidas na aula a principio de curso, como no momento da asemblea erguemos a man para falar, agardamos cada vez con máis paciencia a quenda, escoitamos con respecto e atención ao resto de compañeiros...
Tamén amosamos gusto polos espazos limpos e ordeados deixando todo recollido tras o desenvolvemento das actividades, axudamos a aqueles compañeiros nas cousas que máis lles custan que, cada vez son menos, ilusiónamos xuntos cada vez que culminamos de forma exitosa un reto...
E tras o “Día da Paz”, cambiamos de mes, e en febreiro chega o “Día de San Valentín”, así que preparados para namorarse porque comezamos a traballar un novo sentimento: o amor! Estades preparados?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

DESTRUINDO MUROS... CONSTRUIMOS A PAZ!

viernes, 28 de enero de 2011

Durante este mes, estamos traballando un novo sentimiento, unha nova emoción: a solidaridade. Solidaridade?..., pero que é iso da solidaridade?
O certo é que non resultou nada doado comprender este concepto, de aí que máis que entender a palabra en sí, intentamos entender en que consiste mediante a participación en distintas actividades que nos facilitaron un achegamento a este termo que tantas veces se esquece na vida cotiá.
Así, antes das vacacións de Nadal, o profe prometeunos que á volta podríamos traer un dos xoguetes que nos trouxeran Papá Noel ou os Reis Magos; e xa sabedes que o prometido é débeda.
Esta situación serviunos como base para unha conversa posterior na asemblea matinal e debatir acerca dalgunhas situacións que se produxeron durante o tempo do xogo libre cos xoguetes aportados. Había xoguetes de todo tipo e para todos os gustos: puzzles, xogos de mesa, dinosaurios, bonecas, sets de maquillaxes...
Resultou curioso comprobar como algún de nós non se separaba do seu xoguete por iso de que non llo estropearan os outros nenos. Outros, en cambio, queríamos compartir e xogar a iso que moitas veces xogamos na casa pero sós.
A experiencia resultou interesante, sobre todo porque todos e todas decatámonos que sabemos compartir sen ningún problema e as rabietas e obstinacións que poidan xordir por este motivo deixámolas para as nosas casas, dende logo no cole..., nin rastro!

Xa máis concretamente, nos días previos á celebración do “Día da Paz” e antes de preparar os materiais necesarios para a actividade en gran-grupo que se realizaría a nivel de centro, seguimos traballando a solidaridade.
Así, ademais da lectura da colección de contos de Educación en Valores que levamos semanalmente para as nosas casas na rutina do préstamo semanal, limos un conto no que aprendimos a ver as cores das cousas a partir de Bombo, un elefante cego. Unha historia que nos serviu para redescubrir o valor da amizade con Anabela, unha rata que lle ensinou a Bombo o fermoso que é o mundo no que vivimos.
Tamén aprendimos a canción do “Abrazo sorpresa” unha dinámica que creou un ambiente festivo que serviu para dar rienda solta ás nosas emocións, unha tarefa que, ao principio non resultou nada doada por iso da vergoña que moitos de nós temos á hora de exteriorizar os nosos sentimentos.

Todas estas actividades, culminaron hoxe coa celebración do “Día da Paz” nunha actividade na que participamos todos os nenos e nenas do cole.
Tratábase de construir un muro formado por tetra-bricks no que debían aparecer palabras “anti-paz”. Bufff, sairon un montón: estar de florero, tirar a comida, ladrón de banco, roubar ouro, lanzar misís, non compartir, dar patadas... palabras que deixan patente que para nós a PAZ é moito máis que a ausencia de guerra.

Durante o acto que tivo lugar no porche do pavillón sur, clase a clase foise construindo un muro de mil millóns de cores, ao tempo que varios representantes ían dicindo un pareado ou un desexo relacionado co tema.
No noso caso, seguimos co mesmo desexo que no Nadal:

OS NENOS E NENAS DE 5 ANOS B QUEREMOS UN MUNDO DE CARAMELO ONDE TODO SAIBA MELLOR.

Síiiiiiiiiiiiii, un mundo no que as nubes foran de golosina, as casas de chocolate e as flores de regaliz de fresa, un mundo no que todos os nenos e nenas do mundo tiveran un sorriso, xa que o profe explicounos que a paz comeza co sorriso dun neno.
Logo veu o máis divertido, destruir o muro, así que: 5, 4, 3, 2, 1: muro derrubado! deixando ver unha representación plástica a gran escala da pomba de Pablo Picasso cun lema vencellado coa actividade organizada.

... E xa para rematar: a mover o esquelete!!!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

SABER MÁIS PARA COMER MELLOR.

viernes, 21 de enero de 2011

Ao longo desta semana, o noso centro participou, igual que o curso pasado, no “Plan de Consumo de Froita nas Escolas” unha inciativa promovida coa axuda financieira da Comunidade Europea e do Fondo Galego de Garantía Agraria... Que quere dicir isto? Moi atentos...
Durante varias semanas alternas non teremos que traer a merenda ao cole, xa que procederase á distribución de froita a todo o alumnado do centro. A distribución realizarase na hora do recreo e a froita obxecto de distribución esta semana foi: mazá o luns, o martes mandarina, o mércores plátano, o xoves pera e, de novo, o venres mazá.
O certo é que apenas apareceron reticencias entre nós á hora de comer a froita que tocaba cada día e, entusiasmados coa inciativa, quen máis e quen menos pedía outro anaco... estaban deliciooooosas!!!
Esta iniciativa permitiunos establecer múltiples relacións coa Educación para a Saúde, un eixo transversal que pretende fomentar a adquisición de hábitos de saúde adecuados referidos á alimentación, hixiene e descanso.
Todo isto non é algo novo para nós, pois no noso centro e, especialmente na Educación Infantil, considérase a alimentación saudable como un dos alicerces para conseguir unha boa calidade de vida, convertíndose nun dos espazos máis favorables para que os nenos e nenas adquiran e incorporen condutas saudables dende pequenos e pequenas.
Deste xeito, temos un horario de almorzo saudable no que a cada día lle corresponde un alimento diferente: luns-lácteos, martes-peza de froita do tempo, mércores-bocadillo de embutido, xoves-galletas básicas, cereais ou froitos secos e, os venres o que máis nos gusta de toda a semana.
Sen lugar a dúbidas, experiencias como esta, propician un cúmulo de situacións que promoven a adquisición de hábitos que promoven un estilo de vida saudable, pois aqueles alimentos que, nun principio non estabamos acostumados a comer, agora, co paso dos días, descubrimos que están de rechupete, algo imposible de acadar sen a inestimable colaboración das familias, coma sempre... mil millóns de grazas!
Como vedes, unha semana repleta de experiencias e aprendizaxes na que aprendimos, dunha maneira amena e desenfada, contidos de vital importancia que contribúen ao desenvolvemento de hábitos e actitudes que facilitan sistemas de vida saudables.
Seguide moi atentos ao noso blog, xa que o luns comezaremos a disfrutar da semana máis solidaria do curso...

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

DENDE ORIENTE... UN E-MAIL!

viernes, 14 de enero de 2011

Sen lugar a dúbidas este ano fomos máis bos ca nunca a xulgar por todos os agasallos que nos deixaron Papá Noel e os Reis Magos na casa e na escola. Siiiiii, porque un curso máis, as Súas Maxestades, os Reis Magos de Oriente, lembráronse de 5 anos B o día da “Gran Calbata Real” polas rúas da nosa vila e deixáronnos cadanseu agasallo. Comezaremos polo principio...
Xa vos contaramos que, antes das vacacións de Nadal, entre todos e todas decidiramos que lles iamos pedir aos Reis Magos.
Pois ben, este luns, comezamos o cole con máis ganas de aprender ca nunca e, coma se dunha mañá máis se tratase, iniciamos todos os rituais que, día a día levamos a cabo: rutinas de entrada -aprendendo unha nova estrofa da canción de “Buenos Días”-, elección do encargado, actividades de lóxica-matemática e lecto-escritura -agora con textos escritos unicamente en letra minúscula, que súper-maiores somos!-...
Evidentemente, despois de tanto tempo sen vernos, tiñamos mil millóns de cousas que contar, pero claro, como podedes imaxinar, a conversa centrouse casi exclusivamente nos agasallos que nos trouxeron Papá Noel e os Reis Magos. Non fomos bos, non, fomos, re-que-te-bos, e viñeron máis cargados de agasallos ca nunca: bicicletas, bonecas, coches de carreiras, maquillaxes, puzzles e unha lista interminable dos xoguetes máis ultra-modernos do mercado.
En tanto, un dos nosos compañeiros ao que non se lle escapa nada, ou case nada, cunha mirada pícara, díxolle ao profe en voz baixiña: “profe, he visto unos regalos en el rincón de la cocinita...”, pero o profe nada, coma se falase en xaponés!
Foi entón cando o profe nos contou que o ordenador estaba encendido cando chegou á clase e que na pantalla había un e-mail que poñía: “Para 5 años B”. Pero..., un e-mail?, que é un e-mail?... O profe explicounos que é unha carta, pero que no canto de escribila en papel escríbese no ordenador e, no canto de enviarse nun sobre e cun selo precisamos ter conexión a Internet.
Así, un dos nosos compañeiros, comezou a ler o e-mail escrito en letra minúscula, e non estaba enlazada, senón que era letra de imprenta... día a día imos superándonos, fantástico!

No e-mail, as Súas Maxestades, os Reis Magos de Oriente explicábannos varias cousas tales como que ao longo de todo o ano agóchanse nunha das nubes que se ven dende unha das fiestras da clase, que nos temos que portar requete-ben tanto na casa coma no colexio, déronnos as grazas por todas as galletas, trociños de turrón e vasiños de leite que lles deixamos na Noite de Reis... ademais tamén, nos preguntaban se nos gustaran os agasallos que nos deixaran na casa e no cole. No cole?, pero se non había agasallo por ningures!...
Neste momento, comezamos a buscar os agasallos que nos deixaran agochados os Reis Magos. Desta vez, resultou máis doado atopalos que cando Papá Noel, o día do “Festival de Nadal”, nos deixara o seu, e en cuestións de segundos, todos e todas moi ansiosos, concentrámonos no rincón da cocinita e, tras as cortinas, había 3 montóns con cadansúa tarxeta: Rei Melchor, Rei Gaspar e Rei Baltasar.





























Coma o curso pasado, o profe dividiunos en 3 grupos para que cada un de nós tivese a oportunidade de abrir un agasallo, e ao sinal de: “preparados, listos, xa!” un tras un fomos abrindo cada agasallo. En primeiro lugar o agasallo do Rei Melchor -oooooh, encántanos!-,

logo o do Rei Gaspar -siiiii, un para David Manuel e outro para Rosana!-

e, por último o que nos deixou o Rei Baltasar -desta vez o profe tivo máis sorte que o curso pasado e trouxéronlle o que lles pediu, siiiiiii!-.

Agora, toca seguir portándose ben e traballando como nós sabemos para que o profe se siga sentindo así de orgulloso: aprendendo, traballando e facéndonos cada día un pouquiño máis súper-maiores...
Ssssch, un segredo!... Díxonos un paxariño que, para o vindeiro curso, unha persoa votaranos de menos "hasta el infinito y más allaaaaaá", pero,... de quen se tratará?…
Un saúdo e non esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!!!

... ESTÁN MÁIS CERCA. ATRÉVETE A SOÑAR!

miércoles, 5 de enero de 2011

A mañá do martes 21 de decembro resultou un tanto especial, pois ninguén de nós podía imaxinar que teriamos unhas novas tan especiais...
Así, e tras as rutinas de entrada e da asemblea matinal como se dun día máis se tratase e, cando o profe se dispoñía a explicar a actividade que levariamos a cabo antes de baixar ao derradeiro ensaio no pavillón antes do “Festival de Nadal”, un sobre chamou a súa atención e, como podedes imaxinar, rompeu o normal desenvolvemento da xornada.
Rapidamente, as hipótesis non tardaron en aparecer: “é da nai de … porque quere vir a falar contigo, profe”, “non, eu non deixei ese sobre, seguro que llo deixou o conserxe e son notas para levar hoxe para a casa”… todas estas suposicións foron erróneas, pois na parte frontal poñía de quen viña esa carta.
Uf!, viña nada máis e nada menos que das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente que, como cada curso, nos deixaran a súa mensaxe para que fosemos preparando as nosas cartas.
O certo é que resultou doado determinar que agasallo non debe faltar hoxe pola noite na nosa árbore de Nadal: bicicletas, bonecas, xogos de mesa actuais, maquillaxe, DVD´s dos nosos debuxos animados favoritos...
O máis complicado foi poñernos dacordo co que queremos que nos deixaran para a clase, a pesar de que durante a semana, nas actividades de lecto-escritura da asemblea, o profe nos fose avisando que tiñamos que ir pensando que agasallos lle pediriamos este curso ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.
Unicamente lle poderiamos pedir 3 cousas: unha a Melchor, outra a Gaspar e outra a Baltasar e claro, podedes imaxinar, o aluvión de cousas que se nos ocurriron nun abrir e cerrar de ollos, algunhas delas imposibles: “unha boneca nova para o rincón da cocinita non estaría mal”, “non o mellor son puzzles novos e máis de maiores cos que temos”, “eu creo que o mellor serían tatuaxes novos para o Festival do próximo curso”... Eh?... aquí un silenzo total, cando un dixo:
“noon, porque para o curso que vén estaremos sen mandilón con outro profe”.
Finalmente, e tras un debate intenso pero moi organizado respetando as quendas de palabra, erguendo a man para falar e escoitando con atención o que cada un de nós tiña que dicir -canto cambiamos, xa somos uns súper-maiores!- determinamos que queriamos que nos trouxeran este curso.
Agora tan só queda agardar ao luns 10 de xaneiro e descubrir, se este curso nos trouxeron todo o que lles pedimos. E o radio-CD, profe, non llo pides desta vez?... Aaai, non, que xa temos un novo!

Asemade, e como unha das actividades do proxecto de investigación "ESCULPINDO EMOCIÓNS!" no que estamos participando, elaboramos a “Árbore das ilusións e dos desexos”. Unha árbore de Nadal elaborada coa axuda dos nosos compañeiros de 3 anos C a partir de material de desfeito e refugallo.

Ao longo do mes de decembro, traballamos a ledicia e a ilusión, por ser éstas as emocións predominantes nestas datas de Nadal.

Na asemblea, conversamos acerca da ilusión: que cousas ou situacións nos producen esta emoción, por que, cales non… “siiii!, a miña ilusión é ver a neve”, “pois a miña é ir ao circo”, “os Reis Magos!, esta é a miña ilusión”, “sen lugar a dúbidas, o Halloween do cole fasciiináme”, “as máquinas do tempo, esas si que molan”....

Logo, o profe repartiu unhas bólas de Nadal nas que tiñamos que plasmar esa ilusión mediante un debuxo acompañado da súa escritura.

O resultado?... Unha árbore de Nadal cargada de SOÑOS; uns SOÑOS en forma de ilusións e desexos que agardamos, esta NOITE DE REIS, se convirtan en realidade...
Un saúdo moooi NeRvIoSo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!