Bienvenido

#Muníbal6.0.

lunes, 15 de junio de 2020

Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador OS CONTINENTES.
Así pois, a partir dos materiais de MUNÍBAL propios do 3º trimestre, atoparedes unha motivación extra para o traballo cotiá na casa. Para que esta rutina siga a liña de traballo do 1º e do 2º trimestre, non esquezades que non se trata tanto de facer todo á présa para rematar axiña, senón máis ben de todo o contrario; estes materiais, convértense no alicerce excepcional co que poñer a proba a nosa atención, comprensión e paciencia… non todo vale!

A partir do caderno de actividades nº6 de MUNÍBAL traballaremos diferentes elementos relacionados cos continentes: o mapamundi, a localización xeográfica, a flora e fauna, civilizacións, monumentos...
Sabiades que a Terra ten 6 continentes?... Europa, Asia, África, América, Oceanía e Antártida.
En EUROPA viviron dende a antigüidade os celtas, os gregos e os romanos. Neste continente destacan o oso pardo, a águia, o lince e o cervo como as súas especies animais máis representativas.
Por ASIA viaxaron moitos exploradores: Marco Polo -que narra nun libro as súas experiencias polo continente asiático-, Zheng He -coñecido polas súas 7 expedicións navais- e Valentina Tereshkova -primeira muller en viaxar ao espazo-.
Xa en ÁFRICA, ao tempo que coñecemos distintas especies animais (león, rinoceronte, dromedario, xirafa, gorila...) e vexetais (cactos, palmeiras, baobab...), achegarémonos á cultura exipcia (faraóns, pirámides, esfinxes, escrita xeroglífica...).
En AMÉRICA, descubriremos animais como o xaguar, o bisonte, a alpaca e o mapache. Tamén grandes deportistas como a aviadora estadounidense Amelia Earhart, o piloto arxentino Juan Manuel Fangio e o atleta xamaicano Usain Bolt coñecido polas súas proezas deportivas como o “Raio Bolt”.
Finalmente, xa en OCEANÍA e na ANTÁRTIDA, identificaremos animais como o canguro, o kiwi, o koala, o oso mariño, o pingüín e a balea azul... que interesante!

Alén de todas estas aprendizaxes relacionadas propiamente cos continentes, seguiremos avanzando noutros aspectos xa traballados ao longo do curso: os ordinais do 1º ao 9º -en series ascendentes e descendentes-, os números do 1 ao 10 -insistindo no seu trazado seguindo a direccionalidade correcta-, o cálculo mental -con sumas e restas-, os corpos xeométricos -presentes en obxectos da realidade-, as unidades naturais de medida -pé e palmo-, grafomotricidade -trazos combinados: bucles ascendentes e descendentes; semicirculares e verticais-, a comprensión de textos -contos, poemas e historias-,  a combinación de técnicas plásticas -debuxo e pintura-...

Para que a proposta de actividades de “Los Increíbles Mun” se converta nunha realidade rica e froitífera no proceso de ensinanza-aprendizaxe, resulta importante que, unha vez explicada a actividade e establecidas as consignas no seu proceso de execución, sexan os nenos e nenas os encargados de organizar e planificar a actividade, traballando a comprensión, a capacidade de planificación, a concentración, o silencio…

Familias, cómpre poñer todo da vosa parte, este tempo de traballo cos nenos e nenas require adicación e unha actitude relaxada e libre de tensións... Á N I M O!

0 comentarios: