Bienvenido

CON MOITO AMOR!...

viernes, 26 de octubre de 2018


Cun chisquiño de retraso, esta semana farémosvos partícipe dun dos centros de interese que, xunto coa casa, vertebran parte das actividades da nosa aula durante estes días: a familia.
Sen lugar a dúbidas, a familia convértese nun elemento importante nas nosas vidas, pois constitúe o primeiro grupo social ao que pertencemos e nela establecemos a nosa base afectiva e cultural e adquirimos os valores e normas vixentes no noso contorno socializador.
Case temos claro que hoxe en día, existe unha diversidade de estruturas familiares, por iso, nas asembleas matinais tentamos fomentar o respecto e valoración da propia familia; ademais, procuramos achegarnos  aos distintos tipos de familias existentes.


Deste xeito, enseguida identificamos cales son os membros da nosa familia a partir do recoñecemento dos membros de familias de personaxes de ficción como a dos 3 osiños e Riciños de Ouro, Peppa Pig e mesmo os Simpson… así si!


Pois clarooo… os membros da nosa familia son nin máis nin menos que as persoas que viven connosco na casa. Ben, todo en orde ata que un dos nosos compañeiros comezou a engadir novos membros a estas unidades familiares: as madriñas e padriños, os primos e primas, incluso hai quen engadiu aos seus amigos e amigas, pero non, por moito que os queiramos, moitas veces os nosos amigos e amigas non son da nosa familia.
Porén, establecemos como se pode demostrar todo o que queremos ás nosas familias: abrazos, bicos, caricias…, mesmo hai quen dixo que as “cosquillas” serven de mostra de cariño, pois si… por que non?


Ao tempo, nestas asembleas conversamos acerca dalgunhas das responsabilidades dos membros que compoñen a nosa familia… uf!… decatámonos que teñen responsabilidade por partida dobre!… pois ademais de desempeñar un traballo fóra da casa, tamén desenvolven múltiples actividades no fogar: lavar, cociñar, facer a compra… canto traballan! Neste senso, entre todos e todas coidamos que o mellor sería botar unha man nalgunhas tarefas cotiás como recoller os xoguetes, vestirnos e espirnos case sen axuda, axudar na compra, poñer a mesa…, incluso hai quen dixo que axudaba a limpar os cristais,… case nada!
Asemade, e como vén sendo habitual para deixar testemuña dos nosos descubrimentos e aprendizaxes, nestes días reservamos un tempo para debuxar a algúns dos membros da nosa familia; uns debuxos cada vez máis de súper-maiores aos que engadimos detalles moitas veces desapercibidos como as pestañas, os dedos nas mans e ata diferenciamos o sexo a través do pelo ou vestimenta. Quedaron uns debuxos con taaanto amor!…


E para rematar estes días de intenso traballo, que mellor que celebrar onda GAEL, MARTÍN C., SOFÍA e ÁNGEL dos aniversarios propios do mes de outubro que,  ilusionados, desenvolveron as rutinas propias deste momento e pasaron cadansúa fotografía para a tarta de 4 ANOS... que poucos quedamos na tarta de 3 anos!


Agora xa, toca gozar desta semana que se presenta cuxo eixo motivador será o Halloween-Samaín. As nosas conversas comezan xa a encherse de bruxas, morcegos e pantasmas que farán que a nosa aula e o noso cole se convirtan nunha escola encantada, será algo… terrorificamente divertido!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Jose dijo...

Agora xa entendo cando chego a caixa do super as cousas q aparecen por arte de magia chocolate, galletas, chuches... Jajajaja
Por outro lado unha gran lección de igualdade