Bienvenido

... ESTÁN MÁIS CERCA. ATRÉVETE A SOÑAR!

miércoles, 5 de enero de 2011

A mañá do martes 21 de decembro resultou un tanto especial, pois ninguén de nós podía imaxinar que teriamos unhas novas tan especiais...
Así, e tras as rutinas de entrada e da asemblea matinal como se dun día máis se tratase e, cando o profe se dispoñía a explicar a actividade que levariamos a cabo antes de baixar ao derradeiro ensaio no pavillón antes do “Festival de Nadal”, un sobre chamou a súa atención e, como podedes imaxinar, rompeu o normal desenvolvemento da xornada.
Rapidamente, as hipótesis non tardaron en aparecer: “é da nai de … porque quere vir a falar contigo, profe”, “non, eu non deixei ese sobre, seguro que llo deixou o conserxe e son notas para levar hoxe para a casa”… todas estas suposicións foron erróneas, pois na parte frontal poñía de quen viña esa carta.
Uf!, viña nada máis e nada menos que das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente que, como cada curso, nos deixaran a súa mensaxe para que fosemos preparando as nosas cartas.
O certo é que resultou doado determinar que agasallo non debe faltar hoxe pola noite na nosa árbore de Nadal: bicicletas, bonecas, xogos de mesa actuais, maquillaxe, DVD´s dos nosos debuxos animados favoritos...
O máis complicado foi poñernos dacordo co que queremos que nos deixaran para a clase, a pesar de que durante a semana, nas actividades de lecto-escritura da asemblea, o profe nos fose avisando que tiñamos que ir pensando que agasallos lle pediriamos este curso ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.
Unicamente lle poderiamos pedir 3 cousas: unha a Melchor, outra a Gaspar e outra a Baltasar e claro, podedes imaxinar, o aluvión de cousas que se nos ocurriron nun abrir e cerrar de ollos, algunhas delas imposibles: “unha boneca nova para o rincón da cocinita non estaría mal”, “non o mellor son puzzles novos e máis de maiores cos que temos”, “eu creo que o mellor serían tatuaxes novos para o Festival do próximo curso”... Eh?... aquí un silenzo total, cando un dixo:
“noon, porque para o curso que vén estaremos sen mandilón con outro profe”.
Finalmente, e tras un debate intenso pero moi organizado respetando as quendas de palabra, erguendo a man para falar e escoitando con atención o que cada un de nós tiña que dicir -canto cambiamos, xa somos uns súper-maiores!- determinamos que queriamos que nos trouxeran este curso.
Agora tan só queda agardar ao luns 10 de xaneiro e descubrir, se este curso nos trouxeron todo o que lles pedimos. E o radio-CD, profe, non llo pides desta vez?... Aaai, non, que xa temos un novo!

Asemade, e como unha das actividades do proxecto de investigación "ESCULPINDO EMOCIÓNS!" no que estamos participando, elaboramos a “Árbore das ilusións e dos desexos”. Unha árbore de Nadal elaborada coa axuda dos nosos compañeiros de 3 anos C a partir de material de desfeito e refugallo.

Ao longo do mes de decembro, traballamos a ledicia e a ilusión, por ser éstas as emocións predominantes nestas datas de Nadal.

Na asemblea, conversamos acerca da ilusión: que cousas ou situacións nos producen esta emoción, por que, cales non… “siiii!, a miña ilusión é ver a neve”, “pois a miña é ir ao circo”, “os Reis Magos!, esta é a miña ilusión”, “sen lugar a dúbidas, o Halloween do cole fasciiináme”, “as máquinas do tempo, esas si que molan”....

Logo, o profe repartiu unhas bólas de Nadal nas que tiñamos que plasmar esa ilusión mediante un debuxo acompañado da súa escritura.

O resultado?... Unha árbore de Nadal cargada de SOÑOS; uns SOÑOS en forma de ilusións e desexos que agardamos, esta NOITE DE REIS, se convirtan en realidade...
Un saúdo moooi NeRvIoSo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Unha árbore chea das ilusións dos nosos nenos e nenas e como non, das súas familias. Esperamos que cada unha de esas situacións, soños e experiencias que vos fan sentir especiais, que vos fan vivir momentos inesquecibles se sigan repetindo ao longo deste novo ano 2011; e como non, de tódolos que máis tarde virán.

Mari dijo...

Bueno, bueno, bueno...que arbore mais currada!!!! Notase a ilusión e o esforzo dos mestres de Infantil!! e eu pensando que as arbores do Quiroga eran as mellores...vexo que me equivoquei! NORABOA