Bienvenido

BON VOYAGE CARLA S.!!!

viernes, 9 de marzo de 2012

Coa enerxía propia dun luns e coas pilas ben cargadas logo de disfrutar da fin de semana, comezabamos a semana coas rutinas de entrada que vimos levando a cabo dende o inicio do curso: posta e abotoado do mandilón, asemblea coa elección do súper-encargado, fichaxe de ausencias e presencias, constatación do tempo atmosférico e actividades de lecto-escritura e de lóxica matemática. Todo isto sen esquecernos por suposto, de reservar un tempo para contarlle ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe do que fixeramos durante a fin de semana… hoxe é luns!
O que non sabiamos é que o profe tiña unha nova que darnos, e non unha boa nova precisamente… Carla S. marchaba para outro cole!
Nun primeiro momento non nos decatamos da importancia da nova, xa que pensamos que pasados uns días a mamá de Carla S. a voltaría traer de novo ao cole, pero nin moito menos. Carla S., explicounos que marchaba para un cole que estaba moi moooi lonxe, tan lonxe que non iría en coche nin en autobús… iría en avión! Carla S. marchaba para un cole de París.
Xuntos pasamos o noso primeiro trimestre no cole dos maiores disfrutando do magosto, do Halloween, do Nadal, e tamén gran parte do 2º trimestre aprendendo xogando e xogando aprendendo.



Estamos seguros de que no teu novo cole axiña farás novos amigos e amigas, sen esquecerte nunca, de que aquí en Rianxo, deixas a 17 nenos e nenas que sempre se lembrarán de ti cun especial cariño.
Deste xeito, para que Carla S. nunca se esqueza de nós, lle preparamos un libro no que fixemos un debuxo de Carla S.: ollos, nariz, boca, orellas, pelo, pescozo, tronco e extremidades, e por suposto, as pestañas e o lazo na cabeza non podía faltar… toda unha princesa, guapísima!


Aquí, antes da despedida final, varios candidatos a acompañala na súa viaxe a París, segundo dicían: “a súa nai lles deixaba ir”… que inocentes!
Como dato anecdótico, o venres faltou Daniela, a nosa Daniela, e claro, xa nos puxemos no peor dos casos posibles… Daniela foise para París con Carla S.?, xa non vai volver?... Caras de estupor e as bágoas do seu “amiguiño do alma”… que nooon, que o luns temos a Daniela de novo connosco!

Como xa sabedes no noso cole non se para nin un minuto, e o xoves 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller Traballadora, ou “traballeira”, como dicimos algúns de nós.
Este día foi recoñecido pola “Organización de las Naciones Unidas" (ONU) e conmemórase a loita da muller pola súa participación na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa.
Todo isto, viuse reflectido na asemblea matinal, na que entre todos chegamos á conclusión de que as nosas mamás son SÚPER: súper-boas, súper-agarimosas, súper-alegres e... súper-traballadoras!!!
Logo de co profe nos explicase porque se celebraba este Día e que era o que se pretendía conmemorar, quen máis e quen menos fixo a súa aportación na asemblea falando acerca do traballo que día a día desenvolve a súa tía, madriña, avoa, pero, sobre todo, a súa nai.
Había ocupacións de todos os tipos e sectores: avoas que fan camisas e pantalóns, “mamás que traballan en cafeterías, mamás que son panadeiras...
Outros nenos e nenas en cambio, apuntaron cas súas nais non traballaban en nada... en nada? Bueno, o que intentaban dicir era que non realizaban ningún traballo remunerado fora do fogar, pois o feito de que queden na casa non implica, nin moito menos, que non fagan nada.
Este ano, o acto conmemorativo organizado no cole adicóuselle a Rosalía de Castro por ser o 175 aniversario do seu nacemento e para iso aprendemos un extracto da poesía “Adiós ríos, adiós fontes”.



Xa na biblioteca do cole, xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 3 anos A, lembramos algunhas das ideas traballadas na clase acerca do día que se conmemoraba hoxe, en que traballaban as nosas mamás, avoas, madriñas... e coñecimos algúns datos acerca da vida de Rosalía de Castro, e aquí o anecdótico do evento...
Resulta que na proxección seleccionada na que se musicaba o poema que recitaramos, saian imaxes do panteón no que fican os restos de Rosalía de Castro, así como estatuas e monumentos adicados a esta ilustre escritora galega, as conversas cruzadas non tardaron en aparecer:
- Rosalía de Castro non está viva?
- Pois non, fai uns cantos anos que morreu.
- Que home a matou?...
- Non, non a matou ningún home, morreu porque estaba enfermiña.
- Enfermiña?... A miña avoa tamén está enfermiña!
- Si, e o meu avó tamén está enfermiño...
- Profe, eu quero ver os ósos de Rosalía de Castro. Onde están?
- Están en Santiago de Compostela, pero iso non se pode facer.
- E por que?
- Pois porque están metidos nunha caixa que resulta imposible de abrir.
Moi atentos ao noso blog, xa que si nos portamos como lle gusta ao profe, axiña teredes novas das sorpresas que nos agardan ao longo destas semanas antes das vacacións de Semana Santa...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UN TÓTEM PARA PITUCA!

sábado, 3 de marzo de 2012

Como xa vos contamos, ao longo destas semanas megullámonos no apaixoante modo de vida dos indios, aprendendo algunhas nocións básicas de xeografía e historia: vocabulario, paisaxes, vivendas, pezas de roupa, obxectos, costumes, alimentación... desenvolvendo actitudes de respecto e valoración cara a outras culturas e cara a outros pobos.
Esta semana, pechamos o centro de interese con varias actividades nas que concentramos todas as aprendizaxes acadadas durante este tempo.
Así pois, como actividade final, solicitamos a colaboración das familias para decorar un indio, pero non se trataba dun indio calquera, non, tratábase dun indio moi particular, xa que tiña as nosas caras.
Nunha das asembleas matinais, o profe explicounos todos os materiais e técnicas da linguaxe plástica que podiamos empregar (ceras, témperas, plastilina, purpurina, lá, material de refugallo, distintos tipos de papel...), facendo especial fincapé en que os encargados de decorar o indio na casa debiamos ser nos, iso quedounos a todos clariño... que simpático estaba o profe de indio!, non se saeu nadiña por fora!
Foi moi grato comprobar como día a día os nosos traballiños ían chegando á escola. Rapidamente e moi contentos, sen apenas poñer o mandilón, quitabamos a nosa obra de arte da carpeta para ensinarlla ao profe... quedaron realmente sensacionais! Mil millóns de grazas familias, sen a vosa participación esta actividade non sería posible. Como?, os resultados?... velaí os tedes...

Pero aquí non quedou todo, non, faltaba levar a cabo a actividade final de grupo-clase, fixemos nada máis e nada menos que... un tótem!
No desenvolvemento do proxecto, apredimos que os indios facían unhas esculturas de madeira de moitas cores que se chaman tótems, así que entre todos e todas, cada día fomos decorando o noso tótem empregando de novo distintos materiais e técnicas da linguaxe plástica.

Uns pegamos papeliños de cores, outros pintamos con témpera ao xeito sen saírnos do contorno delimitado, -isto si que foi complicado-, tamén modelamos bolas de plastilina de cor negra para os ollos e botámoslle purpurina prateada, pegamos gomets de cor vermella e forma cuadrangular...
















E por fin, o venres cando entramos na clase descubrimos o noso tótem montado, era alto, moooi alto... pero xa estaba listo?...
Nooon, faltaba pegarlles as plumas de cores que pintaramos o día anterior. Así, un a un, fomos pegando as plumas arredor do noso tótem semellando a plumaxe do paxaro.






Ademais de todo isto, o venres, xunto a Papelote, convertímonos en indios coas cintas que decoraramos días atrás e pintando a cara como indios de verdade... foi súper-divertido!








Pituca, “imagina que es posible y lo será”, acaso despois de ver o noso tótem aínda o dubidas?...Sabes que?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios

CU-CÚ, TRAS-TRAS...

viernes, 17 de febrero de 2012

Si, si, si, o antroido xa está aquí! E hoxe, como colofón a unha semana diferente no que levamos a cabo distintas actividades relacionadas co antroido, viñemos ao cole disfrazados... foi xenial!
Como vén sendo habitual, o día de hoxe estivo precedido dunha semana chea de “antroidadas”, pois, para celebrar a chegada do Antroido, un curso máis, o cole dispuxo nos corredores do pavillón norte e sur o “Toribiño”. Que non sabedes quen é?...
O Toribiño é un esquelete que, cada curso visita o noso colexio cun cometido: día a día encárgase de comunicar cal é a consigna establecida, en canto a indumentaria se refire, que debemos traer o próximo día ao colexio. Este curso, o aspecto do Toribiño mudou sustancialmente respecto ao doutros cursos, xa que estaba disfrazado de... bueno, isto non o temos moi claro, mentres que para un ía disfrazado de momia, para outros ía de indio “sen ollo”.
Deste xeito, o luns tocou levar unha flor, o martes unha garavata, o mércores un mandil e o xoves un bigote. Que non vos facedes unha idea de como iamos?... Pois velaí nos tedes!

Ademais de todo isto, seguimos aprendendo novas cousas acerca dos indios a partir dunhas actividades impresas nas que escribimos as palabras INDIO e VAQUEIRO a partir dun modelo e traballamos de xeito máis sistemático algúns dos elementos máis representativos da cultura india como os tótems ou os tipis.


Acaso dubidábadelo?... Por suposto que o martes reservamos un anaquiño de tempo para sentir bolboretas no estómago e “xogar a ser maiores”, xa que iso do amor, está reservado para as mamás, os papás e... tamén para os profes?... Neste día agasallamos cun corazón no que estaba escrito o noso nome a esa persoa da nosa familia que tanto queremos: papás, avós, madriñas e... ás nosas mamás, sodes as máis queridas polos nenos e nenas!
Ademais disto, moi agarradiños da nosa parella de baile, danzamos un par de veces unha canción alusiva ao “Día dos Namorados” e, aínda que ao principio tiñamos unha pouquiña de vergoña, todos e todas acabamos soltándonos a bailar... foi súper-divertido!






















Por outra banda, o xoves asistimos á biblioteca do noso cole onde, nenos e nenas da agrupación "Vai de Roda", explicáronnos algunhas tradicións e costumes da celebración do antroido nas 4 provincias galegas.

Ademais, os nenos e nenas de dita agrupación, agasalláronnos con varias danzas representativas da zona: que colorido tiñan os seus traxes e vaia sombreiros!..., e entre as compoñentes da agrupación, Silvia, a irmá de Sergio.

Finalmente, o colofón final para o antroido deste curso foi a festa de disfraces que se organizou en cada aula, tocaba vir disfrazado do que quixeramos, e converternos, aínda que só fose por un día, no noso súper-heroe ou princesa preferida, había disfraces para todos os gustos: bruxas, pingüíns, abellas, crocodilos, indios...

Para ese día, ademais, a nivel de centro organizouse un recital no que cada clase do cole lle tiña que cantar a outro grupo unha copla alusiva ao antroido. Ao longo da semana, preparamos a canción de “Mi disfraz” no que se conta a historia dun pallaso de circo: memorizamos, mimamos e dramatizamos cada estrofa ata que o venres, antes da rutina da merenda, a cantamos á clase que nos tocou no sorteo do centro.
A que non sabedes con que clase nos tocou o intercambio de cancións? Pois tocounos cos nenos e nenas que tiña o curso pasado o noso profe. Asemade, e como nos pillaron rematando unha das actividades impresas do proxecto dos indios, aproveitamos o momento para darlles a coñecer algunhas das curiosidades aprendidas acerca dos indios.
Nin que dicir ten, os súper-maiores do profe viñan requete-guapísimos con disfraces extra-xeniais!... o certo é que non saberiamos por cal decantarnos... estaban sensacionais, non si?

Ao tratarse dun día diferente, a rutina da merenda tamén resultou especial, e para iso, o profe dispuxo na mesa grande todos os postres de antroido que cada un de nós aportou, había de todo: roscas, freixós, orellas... uuummm, delicious!!!
Sen lugar a dúbidas unha semana repleta de actividades que dado o cúmulo de experiencias vividas serven como alicerce no noso proceso de desenvolvemento integral, contribuindo á comprensión do noso pequeno-gran mundo. Non estades notando que día a día nos estamos facemos máis maiores?... os logros, nalgúns casos, son espectaculares... parabens!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

HEO, HEO, HEO, HEO...

viernes, 10 de febrero de 2012

Papelote xa atopou disfraz, disfrazouse de indio, e da súa man ao longo destas semanas estamos aprendendo algunhas nocións básicas de xeografía e historia: vocabulario, paisaxes, vivendas, pezas de roupa, obxectos, costumes, alimentación... desenvolvendo actitudes de respecto e valoración cara a outras culturas e cara a outros pobos.

Aprendimos que hai moitos anos os indios vivían nas pradarías de América do Norte. Reuníanse varias familias e formaban unha tribo. As súas casas non son como as nosas con tellados e paredes. Son coma tendas de campaña e chámanse tipis.
Os indios cazaban bisontes. Os bisontes son uns animais moi grandes. Coa pel dos bisontes facían a súa roupa e tamén os tipis.
A roupa dos indios era diferente á nosa. Gustáballes adornarse con colares, con plumas na cabeza e pintaban a cara. O xefe era o que máis adornos poñía.
Os indios montaban a cabalo polas grandes pradarías. Algunhas veces enfadábanse cos vaqueiros. Pero axiña facían as paces, eran a amigos e sentaban arredor da fogueira para charlar.
Na terra dos indios non había coches, nin autobuses, nin avións... Para ir dun lado ao outro utilizaban os cabalos, e as canoas para ir pola auga.
Aos indios gustáballes moito danzar e bailar. Facíano arredor da fogueira para pasalo ben e, algunhas veces, para que chegasen as chuvias. Para facer a súa música tocaban os tambores.
Os indios facían unhas esculturas de madeira de moitas cores que se chaman tótems.
Para acadar todos estes coñecementos sobre os indios, realizamos diversas actividades impresas nas que se traballaban todos estes conceptos, e aínda que os resultados seguen sendo ás veces mellorables, moooi mellorables, pouquiño a pouco cada vez nos preocupamos máis en facer o noso traballo cotiá requete-ben.
Asemade, tamén estivemos traballando cuns bits de intelixencia nos que aparecían imaxes vencelladas cos indios, tales como: vaqueiro, águia, bisonte, cabalo, canoa, tótem, pluma, tipi, fogueira... O emprego sistemático destas láminas de observación, serviunos para identificar algúns elementos representativos dos indios, ademais de para recoñecer algúns dos grafemas traballados ao longo do curso.

Siii!!!, a vindeira semana estará repleta de sorpresas. Seguiremos aprendendo novas cousas acerca dos indios e o martes recibiremos a visita de Álex e de Patricia, pero... quen son?
Álex é músico, e por iso leva na súa maleta os seus instrumentos favoritos para acompañar as máis divertidas historias. O profe díxonos que ata ten un que respira e parece estar vivo, é... un acordeón!
Patricia, conta e canta, sabe mil millóns de historias que abofé nos entusiasmarán.
O martes, con Álex e Patricia, faremos unha viaxe fantástica, chea de música e de palabras para a que non precisaremos nin coches, nin barcos, nin avións. Tan só deixar voar a nosa imaxinación. Será moi divertido!
Ah!... E todo isto sen esquecernos por suposto, das sorpresas que viviremos coa celebración do antroido no cole, deixando un anaquiño de tempo para sentir... bolboretas no estómago?... será colosal!, así que seguide moi atentos ao noso blogue...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

LOITEMOS CONTRA A CRUELDADE... DEIXANDO QUE CANTEN AS CORES!

viernes, 3 de febrero de 2012

De xeito especial, ao longo desta semana estivemos traballando aspectos relacionados coa Educación para a Paz, esto non quere dicir, nin moito menos, que este ámbito de traballo o limitemos exclusivamente a esta data, pois ao longo de distintos momentos da xornada escolar, dunha maneira ou doutra, traballamos diversos elementos relacionados con este eixo transversal.
Así, por exemplo, o momento da asemblea posibilita o traballo desta temática no momento en que moi pouquiño a pouco avanzamos na escoita atenta ao resto de compañeiros, a saber respectar a súa opinión cando esta é distinta da propia, e, sobre todo, levantar a man antes de falar, algo que nos está custando levar a cabo. Asemade, tamén traballamos elementos relacionados con esta temática cando a principio de curso establecemos e consensuamos as normas que rexen a vida da aula ou cando o profe nos ensina formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver os nosos conflitos diarios; conflitos que forman parte do noso proceso de socialización.
Pois ben, todo isto foi traballado dun xeito máis dirixido e intencional nesta semana na que os nenos e nenas de 3 anos B pedimos a Paz, un concepto do que xa tiñamos algunha idea.
Para iso, unha vez máis, as asembleas matinais convertíronse nun recurso excepcional para chegar ao centro deste concepto que tantas veces escoitamos nos medios de comunicación social.
Día a día fomos traballando sobre a Paz, e para organizar un pouco as nosas ideas, que eran moitas, decidimos facer un bule-bule no encerado, e previa man levantada (esta semana facíase algo indispensable) relacionamos a Paz con accións tales como: “portarse ben”, “facer ben a ficha”, “ir ao parque”, “non estar de florero”...
De todo este torbeliño de ideas, seleccionamos: “alegría”, “amar” e “querer” e pegámolas noutra obra de arte. Neste caso era unha litografía tamén de Pablo Picasso que representaba unha paloma da paz, e que cada clase encheu con palabras vencelladas coa Paz.










Por outra banda, sabedes que esta semana nos convertemos nuns auténticos picassos?... Deste xeito, o profe presentounos unha obra de arte diferente, unha obra de arte na que unicamente se emprega a cor negra, branca e gris. Tratábase do “Guernica” de Pablo Picasso, unha obra coa que o seu autor tentou plasmar as consecuencias e horrores da guerra.
Coñecidos algúns dos detalles máis representativos desta obra, a nivel de centro organizouse unha actividade na que participamos todos os nenos e nenas do cole, dende os máis pequerrechos ata os máis grandes. A actividade consistía en pintar de cores a parte do “Guernica” que lle correspondía a cada clase.
Nós decidimos aportar o noso graniño de area empregando a cor azul, verde, amarela, laranxa e rosa, e un a un, con moito coidado fomos dos primeiros en encher de cores un cadro co que o seu autor intentou transmitir tristeza.











Xa o luns, despois do patio, dirixímonos de xeito organizado ao porche do pavillón sur para xuntarnos co resto de nenos e nenas do cole. Así, ataviados coas nosas coroas e cunha bandeira pola Paz, dispuxémonos a contemplar o resultado final do noso “Guernica” particular, un resultado no que se empregaron mil millóns de cores para loitar contra a crueldade e que podedes contemplar tantas veces como queirades no porche do pavillón sur... quedou sensacional!

E para rematar... todos xuntos cantamos e bailamos a canción do grupo musical 3+2 titulada: “Los niños queremos la Paz” que durante estes días aprendimos na clase e que agora tamén poderemos escoitar tantas veces como queiramos no noso blog.

Si, si, si... o antroido xa está aquí! Para a vindeira semana comezaremos a vivir e a disfrutar o antroido na nosa clase. Papelote xa atopou disfraz, disfrazarase de indio, e con el aprenderemos un pouquiño máis acerca dos indios. Nos tamén temos xa disfraz?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!