Bienvenido

PARABÉNS!!...

viernes, 7 de febrero de 2020

“O día do aniversario, Marcel invitou a Tristán a merendar na súa casa.
- Felicidades! - dixo Tristán ao ver ao seu amigo, e deulle un pequeno paquete.
Marcel abriu o agasallo e preguntou: - Isto que é?
- Sobroume das cortinas da cociña - explicou Tristán.
- Gústache?
- Prefería mellor unha buxaina pero...”
Extracto do conto: Un agasallo diferente. Edit. Kalandraka.

Hai dúas semanas, -mergullados na PAZ e na GUERRA-, non vos contamos que celebramos os primeiros aniversarios do ano, nada máis e nada menos que xa os aniversarios de 6 ANOS... wow!
Indubidablemente o tempo pasa para todos e todas e, aínda que parece que comezamos onte o cole dos maiores, estamos a piques de rematar Educación Infantil... case nada!
Quizáis, dentro da nosa perspectiva infantil, non somos conscientes deste paso do tempo, pero basta botar a vista atrás e decatarnos de todo o que cambiamos durante estes cursos xuntos. Atrás quedaron as bágoas por vir ao cole, mesmo as poucas ansias de traballo; agora si que si... convertémonos nos súper-maiores de mandilón!
Porén, e para darlle a importancia necesaria aos primeiros aniversarios de 6 ANOS, traballamos o conto: Un agasallo diferente (Edit. Kalandraka); unha historia na que aprendemos a apreciar o valor das cousas pequenas.


Ao tempo, xa o venres 31 de xaneiro (derradeiro día do mes), desenvolvemos ilusionados o ritual propio dos aniversarios... JUAN e MARTÍN F. estaban exultantes!


Primeiro JUAN e logo MARTÍN F. traspasaron a fotografia propia da tarta de 5 ANOS á tarta de 6 ANOS.



Tamén cantamos, mimamos e dramatizamos a canción propia deste momento e pescudamos algúns cambios que se produciron ao longo deste tempo: peso, estatura, nivel de capacidades... somos outros!... incluso, no mes de decembro, hai a quen se lle caeu un dente na clase!...


Con esta rutina de celebración comezamos un trimestre que porá a proba a nosa capacidade de traballo, concentración e atención... despegamos a Educación Primaria en 3, 2, 1...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"ABAJO LA GUERRA. ARRIBA LA PAZ..."

jueves, 30 de enero de 2020


“... Los niños queremos reír y cantar”... con este rito, un curso máis mergullámonos na actividade conmemorativa do “Día Escolar da Non Violencia e da Paz” establecida no Calendario Escolar.
Neste senso, que mellor que redescubrir aspectos relacionados coa PAZ que coa lectura e comprensión de todo un clásico desta data... Negros y blancos (Edit. Anaya) segue resultándonos fascinante!
Unha vez máis, esta historia serviunos como alicerce de reflexión para chegar verdadeiramente ao centro deste concepto: a PAZ.


Así pois, participamos -previa man levantada- en torbeliños de ideas nos que relacionamos a PAZ con accións como: “no pegar”, “recoger”, “ayudar en casa”... exacto!... a PAZ é algo máis que a ausencia de guerra.
Ao tempo, este curso fomos un chisquiño máis alá, e logo destas froitíferas conversas, recreamos situacións de PAZ e situacións de GUERRA.


Indubidablemente, nas recreacións da guerra non escatimamos detalle: arsenais completos de armas, ladróns, delincuentes, “los gamberros de la Muralla”... caras de malo, presos e mesmo persoas mortas por doquier...



Por outra banda, se hai un elemento que axiña relacionamos con esta data do calendario é a pomba da paz. Desta vez, decoramos a pomba da paz cun elemento que ás veces empregamos no tempo de traballo individual para dar ás actividades unha visión estética de conxunto. Debuxamos con rotulador corazóns no lugar indicado para tal efecto: corazóns de cor vermella e corazóns Disney... canto amor! Para o pico e a rama de olivo, empregamos o rotulador, eran cousas pequenas dabondo, así non nos saimos do contorno... Escribimos no reverso con letra minúscula enlazada: "Día de la Paz 2020", destroquelamos e... listo!


Finalmente, xa hoxe xoves 30 de xaneiro, “Día Escolar da Non Violencia e da Paz”, reservamos parte da xornada para escoitar cancións de PAZ. A canción de “Barquito de papel” forma parte de seu deste momento do curso, engadindo outras menos coñecidas e, quizáis, menos interesantes para nós como “No dudaría” de Antonio Flores. Canto gozamos deste momento!...


Agora xa, resta aplicar a situacións da vida cotiá todo o aprendido. Os conflitos non se resolven pelexando, senón dialogando e tentando chegar a un acordo entre as partes implicadas... lograrémolo?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

EN XANEIRO... BUFANDA, ABRIGO E SOMBREIRO!

viernes, 24 de enero de 2020


Esta semana, ao tempo que continuamos o traballo co libro de actividades nº3 de MUNÍBAL, reservamos un tempo para redescubrir algúns elementos e cambios producidos coa chegada do inverno.
Así, como vén sendo habitual, atopamos nas asembleas matinais a mellor das lanzadeiras posibles de ideas previas, evidenciando os nosos coñecementos previos e necesidades de aprendizaxe cara a nova estación.
Neste senso, ollamos as roupas de abrigo dos percheiros, conversamos sobre a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios específicos desta estación (bufandas, gorros, guantes, abrigos…) recoñecendo e asociando partes do corpo e pezas de vestir.


Asemade, e para deixar testemuña deste centro de interese, recreamos elementos propios do inverno. Interesante empregar por fin a cor branca para debuxar a néboa tan característica da nosa cidade, bonecos de neve e, sobre todo, neve, moita moita neve... fantástico!


Siii, exacto!... se algo temos claro-clarísimo, é que no inverno hai neve, moooita neve… e que podemos facer coa neve?... Uf!, un montón de cousas: bonecos de neve, bólas de neve, patinar, esquiar…
Tamén, por outra banda, coidamos que coa chegada do inverno aparecen nas casas novos obxectos que nos axudan a paliar os rigores desta estación: estufas, mantas, calefaccións... Indubidablemente, quedounos clara a necesidade de abrigarse para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa… adquirindo hábitos e actitudes relacionadas co benestar e co coidado da saúde; evitando a visita ao médico.
Ao tempo de todas estas actividades, estes días aproveitamos para gozar dun tempo libre de expansión vital a partir dunha das nosas cancións favoritas: Robin Hood... todo un clásico! Amodo desprazámonos polo espazo adoptando a postura indicada en cada estrofa: cadeira, ombro, cóbado...


Agora xa, a vindeira semana, reatoparémonos cun dos nosos contos: Negros y Blancos (Edit. Anaya) cuxa historia serviranos para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e da Paz... preparados!
Negros y blancos (Edit. Anaya)
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"LOS LIBROS MÁGICOS DE MUNÍBAL".

viernes, 17 de enero de 2020


Como se fan os libros?... a esta e a outras preguntas, tentaremos dar resposta co traballo do centro de interese que comezamos esta semana.
Así pois, coa lectura da historia motivadora da unidade titulada: “Los libros mágicos de Muníbal”, descubrimos que BERTA está de aniversario, e que para esta data especial, MUNÍBAL e PABLO queren regalarlle un libro, o libro máis máxico que atopen... un libro máxico?
Os “libros máxicos” son como xogos que nunca rematan, cheos de portas que agochan detrás unha sorpresa. Ou con páxinas que, ao abrilas, crecen e crecen.
Indubidablemente, os libros contan moitas cousas: historias inventadas, sucesos reais, aventuras trepidantes... Con eles gozamos, soñamos, rimos e ata pasamos medo ás veces.
Ao tempo, co desenvolvemento deste centro de interese aprenderemos que os libros nacen das ideas que teñen as persoas que os escriben.


Neste senso, os ESCRITORES son os encargados de escribir o texto e os ILUSTRADORES son os encargados de crear os debuxos que acompañan ao texto.


Tamén achegarémonos a outras profesións menos coñecidas: MAQUETADOR, CORRECTOR, IMPRESOR, DISTRIBUIDOR e, moi especialmente, LIBREIRO, facendo comparativas entre a libraría e a biblioteca.


Sabiades que os libros atópanse en diferentes lugares?... Hai libros na LIBRARÍA, no COLEXIO, na LUDOTECA, na BIBLIOTECA...


Siii, na BIBLIOTECA existen moitos libros: libros que poden lerse, libros que poden escoitarse e libros que poden consultarse... case nada!
Xa hoxe, venres, ÁNGEL como súper-encargado, constatou efectivamente que o pictograma do tempo atmosférico foi o mesmo durante toda a semana... nubes, nubes e máis nubes! Proba irrefutable que nos atopamos na estación do inverno, surxindo conversas ben interesantes que de cara á próxima semana vertebrarán o recoñecemento desta estación no que a climatoloxía, actividades e indumentaria propia se refire... fantástico!


E xa como colofón final a esta primeira semana tras a volta das vacacións de Nadal, escoitamos a historia da Doutora T e como todos os nenos e nenas de Letrilandia-O País das Letras desexan ir ao hospital para ser curados con xarope de amorodo, limón ou chocolate. Identificamos grafía e son, asociamos e escribimos palabras que comezan por T, practicamos trazo no encerado... paciencia!... MUNÍBAL tampouco sabe ler!... Sabiadelo?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

...EXISTEN!!

viernes, 10 de enero de 2020


“os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...” e proba irrefutable disto é a morea de situacións curiosas que vivimos este Nadal coa visita das SS.MM. os Reis Magos de Oriente, mesmo os máis afortunados, de Papá Noel!...
Este mércores 8 de xaneiro, regresamos ao cole tras as vacacións de Nadal e un entregado JAVIER -era a súa quenda de súper-encargado-, dou inicio a este 2º trimeste... comezamos encantados!


Uf!... logo de todos estes días sen vernos, tiñamos moito que contar, porén, esta semana as asembleas matinais duraron máis do habitual. Neste senso, e como podedes imaxinar, se houbo unha conversa recorrente foron os agasallos de Nadal; canto xoguete, canta cousa interesante: surtido de bonecas variadas, coches teledirixidos, kits de maquillaxe, de perruquería..., tamén mochilas para o cole, contos, gorros e luvas... fantásticas recreacións!



Asemade, co obxectivo de lembrar, reforzar e consolidar algunhas das aprendizaxes desenvoltas no 1º trimestre, ao tempo realizamos diferentes actividades impresas dos grafemas /p/, /l/, /m/, /s/ en letra minúscula enlazada. Agora xa, a escrita en letra enlazada minúscula, será a que empregaremos na maior parte das actividades, avanzando na súa identificación e lectura a partir da cartilla de lectura de Letrilandia–O País das Letras. Esta fin de semana, tocan as xemelgas N e Ñ, ninguén perdeu detalle do que lles aconteceu na historia motivadora... alucinante!


Entre tanto, -non todo ía ser traballar-, estes días engadimos novos materiais aos rincóns: un kit de alimentos para o supermercado e unha alfombra como a que tiñamos en 3 ANOS para circuito de coches. Resultou complicado compartir tanta novidade... amodo, hai que compartir!


E na vindeira semana?... Pois rematado o traballo de lecto-escritura programado para este inicio de trimestre, comezaremos o caderno de actividades nº3 de MUNÍBAL... estamos expectantes!
FAMILIAS!!... Despois dun Nadal repleto seguro de mil e unha anécdotas cargadas de toneladas de ilusión, maxia e fantasía, agardamos que voltedes a crer nos Reis Magos, e que nunca esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

NADAL NA ANEXA...

viernes, 20 de diciembre de 2019

Hoxe venres 20 de decembro, chegou o tan agardado final de trimestre, día no que levamos os materiais elaborados ao longo do trimestre e vivimos máis que nunca a ilusión propia desta data desenvolvendo actividades que mudaron cada xornada escolar.
Sen lugar a dúbidas, o Nadal é tempo de soños e ilusións compartidas, a inminente chegada de Papá Noel e das SS.MM. os Reis Magos de Oriente, propician un case permanente ambiente de maxia que evidentemente non deixamos escapar na escola e na nosa aula.
Así, ao tempo que cada día o súper-encargado abría unha fiestra do “Calendario de Adviento”, aproveitamos para realizar distintas actividades coas que nos achegamos a algúns dos elementos, celebracións e costumes do Nadal na nosa comunidade.



Neste senso, diferentes actividades impresas nos redescubriron algúns dos elementos decorativos máis representativos do Nadal: árbores, bolas, cintas de cores e luces, moitas luces...


Nadal é tempo de agasallos e, como non podía ser doutro xeito, Papá Noel e as SS.MM. os Reis Magos de Oriente, convertéronse nos personaxes por excelencia propios desta data.


Como xa vos contamos noutras ocasións, con estas e outras actividades, ao tempo que coidamos en realizar o traballo cotiá da mellor maneira posible -sen présa e prestando atención ao traballo propio-, avanzamos na escrita espontánea de palabras significativas; agora xa, cada vez máis expertos na escrita en letra minúscula enlazada... que fantástico!


Siii, esta semana foi de festa, resultou unha semana distinta na que como colofón final degustamos un tempo de merenda na que cadaquén trouxo o seu alimento preferido, mesmo sentamos onde quixemos... canto mellor amigo concentrado!


Ao tempo, este día foi máis aló do habitual e ao ritmo do Just Dance 2019, creamos un ambiente de festa inigualable,... que ben!


Xa para rematar, hoxe asistimos ao “Festival de Nadal” organizado a nivel de centro polo alumnado dos niveis aos que lles corresponde esta celebración, a nosa quenda será no “Festival das Letras Galegas”.
Agora, toca gozar destes días de vacacións e repoñer forzas para un 2º trimestre que se presenta cargado de boas novas... este cole si que mola!


Un saúdo con sabor a turrón e a mazapán e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!