Bienvenido

#RecordandoCarvalhoCalero

lunes, 18 de mayo de 2020

Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión, como non podía ser doutro xeito, toman como eixe vertebrador a conmemoración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS.
Cada mes de maio celébrase a Semana das Letras Galegas para homenaxear a escritores e escritoras que escribiron en galego e defenderon o noso idioma. Este curso homenaxeábase a Ricardo Carbalho Calero.
Dada a situación excepcional que atravesamos, o Día das Letras Galegas, que tradicionalmente se celebra cada 17 de maio, será este ano o 31 de outubro, data que coincide cos 110 anos do nacemento do intelectual e escritor ferrolán.

Neste senso, sabedores das posibilidades que ofrece o traballo con textos escritos, pódense desenvolver múltiples actividades que sirvan de preludio ao que, dun xeito seguramente máis formal e sistemático, levemos a cabo en 1º de Educación Primaria co gallo do Día das Letras Galegas.
Son moitas e variadas as posibilidades de traballo que ofrecen os textos de tradición e cultural do contorno: adiviñas, refráns, cantigas, trabalinguas, retahílas, poemas...
Indubidablemente, a lectura en voz alta de contos e outros textos significativos, debera converterse estes días nunha tarefa diaria para gañar seguridade, confianza, velocidade, comprensión lectora... Para esta tarefa, ademais da cartilla de lectura de “Letrilandia”, contamos con numerosas coleccións que toman o noso idioma, o galego, como lingua vehicular: Kalandraka, OQO editora, Xerais, Galaxia... con historias de sobra coñecidas como: A que sabe a lúa?, Cocorico, Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis, A bruxa regañadentes, Un agasallo diferente...
Paralelamente, o traballo con textos poéticos (poemas), tamén serve de alicerce para seguir afondando en determinados aspectos vencellados á lecto-escritura: buscar letras, fonemas e/ou palabras significativas e rodealas, rematar algúns versos sen perder a rima... enfatizando moi especialmente a súa dramatización, cadencia rítmica, inflexión e modulación da voz, entoación e acompañamento xestual...
Todas estas actividades poden ir acompañadas do recoñecemento da bandeira propia da nosa Comunidade Autónoma, mesmo descubrir o significado do Escudo de Galicia, recreando ambos mediante o emprego de elementos, materiais e técnicas propias da expresión plástica. Que vos parece incluso caricaturizar a Ricardo Carvalho Calero?...

Alén disto, non esquezades os materiais e actividades para Educación Infantil sobre o autor homenaxeado que cada curso se publican no Portal Educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.  Desta vez, o xurado acordou concederlle o premio da categoría A ao traballo co lema “Recordando Carvalho Calero”, do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña), onde se combinan recursos TICs como a realidade aumentada coa fin de dar a coñecer detalles significativos: vida, obra e época,  deste autor ferrolán.

Agora xa, nestes momentos nos que comezamos a ver L U Z, facede máis diso que vos fai feliz, que vos fai rir. Rir, rir e rir... Como cura de todo, como base de todo.

0 comentarios: