Bienvenido

#DendeAnexaConAmor

lunes, 25 de mayo de 2020


Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador A EDUCACIÓN EMOCIONAL.
A situación producida polo COVID-19, trae consigo unha nova normalidade á que adultos e nenos temos que adaptarnos progresivamente: desenvolvemento de hábitos de hixiene persoal con lavado continuado de mans, emprego de mascarilla, distanciamento social...

Durante estas semanas sen clases, as recomendacións semanais centráronse na literatura infantil como recurso de achegamento á lecto-escritura, na lóxica-matemática como estratexia de resolución de problemas cotiás a partir de habilidades propias deste tipo de razoamento e pensamento, na expresión artística en diferentes variables: linguaxe plástica, musical, corporal,... mesmo na linguaxe audiovisual e TICs que neste tempo, máis que nunca, contan cunha presenza significativa.
Alén disto, o máis importante nestas semanas, é comprender e sobrelevar todas as novidades que se producen nas nosas rutinas. Así, para nenos/as e adultos, resulta necesario, o descubrimento, identificación, control e xestión de emocións e sentimentos.

A Educación Emocional cobra unha especial relevancia en Educación Infantil, converténdose no fío condutor das actividades propias de cada xornada escolar. Así, desenvolvemos numerosas habilidades sociais a través da resolución pacífica de conflitos que xorden na convivencia da aula, fomentando a toma de decisións autónomas e responsables. Porén, cedemos no conflito regulando impulsos e emocións negativas, -adoptando segundo a situación o mellor comportamento posible-, traballamos en equipo colaborando cos demais, -valorando e respectando a diversidade como elemento positivo e enriquecedor-... etc

Alomenos polo momento, toca adaptarnos a esta nova situación que, para comezar, debemos entender. Neste senso, que mellor que identificar, comprender e controlar emocións e sentimentos propios e alleos...
Para isto, resulta interesante que sexamos nós mesmos os encargados de identificar situacións con risco de conflito emocional, artellando a resposta máis axeitada en cada caso. A verbalización de estados de ánimo e de reaccións emocionais: ledicia, tristeza, enfado..., convértese nunha estratexia ideal como lanzadeira de ideas previas, expresando sentimentos e emocións en situacións cotiás, traballando o autocontrol de reaccións e estados de ánimo, o aprazamento de demandas e recompensas...

Ao longo destes 3 cursos, as emocións convertéronse en fonte inesgotable de ensinanza-aprendizaxe. Xuntos axudamos a El Monstruo de Colores (Edit. Flamboyant) a poñer en orde as súas emocións. Asociamos emocións a cores e, sobre todo, asociamos emocións a situacións cotiás, xestionando as emocións negativas a través dunha actuación flexible e dialogante.
Xuntos aprendemos a identificar emocións e sentimentos en nós mesmos e nos demais, tamén recoñecemos motivacións persoais e grupais, erros e acertos, empregando un pensamento alternativo que vai máis alá dos nosos propios intereses. Agora xa, familias, deberedes seguir afondando na linguaxe das emocións para que o comezo da etapa da Educación Primaria supoña o menor custo emocional para os nenos e nenas.

A vindeira semana, a partir da entrega do material impreso de MUNÍBAL, poderedes poñer a proba a atención, comprensión e perseveranza dos nenos e nenas, traballando a tolerancia á frustración e o afán de superación persoal... estas tarefas suporán unha excelente oportunidade para fomentar a construción dun autoconcepto e autoestima positiva.

Familias, cos nosos máis e cos nosos menos. Coas nosas malas decisións, pero tamén coas mellores ideas do mundo. Toca volver a ser un mesmo... Á N I M O!

0 comentarios: