Bienvenido

TRABALLO POR PROXECTOS.

viernes, 15 de noviembre de 2019

Nos últimos días, unha vez máis, participamos nas actividades desenvoltas na aula de Educación Artística da Facultade de Maxisterio.
Sabedores de que a linguaxe artística xoga un papel indiscutible en Educación Infantil, nesta ocasión participamos en 6 mini-proxectos que nos achegaron a elementos e aspectos da nosa vida cotiá.
Nesta ocasión, organizados en pequeno-grupo, o alumnado de Maxisterio distribuínos en cada mini-proxecto: a cidade e os medios de transporte, o ciclo vital, os dinosauros, as estrelas, as sombras e os cogomelos.
Na CIDADE E MEDIOS DE TRANSPORTE redescubrimos os medios físicos de desprazamento dos medios de transporte cotiá, valorando a necesidade dun uso moderado destes para evitar a contaminación ambiental. Coches e camións, avións e helicópteros..., mesmo un submarino co que descubrir os tesouros do fondo do mar... parabéns!




No mini-proxecto do CICLO VITAL, aprendemos que animais, plantas e persoas pasan por diferentes etapas; analizamos unha mazá verde e outra menos apetitosa como consecuencia do paso do tempo, tamén as árbores en cada estación e as persoas en cadansúa etapa vital: neno-adulto-ancián.


Na quenda dos DINOSAUROS debuxamos o noso dinosauro preferido dando renda solta á nosa imaxinación, incluso tivemos tempo para converternos en auténticos exploradores escavando ósos que semellaban de auténticos dinosauros... impresionante!


Por outra banda, grazas ás ESTRELAS, lembramos elementos do espazo traballados o curso pasado: planetas, constelacións, cometas... recreando con témpera de cores e pinceis de diferentes grosores o noso Sistema Solar... a Osa Maior quedou xenial!


Co traballo das SOMBRAS, descentramos a idea de esquemas corporais con cores e partes diferenciadas, pois as sombras son negras, grises, escuras... nas que non se diferencian ollos, nariz, boca... Este mini-proxecto achegounos ao uso do retroproxector de luz, xogando coas siluetas creadas, xerando sombras pequenas, medianas, grandes...



O derradeiro mini-proxecto trataba sobre os COGOMELOS, un eixo motivador que permitiu achegarnos a un dos elementos representativos do outono traballado na clase. Agora xa, identificamos as partes do cogomelo, incidindo na necesidade de coidar que cogomelos son comestibles e que cogomelos son velenosos... moito ollo!


Sen lugar a dúbidas, esta incursión na Aula de Educación Artística permitiu crear un ambiente propicio para a estimulación da imaxinación e creatividade, na que desenvolvemos o pensamento racional e a nosa capacidade de análise baseándonos no uso sistemático da razón. Queremos repetir!...

- A CIDADE E MEDIOS DE TRANSPORTE -
- O CICLO VITAL -
- OS DINOSAUROS -
- AS ESTRELAS - 
- AS SOMBRAS -
- OS COGOMELOS -
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"EL CUMPLEAÑOS DE ENRIQUE".

viernes, 8 de noviembre de 2019


Como xa vos contaramos, co gallo da celebración do Halloween-Samaín, traballamos o conto: “El cumpleaños de Enrique” (Edit. Edelvives).
A pantasma Enrique cumpre nada máis e nada menos que 400 anos e para celebralo prepara onda Lucía, Jorge e Eduardo unha festa de aniversario. De súpeto, escoitan un ruído que vén do sótano...
A partir desta historia, redescubrimos, identificamos e tentamos normalizar o medo como sentimento propio das persoas. Medo ás arañas, ao lobo, ás bruxas... mesmo aos “delincuentes” e “gamberros”! Quedou ben claro, o medo existe, por iso debemos poñer todo da nosa parte para superalo pouco a pouco, pois... quen non ten algún medo?


Ao tempo, tamén traballamos o paso do tempo e a celebración dos aniversarios. Sen lugar a dúbidas, un dos acontecementos sociais das nosas vidas é o noso aniversario con todo o que isto conleva: reparto de invitacións, preparación da festa, agasallos, cumprir anos... como pasa o tempo!
Así pois, na véspera da celebración do Halloween-Samaín, reservamos un momento da xornada para lembrar os rituais propios da celebración dos aniversarios na clase.


Deste xeito, ansiosos por estrear a coroa de súper-maiores de 5 anos na que nun lugar visible figura MUNÍBAL; GAEL, MARTÍN C., SOFÍA e ÁNGEL desenvolveron con tino a secuencia rutinaria establecida case dende 3 anos. 


Posta de coroa, recitado e dramatización da canción de 5 anos, e por suposto, traspaso da foto para a tarta de 5 anos, un momento que sempre se converte en algo especial e do que non perdemos detalle... fantástico!





Siii, exacto!... As pequenas cousas contan cunha significatividade especial na nosa aula converténdose en alicerces que nos fan cada día un pouco máis maiores, axudándonos a comprender o noso pequeno-gran mundo. E aínda queda o mellor para este remate de trimestre, equipaxe case lista e preparada para viaxar a Letrilandia: O País das Letras... preparados?


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

LET´S GO TO HALLOWEEN!

miércoles, 30 de octubre de 2019


Hoxe, mércores 30 de novembro, puxemos o punto final a uns días cheos de cabazas, pantasmas, morcegos e moitas historias de “medo”.
Así pois, como xa vos contaramos, hai varias semanas que a decoración do cole mudou considerablemente aparecendo elementos representativos desta data tales coma: pantasmas, bruxas, esqueletes... este feito, non pasou desapercibido no momento de entrada e expectantes descubrimos cada día un novo elemento. Corredores e pasadizos terroríficos que converteron o noso cole... nun cole encantado!


Neste senso, para comezar, identificamos e respectamos os medos propios e alleos, destacando que todos eses personaxes unicamente existen nos contos, nas pelis e/ou na nosa imaxinación... queda claro?
Ao tempo, recreamos a festa de aniversario de Enrique coa lectura do conto: El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives); unha historia que desta vez aproveitamos para vencellar aos primeiros aniversarios do curso... moitos parabéns!


Evidentemente, tomando como eixo motivador esta celebración,  foron moitas as actividades que realizamos para deixar testemuña desta época do ano que tanta expectación suscita. Debuxamos personaxes terroríficos con 4 ollos, 2 brazos, caras verdes e rosa, con sangue e “cousas de guerra”... tamén recreamos o disfrace que luciriamos este Halloween... case nada!



Por outra banda, e por se todo isto fose pouco, dende o centro solicitouse a colaboración das familias na decoración das cabazas. Como gozamos no noso corredor. Había bruxas, vampiros, bebés e ata personaxes dos nosos debuxos favoritos… familias, grazas pola vosa colaboración!


Xa logo, máis tranquilos na aula, cadaquén recreou a súa cabaza, resultados que cada vez amosan máis enxeño e creatividade... fantástico!


Uf!… non pensedes que nestes días foi todo traballar, pois quedou tempo para gozar, uns máis que outros, coa escolma de diferentes capítulos de animación adecuados á nosa idade e propios da data; “El silbido de Frankenstein” e a canción de “Let’s go to Halloween” de Conecta Kids e Pocoyó… resultaron un éxito!
E para rematar..., que mellor que vir ao cole disfrazados daquilo que levabamos anunciando había semanas?... Esqueletes, zombies, vampiros, cabazas, bruxas... canta variedade!... irrecoñecibles!...


Siii, hoxe tamén houbo tempo para o traballo individual que, custodiado por as nosas figuras solares, desenvolveuse con máis ou menos normalidade... que súper-maiores!




Sen lugar a dúbidas isto, e a visita da profe Marta para cantar “Outono na Anexa”, foron o mellor final posible para uns días que resultaron... terrorificamente divertidos!...  


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!