Bienvenido

TRABALLO POR PROXECTOS.

viernes, 15 de noviembre de 2019

Nos últimos días, unha vez máis, participamos nas actividades desenvoltas na aula de Educación Artística da Facultade de Maxisterio.
Sabedores de que a linguaxe artística xoga un papel indiscutible en Educación Infantil, nesta ocasión participamos en 6 mini-proxectos que nos achegaron a elementos e aspectos da nosa vida cotiá.
Nesta ocasión, organizados en pequeno-grupo, o alumnado de Maxisterio distribuínos en cada mini-proxecto: a cidade e os medios de transporte, o ciclo vital, os dinosauros, as estrelas, as sombras e os cogomelos.
Na CIDADE E MEDIOS DE TRANSPORTE redescubrimos os medios físicos de desprazamento dos medios de transporte cotiá, valorando a necesidade dun uso moderado destes para evitar a contaminación ambiental. Coches e camións, avións e helicópteros..., mesmo un submarino co que descubrir os tesouros do fondo do mar... parabéns!




No mini-proxecto do CICLO VITAL, aprendemos que animais, plantas e persoas pasan por diferentes etapas; analizamos unha mazá verde e outra menos apetitosa como consecuencia do paso do tempo, tamén as árbores en cada estación e as persoas en cadansúa etapa vital: neno-adulto-ancián.


Na quenda dos DINOSAUROS debuxamos o noso dinosauro preferido dando renda solta á nosa imaxinación, incluso tivemos tempo para converternos en auténticos exploradores escavando ósos que semellaban de auténticos dinosauros... impresionante!


Por outra banda, grazas ás ESTRELAS, lembramos elementos do espazo traballados o curso pasado: planetas, constelacións, cometas... recreando con témpera de cores e pinceis de diferentes grosores o noso Sistema Solar... a Osa Maior quedou xenial!


Co traballo das SOMBRAS, descentramos a idea de esquemas corporais con cores e partes diferenciadas, pois as sombras son negras, grises, escuras... nas que non se diferencian ollos, nariz, boca... Este mini-proxecto achegounos ao uso do retroproxector de luz, xogando coas siluetas creadas, xerando sombras pequenas, medianas, grandes...



O derradeiro mini-proxecto trataba sobre os COGOMELOS, un eixo motivador que permitiu achegarnos a un dos elementos representativos do outono traballado na clase. Agora xa, identificamos as partes do cogomelo, incidindo na necesidade de coidar que cogomelos son comestibles e que cogomelos son velenosos... moito ollo!


Sen lugar a dúbidas, esta incursión na Aula de Educación Artística permitiu crear un ambiente propicio para a estimulación da imaxinación e creatividade, na que desenvolvemos o pensamento racional e a nosa capacidade de análise baseándonos no uso sistemático da razón. Queremos repetir!...

- A CIDADE E MEDIOS DE TRANSPORTE -
- O CICLO VITAL -
- OS DINOSAUROS -
- AS ESTRELAS - 
- AS SOMBRAS -
- OS COGOMELOS -
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Jose dijo...

Pequenos grupos pero grandes proxectos. Grandes leccions sobre a vida.