Bienvenido

LETRILANDIA: O PAÍS DAS LETRAS. (II)

viernes, 22 de noviembre de 2019

3, 2, 1... Siii, esta semana despegamos nada máis e nada menos que a un país que existiu hai moitísimos anos cando había xigantes e magos, trasnos e fadas, na época na que os animais falaban: Letrilandia, o País das Letras.
Chegou o momento de familiarizarnos coa identificación, escrita e lectura da letra enlazada minúscula, desenvolvendo, desde esta mesma semana, múltiples e variadas actividades impresas coas que de seguro esta nova aprendizaxe resultará máis doada do que pode semellar... perfecto!
Da man do Señor Estudoso, ese señor baixiño e simpático, cuberto cun sombreiro e cunhas lentes, descubrimos un lugar rodeado por verdes campos salpicados de alegres flores de cores nos que hai uns pequenos ríos saltaríns que proporcionan auga fresca para beber e un lugar onde xogar e refrescarse.


O Señor Estudoso tiña moitas ganas de aprender e descobrir cousas novas; por iso sempre leva un lapis e un caderno na man onde anotar todas as marabillas que ía descubrindo ao longo das súas viaxes.
Cando paseou polas rúas de Letrilandia, do País das Letras, o Señor Estudoso observou os costumes dos seus habitantes. Abraiárono as formas que tiñan os seus corpos, así como a súa forma de comunicárense. Todos eran distintos e falaban diferente.


Pensou que se debuxaba os seus corpos e aprendía o seu xeito de falar, podería escribir todos os contos e marabillas que aprendía nas súas viaxes.
Situado á esquerda, atópase o País dos Xigantes, onde o mago Catapún e os demais habitantes vixían sempre para amolar as letras. Por iso, estas camiñan sempre de esquerda a dereita.


Así pois, mediante este archi-coñecido método de lectura, semanalmente descobriremos un a un os personaxes deste fantástico lugar, onde a través das súas historias, coidamos gañar confianza e seguridade nas nosas posibilidades cara a aprendizaxe da lecto-escritura.




Neste senso, a partir da primeira semana de decembro, engadiremos unha nova rutina á nosa parrilla de clase e os venres levaremos para a casa unicamente durante a fin de semana a cartilla de lectura nº1 de Letrilandia na que se presenta gradualmente a lectura en letra enlazada minúscula. O que se pretende con este material é que na casa continuemos de xeito máis individual a labor referida á lecto-escritura iniciada na escola. Para iso, hai que lembrar que a cartilla de lectura deberá vir cada luns coa carpeta e así poder engadir durante a semana unha nova letra... soa xenial!


Familias!… abrochade ben os cinturóns, estades convidadas a coñecer as aventuras e desventuras destes personaxes, e lembrade... hai que camiñar sempre de esquerda a dereita!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!