Bienvenido

AMBIENTES DE APRENDIZAXE.

viernes, 29 de noviembre de 2019

Esta semana, fixemos unha nova incursión á Facultade de Maxisterio para participar nas actividades dispostas en Ambientes de Aprendizaxe.
Os Ambientes de Aprendizaxe son os diversos escenarios que configuran o entorno vital para a construción do coñecemento e aprendizaxe, converténdose nun modo actual de reestruturar o espazo en Educación Infantil. A teoría dinos que non se trata de obradoiros, nin tampouco de rincóns, zonas e/ou espazos diferenciados, senón de algo máis grande; unha aula ou o corredor poderían ser un Ambiente de Aprendizaxe... soa xenial!
Nesta ocasión, coñecedores das posibilidades que nos ofrece o propio corpo, desenvolvemos distintas actividades cuxo eixo vertebrador foron as 5 modalidades sensoriais: os seus usos e funcións.
Organizados en pequeno-grupo segundo a cor da peza escollida en cada caso, acudimos aos espazos organizados nos corredores da Facultade para desenvolver as actividades alí establecidas.
Sen apenas decatarnos, aos poucos, participamos en 5 experiencias que permitiron iniciarnos no método científico con actividades para cada órgano dos sentidos que puxeron a proba as nosas habilidades sensoriais... comezamos!
Para desenvolver o sentido do TACTO, cadaquén modelou en pasta de sal a parte que conforma o corpo humano asignada, diferenciando cabeza, tronco e extremidades... esta plasti si que mola!


Porén, no sentido do OÍDO, escoitamos con atención e tratamos de averiguar os sons producidos por distintos obxectos cotiás; para iso, había que estar en silencio e erguer a man para responder ao xeito... fantástico!


Xa no sentido do GUSTO, cos ollos pechados e sen ver nada, degustamos diferentes produtos respectando posibles alerxias alimentarias: tomate, patacas fritidas, limón... mmm, mesmo unha saborosa regalicia!


No espazo reservado ao OLFACTO, ulimos os arrecendos que saían duns botes con produtos ben olorosos no seu interior, asociando en cada caso a tarxeta identificativa co frasco correspondente: cacao, cebola, café, canela... ata colonia fresquiña... marabilloso!


E para o sentido da VISTA?... Xogamos coa mesa de luz, co retroproxector e coa lanterna, dando luces e sombras a espazos baleiros, manipulando xelatina coma se de area se tratase: vimos como cambiaba de cor, comprobamos as súas propiedades, densidade... que divertido!




Sen lugar a dúbidas, todas estas experiencias lúdico-exploratorias, convertéronse en fantásticas situacións nas que grazas á observación, exploración e experimentación, construímos activamente a nosa aprendizaxe... queremos repetir!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: