Bienvenido

SAN FROILÁN 2019.

viernes, 4 de octubre de 2019


Nuns días nos que en Lugo se respira xa olor a polbo e a cachelos, a nosa aula comezou a vestirse de festa e as conversas arredor da inminente celebración do San Froilán 2019 son inevitables.
Así pois, desenvoltas as rutinas e tarefas cotiás propias do súper-encargado, as asembleas matinais están resultando un chisquiño máis longas que de costume, pois ademais de servirnos para establecer e consensuar as normas que rexerán a vida da aula, cadaquén aproveita para contar anécdotas propias que, nestes días xiran arredor da celebración do San Froilán.


Como podedes imaxinar, San Froilán na nosa aula é sinónimo a barracas. Este curso nótase que somos súper-maiores e o “Gran Prix” centrou parte das nosas conversas.
Tamén falamos das colchonetas, dos karts, do tren, do scalextric..., e por suposto das atraccións dos maiores como “El Ratón Vacilón” e a “Casa do   Terror”... que emocionantes!
Estas e outras achegas significativas quedaron reflectidas nuns debuxos que, máis que nunca, serviron para deixar voar a nosa imaxinación e creatividade, recreando o noso San Froilán particular con todo detalle: luces de festa, fogos artificiais, atraccións variadas... cantas cores!


Por outra banda, este curso, aproveitamos para achegarnos aos Pelúdez. Pelúdez é un home de aldea que se vén vivir a Lugo durante as festas. Onda Filomena -a súa muller-, Peludeciño -o seu fillo-, Vanessa -a nora-, Harrisonciño -o neto- e Reborita das Arieiras -a consogra-, Pelúdez cóntanos o que ve e atopa no San Froilán, converténdose en todo un símbolo das nosas festas.
Así pois, coloreamos a Pelúdez e a Filomena en sendas actividades impresas nas que ademais, repasamos conceptos básicos como lonxe/preto e lixeiro/pesado. Abofé que Filomena celebrará un menú ben especial con tanto produto na súa bolsa da compra... fantástico!



Agora xa, toca gozar da festa e coller folgos renovados, axiña comezaremos un novo libro de MUNÍBAL, ao tempo que seguimos consolidando, ampliando e reforzando conceptos básicos vencellados á lecto-escritura e á lóxica-matemática.
Boas festas, bo San Froilán 2019!...


Un saúdo con sabor a polbo sanfroilanceiro e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: