Bienvenido

MiSiÓn EsPaCiaL!...

viernes, 22 de marzo de 2019


Embarcados nunha misión espacial, estas semanas descubrimos e identificamos algúns elementos representativos do Sistema Solar, así que… cinturóns abrochados que a viaxe comeza… preparados!
Como sabedes, comezamos cada xornada coa asemblea matinal, un tempo adicado á expresión oral, reflexión, organización e secuencia das actividades propias de cada día no que a elección do súper-encargado é un dos momentos clave.
Entre as tarefas que realiza o súper-encargado, ademais da fichaxe de ausencias e presenzas e das actividades de lecto-escritura e de pensamento e razoamento lóxico-matemático, está a rutina de PIPO, o coello espacial.


Chegado este momento, introducímonos na observación e identificación dalgúns fenómenos atmosféricos e meteorolóxicos que se suceden no día a día, constatando en cada caso co seu pictograma correspondente -de sol, sol con nubes, nubes negras/grises e choiva-, o tempo cotiá.
Estes días, a partir desta rutina, e convertidos nuns auténticos astronautas, descubrimos planetas tales como: XÚPITER e VENUS, compostos fundamentalmente de gases e rochas volcánicas, respectivamente.



Tamén coñecemos un dos nosos planetas favoritos: SATURNO, cuxa forma esférica rodeada de aneis de cores nos resulta tan espectacular.


E como non, a TERRA, que resultou o máis doado de recoñecer ao tratarse do planeta no que vivimos.


Nesta viaxe espacial tamén descubrimos as constelacións, agrupacións de estrelas que se atopan no Universo como por exemplo a de O CENTAURO -con forma de animal mitolóxico metade home, metade cabalo-, ou a OSA MAIOR, -con forma de carro sen rodas-.



Vimos cometas como o HALE-BOOP con forma de lume da que sobresaen varias colas... fascinante!


Para esta viaxe espacial, non puidemos atopar mellor pasaporte que os “Bits de Inteligencia”.



Foi tal a expectación que levantou o uso deste material didáctico, que no tempo adicado ao debuxo, plasmamos en diferentes días auténticas producións espaciais: planetas, estrelas, nubes, cometas...


Noutra ocasión, deixamos voar a nosa imaxinación identificando cores, formas, tamaños e proporcións dos ALIENÍGENAS. Caras verdes, antenas, ollos e brazos sen control... quedou un corcho galáctico!


Xa no último día, achegámonos á figura do primeiro home en pisar a lúa, o estadounidense NEIL ARMSTRONG, sen esquecer a VALENTINA TERESHKOVA, primeira muller en viaxar ao espazo exterior... e mesmo a LAIKA, o primeiro animal en orbitar a Terra... que interesante!
Agora xa, na vindeira semana, iremos pechando actividades e tarefas dun 2º trimestre que rematará o venres 29 de marzo... sprint final en 3, 2, 1!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: