Bienvenido

"DÍA MUNDIAL DA AUGA".

viernes, 29 de marzo de 2019


Sabiades que o venres 22 de marzo foi o “Día Mundial da Auga”?...
A “Conferencia de las Naciones Unidas sobre Medio Ambiente y Desarrollo” declarou no ano 1992 o 22 de marzo de cada ano como o “Día Mundial da Auga”, unha situación que posibilitou na nosa aula a valoración da auga como elemento esencial do desenvolvemento sostible, contando cun impacto positivo na vida humana ao incidir en cuestións que afectan á seguridade alimentaria, á saúde persoal e ao medio ambiente.
Así pois, co gallo desta celebración, descubrimos, identificamos e coñecemos algunhas das propiedades e calidades máis representativas da auga, desenvolvendo actitudes positivas de uso e consumo responsable.


Onde podemos atopar auga?... Na praia, no río, nos lagos e lagoas, na piscina, no grifo e nas fontes, e mesmo na ducha... máis concienciados que nunca de que auga resulta un recurso que hai que respectar, establecemos algunhas normas que fomentan o seu uso responsable; pechar a billa do grifo é unha excelente medida... así si!
Neste senso, destacamos e valoramos a importancia da choiva como fenómeno necesario para a vida dos animais e das plantas. Falamos da importancia das fontes, dos regatos e dos ríos, portadores de auga aos campos onde viven todo tipo de plantas e árbores.
Pero... que pasa agora que case todos os días no momento da constatación do tempo atmosférico apenas poñemos o pictograma de choiva?... quedaremos sen auga?...



Esta experiencia, enmarcada fundamentalmente nas asembleas matinais, converteuse nunha fantástica situación na que grazas á observación, exploración e experimentación, construímos activamente os nosos coñecementos e aprendizaxes sobre un tema vital como é a auga, os seus usos, funcións, posibilidades, coidados... Desenvolvendo o pensamento racional e a nosa capacidade de análise, tratamos de comprender a situación real a partir dos seus compoñentes, baseándonos no uso sistemático da razón.


Porén, e como vén sendo habitual dende hai xa 7 cursos consecutivos, este traballo desenvolveuse, en parte, a partir do material que cada curso a Deputación Provincial de Lugo reparte aos colexios da provincia para divulgar o coñecemento dos ciclos da auga e da árbore.


A camiñada de Pin e Gas, conta a historia de dúas pingas que se atopan coa contaminación e como logo de utilizar a brétema para continuar viaxe, o río Miño, principal canle de auga de Galicia, será a vía para acadar o mar e comezar de novo o ciclo.
Que interesante!... pois a partir das actividades desenvoltas, sen decatarnos, iniciámonos no método científico constatando e verificando que a auga non ten sabor -é insípida-, tampouco ten cor -é incolora-, e moito menos ten olor -é inolora-... canto aprendemos!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: