Bienvenido

CARGADIÑOS DE AGASALLOS, OLÉ, OLÉ OLÁ...

viernes, 11 de enero de 2019


Este martes 8 de xaneiro, regresamos ao cole tras as vacacións de Nadal e, aínda que nos custará coller de novo o pulso da rutina cotiá da aula... comezamos encantados!... este trimestre promete!...
Uf!... logo de todos estes días sen vernos, tiñamos moito que contar, porén, esta semana as asembleas matinais duraron máis do habitual. Neste senso, e como podedes imaxinar, se houbo unha conversa recorrente durante estes días foron os agasallos de Nadal. Non fomos bos, fomos boísimos; canto xoguete, canta cousa interesante... veremos senón ten que saír máis dun da casa para poder gardar tanto xoguete: bonecas, coches teledirixidos, kits de maquillaxe, de perruquería, de chefs..., tamén mochilas dos nosos personaxes de debuxos animados favoritos...
Porén, o primeiro día non había lugar a “ficha”, e unicamente reservamos un tempo para debuxar algúns agasallos de Nadal... parabéns!


Nooon, non todo acabou aquí,… nin moito menos! Pois para que vexades que xa metimos segunda e que traemos as pilas cargadas, esta semana comezamos o caderno de actividades nº3 de MUNELA... fantástico!


Sen perder detalle escoitamos o conto da unidade titulado: Munela un monstruo de lo más normal, que nos achegará ás posibilidades de ensinanza-aprendizaxe da literatura infantil, converténdose nun valioso recurso didáctico para o desenvolvemento lingüístico e para a consabida adquisición de técnicas vinculadas co proceso de lecto-escritura.
Comezamos conversando sobre os nosos contos preferidos, dende os máis clásicos como Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo, ata os máis actuais como: Peppa Pig, Mickey Mouse, Elsa e Anna de Frozen...
A través da narración dos contos, aprendemos a escoitar, a pensar, a  adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos da imaxinación, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido crítico.
Entre as moitíiisimas actividades que levaremos a cabo co gallo deste centro de interese están: as actividades de comentar que nos axudarán a asimilar o conto e a realizar unha transposión dos feitos ás experiencias vividas, actividades de xogo dramático, representando os roles dos protagonistas do conto, tamén actividades de creación de historias como a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico propostas por Gianni Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía (1985).


Ao tempo destas e outras actividades e como recompensa á nosa actitude positiva durante esta semana, avanzamos na lectura e interpretación dos “Bits de Inteligencia” de arte -axiña comezaremos unha nova categoría-, bailamos algunha das nosas cancións preferidas -a de Robin Hood segue causando furor-, vimos unha selección de contos no Encerado Dixital Interactivo (EDI)..., e por suposto, gozamos do tempo de xogo libre e/ou dirixido nos rincóns.


FAMILIAS!!... Despois dun Nadal repleto seguro de mil e unha anécdotas cargadas de toneladas de ilusión, maxia e fantasía, agardamos que voltedes a crer nos Reis Magos, e que nunca esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: