Bienvenido

DOCE CONTRA ATRÁS...

jueves, 6 de diciembre de 2018

Esta semana curta, pero intensa, comezamos con enerxía o mes de decembro introducindo unha rutina cotiá: o “Calendario de Adviento”.
Así, coa incorporación desta nova, estreamos un mes que na nosa aula se vive dun xeito especial ao traer variadas e divertidas sorpresas que mudan o normal desenvolvemento de cada xornada escolar.
Lecturas de contos temáticos sobre o Nadal, a celebración dos derradeiros aniversarios -BELTRÁN, NABIA, VALERIA, ALICIA e SIRA, xa vos queda menos!-, a carta ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente, panxoliñas, confección de elementos decorativos...
Agora xa, cada mañá, entre as rutinas da asemblea matinal, o súper-encargado abre a fiestra do día correspondente e come a chocolatina (respectando posibles alerxias) tras descubrir o debuxo que se agocha en cada caso... mmm, están deliciosas!
Ao tempo, incorporamos gorros de Papá Noel a modo de elemento distintivo non só para o súper-encargado, senón tamén para o “axudante” que, gorro de Papá Noel incorporado, colabora no desenvolvemento desta rutina. 


Esta rutina, un curso máis, proporciona distintas situacións de ensinanza-aprendizaxe que non deixamos escapar, pois ademais de realizar actividades relacionadas coa lóxica-matemática tales como contar, sumar, restar..., e en todo caso identificar o número do día real, propicia conversas sobre esta data tan especial.
Neste senso, durante o que resta de trimestre, ademais de poñer o punto e final a actividades varias que servirán de colofón a este 1º trimestre, descubriremos, identificaremos e valoraremos o Nadal como feito relevante próximo á nosa vida cotiá. Para isto, partiremos de elementos motivadores como cancións, contos, diferentes personaxes de tradición popular (Reis Magos, Papá Noel, Apalpador, achegándonos a outros quizáis menos significativos: Olentzero, Tió de Nadal ou a Bruxa Befana de Italia), respectando e valorando, en todo caso, a diversidade como elemento positivo e enriquecedor da nosa aula e da persoa humana.


Porén, a rutina do “Calendario de Adviento” relacionarémola coa inminente chegada das vacacións nas que levaremos para a casa todos os traballos realizados durante o trimestre... case listos e preparados!
Indubidablemente o Nadal é tempo de luz nas rúas, de abetos, de sorrisos, ceas, familia, amigos..., pero sobre todo de Papá Noel e Reis Magos. O Nadal é tempo de agasallos. Neste senso, axiña advertimos os xoguetes destas vacacións... canta cousa concentrada hai no catálogo de xoguetes!


Asemade, realizamos diferentes actividades impresas nas que voltamos a atoparnos cun dos nosos elementos plásticos preferidos... siii, a purpurina!


Comezamos coloreando de cor vermella o calcetín que noutros países Papá Noel (Santa Claus), enche de agasallos a nenos e maiores, por suposto dándolle o noso toque final... purpurina dourada!


Tamén con pincel e témpera de cor vermella pintamos 3 corazóns que, nos próximos días, darán forma ao christmas deste curso... case listo!


E que mellor que pechar esta semana que espolvoreando a purpurina sobrante como si de estrelas de Nadal se tratase?... Coidado con ollos, nariz, boca, e orellas... canto rimos!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: