Bienvenido

ArTiStAs!...

viernes, 14 de diciembre de 2018


A piques de rematar o 1º trimestre non queriamos deixar de facervos partícipes, unha vez máis, das actividades desenvoltas no que vai de curso na aula de Educación Artística da Facultade de Maxisterio.
Neste senso, e sabedores de que a linguaxe artística xoga un papel indiscutible en Educación Infantil, participamos activamente en 3 obradoiros artísticos cuxo obxectivo foi achegarnos, se cabe aínda máis, ás múltiples posibilidades que nos ofrece a linguaxe plástica, musical e corporal.
Esta nova incursión na aula de plástica non resultou algo novo para nós, pois ademais das actividades desenvoltas o curso pasado, estes días como xa vos contamos, seguimos afondando no descubrimento, coñecemento, identificación e reflexión dos bits de intelixencia nos que da man de artistas de renome tales como: Picasso, Leonardo Da Vinci, Miró, Salvador Dalí, Goya... aprendemos a valorar elementos artísticos próximos á nosa experiencia.

"Cuadrados con círculos concéntricos" de Vasili Kandinski
Nesta ocasión, en varios días desenvolvemos sendos obradoiros nos que a través de elementos e materiais propios da linguaxe plástica e material de desfeito e refugallo, aúnamos as distintas linguaxes artísticas.
En primeiro lugar, organizados en pequeno-grupo, dispuxémonos en distintos espazos da aula de plástica onde os estudantes de Maxisterio -con paciencia- nos explicaron en que consistía cada actividade. Tocaba poñerse mans á obra... non había tempo que perder!


Un dos primeiros obradoiros desta quenda de actividades foi mesturar a expresión plástica, musical e corporal: movémonos polo espazo delimitado para tal fin ao ritmo da música, saltamos, arrolamos, corremos, andamos... e todo descalzos!...


Xa logo, cun material que apenas coñeciamos (carboncillo), expresamos en papel o que nos transmitía a música: raiamos, garabateamos, coloreamos, trazamos... non sabemos moi ben o que, pero o que está claro é que deixamos voar a nosa imaxinación e que o noso corpo fluíra libremente... canto rimos!





Noutro espazo, xa de xeito máis organizado, convertémonos en pequenos-grandes artistas creando e recreando con pincel e témpera de todas as cores aquilo que cadaquén quixo: cor vermella, amarela, marrón, verde... canto gozamos deste momento debuxando formas, liñas... canta cor!




Finalmente, no derradeiro obradoiro, deixando paso agora á arte en 3D, demos paso ao mundo da escultura onde, cunhas pezas de construción extra-grandes, compuxemos unha e outra vez diferentes esculturas ás que ademais lles tivemos que dar título.


Quizais este resultou o obradoiro máis complexo, a nosa ansia por interaccionar coas pezas de construción impedía ter un mínimo de organización na actividade, calma e non hai que esquecerse que... hai que compartir!


E aínda quedaba o mellor, decorar con xiz de cor branca a escultura XXL composta en pequeno grupo: soles, corazóns, casas, nubes, flores, árbores... mesmo un foguete espacial!...


Xa logo, de xeito individual, cadaquén debuxou a súa composición/construción para, posteriormente, convertidos en auténticos artistas, explicar ao resto do grupo a súa obra: agardando a quenda, escoitando con atención, erguendo a man para falar... canto nos custa!



Unha vez máis, e grazas a este ambiente tan propicio para a estimulación da imaxinación e creatividade, observamos, identificamos, coñecemos e diferenciamos propiedades e calidades de obxectos cotiás, decatándonos que hai... arte por todas partes!
E agora que?... Pois ademais de seguir avanzando no caderniño de MATEMÁTICAS, daremos un pulo á panxoliña de composición propia da profe Marta: “Chega o Nadal” para a estrea mundial do venres 21 de decembro co que pecharemos este 1º trimestre de 4 ANOS... case todo listo!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: