Bienvenido

"... HOXE O OUTONO, CHEGA Á ANEXA".

viernes, 16 de noviembre de 2018


Esta semana puxemos o colofón final a uns días de intenso traballo que nos serviron para redescubrir os cambios que trae consigo o outono.
Así pois, se nos mergullabamos na celebración de Halloween-Samaín da man da pantasma Enrique, nesta ocasión, as castañas e as follas serviron de alicerce para descubrir e coñecer algunhas características que se producen no contorno e na vida das persoas co outono.
Unha vez máis, as asembleas matinais convertéronse no aliado fantástico co que pescudar os nosos coñecementos previos, deixando en evidencia algunhas das nosas necesidades de aprendizaxe. Todos e todas temos claro, clarísimo, que o elemento característico do outono por excelencia son as follas, agora ben, non tiñamos tan claro que as follas no outono ademais de cor marrón poden ser amarelas, vermellas, laranxas e mesmo verdes, si, si,... verdes tamén!


Ao tempo, identificamos outros elementos característicos do outono no contorno natural: animais como o esquío ou o caracol, indumentaria propia como as katiuskas e os chuvasqueiros e mesmo froitos secos como as castañas e as saborosas noces que moitos apañamos cando saímos ao patio... mmm, deliciosas!
Do mesmo xeito, no referido ao contorno social, a chegada do outono serviunos para prestar atención aos cambios que se producen tamén na vida das persoas. Agora xa, os días son máis curtos, chove a miúdo, vai vento e frío... polo que as actividades cotiás non son as mesmas que no verán, temos que abrigarnos coas prendas axeitadas, botar man do paraugas..., todo isto verificámolo cando saímos ao patio e comezan a aparecer os primeiros gorros, bufandas e luvas, pero... estamos en inverno ou outono?...
Inevitable, todos estes coñecementos e aprendizaxes tiveron cabida na proposta de diferentes actividades impresas cuxo eixo motivador foi o outono. Coloreamos follas de outono de marrón, amarela, vermella, laranxa, verde...


Cos resultados, logo de destroquelar nós mesmos as follas, creamos en primeiro lugar unha tartaruga cunha folla a modo de caparazón...


... e mesmo unha bolboreta voando entre follas do outono, escribindo “OUTONO” de maneira real e contextualizada en cada actividade impresa.


Tamén houbo tempo para o debuxo libre logo do momento do traballo obrigatorio no que debuxamos elementos propios do outono: caracois, árbores, cogomelos e follas, moitas, moitas follas...


E para rematar estes días nos que de xeito ameno e divertido coñecemos un chisquiño máis sobre o outono, que mellor que cantar, dramatizar e mimar a canción que compuxo a profe Marta, porque... “... hoxe o outono, chega á ANEXA”.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: