Bienvenido

ESQUEMA CORPORAL.

viernes, 9 de noviembre de 2018

Esta semana, metidos de cheo no libro de actividades nº2 de MUNELA, adicamos distintos momentos á expresión plástica, exenta de modelos e o menos estereotipada posible.
Aproveitando o centro de interese do corpo humano que nos presenta MUNELA a partir da historia motivadora: “La pesadilla de Munela”, descubrimos, coñecemos e controlamos o propio corpo de forma global e segmentaria a partir das interaccións co espazo, os obxectos e os demais.
Así pois, MUNELA, unha noite ten o peor pesadelo que un monstro pode ter pois, nada máis e nada menos que se converte por momentos en... humano! Tomando esta situación como fío condutor, aproveitamos para interiorizar, se cabe aínda máis, o esquema corporal e así empregar axeitadamente as posibilidades motrices, sensitivas e expresivas do corpo, adaptando a cada situación posturas e actitudes corporais. 



Asemade, mediante o traballo sistemático deste centro de interese, adquirimos hábitos propios dunha vida saudable relacionados coa hixiene, alimentación e o descanso mental e corporal, entre outros, valorando o traballo de diferentes profesionais relacionados coa saúde (médico, enfermeira) e a práctica habitual de deportes como medidas fortalecedoras de saúde.
Neste senso, unha situación excepcional que se propiciou para o coñecemento do corpo humano o curso pasado, foi o debuxo diario do súper-encargado no que cadaquén apuntaba algúns dos seus rasgos característicos: cor de pelo, de ollos, vestido,...
Agora xa, en 4 ANOS, quen máis e quen menos elabora un esbozo máis ou menos completo e coidado do esquema corporal: cabeza con ollos, nariz, boca, orellas e pelo, tamén o pescozo, tronco e extremidades…


Ao tempo, completamos os nosos debuxos con outros elementos que contribúen a dar unha visión de conxunto: soles, nubes, arcos da vella, herba, flores… non lles falta detalle!
Así, e como colofón a todos estes descubrimentos, que mellor que xa hoxe venres, cambiar a actividade do caderniño de MUNELA por un debuxo no que unicamente existía a consigna de debuxarse a si mesmos. Nesta ocasión, non se trataba dun debuxo máis, era un debuxo especial, diferente, único,... por primeira vez nesta actividade traballamos con folios de cores... case nada!
Primeiro, pechamos os ollos e pensamos en que situación nos gustaría debuxarnos para deste xeito deixar testemuña dalgúns dos nosos intereses, motivacións e preferencias... que silencio!


Logo, tocou decidir a cor do folio que nos gustaría para o noso debuxo e lonxe de poder escoller a cor do noso “mellor amigo”, debiamos deixarnos levar polos nosos gustos persoais, ser orixinais... complicada decisión!


O que está claro é que cada vez gozamos máis deste tempo de debuxo, invertindo un tempo de maior calidade no seu proceso de elaboración, despreocupándonos do traballo alleo, empregando para cada cousa un rotulador, coloreando ao xeito, sen présa…


E como nos gusta cando reunidos en asemblea descubrimos, ollamos e identificamos o que debuxou cada compañeiro e compañeira. Bonito, bonito quedou o noso corcho do corredor… fantástico!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: