Bienvenido

SAN FROILÁN 2018.

viernes, 5 de octubre de 2018

Nuns días nos que en Lugo se respira xa olor a polbo e a cachelos, a nosa aula comeza a vestirse de festa e as conversas arredor da inminente celebración do San Froilán 2018 supuxeron  distintas experiencias que non pasamos por alto.
Así pois, desenvoltas as rutinas e tarefas cotiás propias do súper-encargado, as asembleas matinais de principio de curso están a resultar un chisquiño máis longas que de costume, pois ademais de servirnos para establecer e consensuar parte das normas que rexerán a vida da aula ao longo do curso, cadaquén, de xeito cada vez máis natural e espontáneo aproveita para contar interesantes anécdotas propias.
Neste senso, a celebración do San Froilán trouxo consigo diferentes faladoiros onde o eixo vertebrador foron fundamentalmente as barracas.
Nas conversas dirixidas deste curso faremos especial fincapé nas regras que rexen os intercambios lingüísticos: erguer a man para falar, ser pacientes e agardar a quenda en silencio, respectar e escoitar cando un compañeiro ou compañeira fala, non acaparar sistematicamente as conversas... Tendo máis o menos claras estas e outras normas básicas de diálogo fixemos diferentes achegas sobre como vivimos o San Froilán...


Como podedes imaxinar, San Froilán na nosa aula son barracas, atraccións e lambonadas..., este curso nótase que xa non somos os pequerrechos do cole e o “tren de la bruja” centrou parte das conversas, expectantes por montar nesta atracción no que a pesar do nome, PABLO A. e VALERIA deixaron claro que non hai ningunha bruxa, senón un pallaso que, vasoira en man, ameniza a viaxe... soa xenial!


Tamén falamos das colchonetas, dos karts, do tren, do scalextric..., e por suposto das atracción dos máis maiores, que se ben temos claro que non podemos montar, chámannos a atención un montón... 
Neste senso, e como actividade final que servirá como testemuña desta e outras experiencias significativas que viviremos durante o curso, deixamos voar a nosa imaxinación e creatividade recreando o noso San Froilán particular: soles, nubes, corazóns, árbores, esquemas corporais aos que cada vez lles faltan menos detalles..., mesmo hai quen se atreveu a debuxar un polbo... parabéns!


Por último, para rematar estas e outras actividades que serven de preludio á troula que presidirá a nosa cidade nos vindeiros días, que mellor que decorar o corcho do corredor cos polbos que pintaramos días atrás... bonito, bonito quedou o corredor vestido de festa... siii, o San Froilán 2018 está aquí!


Agora xa, toca gozar da festa e aproveitar para coller folgos renovados, axiña comezaremos os cadernos de actividade de MUNELA, mentres, seguimos consolidando, ampliando e reforzando conceptos e normas na realización da actividade individual... case case preparados!


Un saúdo con sabor a polbo sanfroilanceiro e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: