Bienvenido

MUNELA, BENVIDA!!

jueves, 11 de octubre de 2018


Como xa vos anunciaramos o curso pasado, a mascota de 4 anos chámase MUNELA. MUNELA é alegre, divertida e moi curiosa, sempre atenta para descubrir os segredos e misterios que se agochan ao seu redor.
Nestes días nos que a festa segue tan presente na nosa cidade -San Froilán está a piques de rematar-, redescubrimos a MUNELA a través da lectura da historia motivadora da primeira unidade didáctica: “La cama nueva de Munela”. Así pois, coñecemos elementos tan disparatados como que para pensar en cousas serias, MUNELA cólgase cabeza abaixo dunhas barras, ou mesmo que non lle gusta a auga e que cando lle toca ducha, PABLO e BERTA perséguena coa mangueira ata que se enxaboa por todos lados... que locura!



Do mesmo xeito que MUNA cando tiñamos 3 anos, MUNELA durante este curso atoparase situada nun lugar privilexiado da aula e converterase nun excepcional eixo motivador que nos presentará, a través das súas historias, cada centro de interese... canto traballo nos agarda este curso!
Pero... na aula hai dúas MUNELA?... Claro, temos unha MUNELA na zona do traballo obrigatorio a carón de MARTÍN F. e outra MUNELA na zona da asemblea que se converterá en aliada do súper-encargado... fantástico!


Como podedes imaxinar, as comparativas entre MUNA e MUNELA resultaron inevitables: cor característica, número de ollos, brazos e pernas, cornos de cor amarela idénticos, mochila e bolso case case igual... Ao tempo, coidamos na que será a nosa mascota de 5 anos: MUNÍBAL. Todos son diferentes, pero xuntos forman unha gran familia: “Los increíbles MUN”.


Esta semana de presentación de mascota, MUNELA tivo un papel  protagonista e xuntos compartimos diferentes momentos da xornada: o conto, o momento do xogo libre e/ou dirixido en rincóns, o momento do tempo de lecer...


Asemade, e como actividades para deixar testemuña dos nosos descubrimentos e aprendizaxes, coloreamos sendas actividades impresas nas que MUNA, unha vez máis, é o elemento motivador ideal.


Neste senso, nunha das actividades impresas, aproveitamos para recrear o noso esquema corporal ao que cada vez integramos máis elementos… canta cor!.. .canto detalle!… parabéns!…


Siii, aínda que MUNELA será a protagonista de cada historia, non estará soa e un curso máis PABLO e BERTA ensinarán a MUNELA a comprender o seu pequeno-gran mundo… ser un monstro non é de todo doado! 


Para iso cadaquén rodeou con rotulador e coloreou con cera plástica a un ou outro personaxe segundo o propio sexo. Ademais, para disipar dúbidas no que a cores se refire, estes días as siluetas de PABLO e BERTA presiden a nosa aula… por se eramos poucos!


E para rematar… que mellor que decorar un tiovivo case case igual ao do San Froilán… parece sinxelo, pero moito ollo, á norma de non levantar o rotulador, engadimos por primeira vez a realización de series de dúas cores… bonitas, bonitas combinacións de cores...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: