Bienvenido

"... COMO ROBIN HOOD!"

viernes, 19 de octubre de 2018


Sabedores das posibilidades da comunicación non verbal en Educación Infantil, dende comezo de curso aproveitamos para lembrar, memorizar e  mimar diferentes cancións que nos permiten un primeiro achegamento a unha nova forma de comunicación e representación: a linguaxe musical e corporal.
As linguaxes artísticas constitúen unha forma de comunicar aspectos da vida cotiá, empregando elementos, materiais, soportes e técnicas sinxelas, ricas e froitíferas que permiten o desenvolvemento de actividades que estimulan e potencian a imaxinación, curiosidade, o pensamento crítico, creativo, a exploración e experimentación, a sensación, percepción...



Foron moitas as cancións aprendidas o curso pasado, algunhas servían de rito cotiá e outras de momento de liberación e equilibrio entre traballo e xogo.
Neste senso, contamos coa canción do silencio, dos bos días, dos días da semana, dos meses do ano... que seguen incorporadas á nosa parrilla de clase. Tamén con outras cancións máis instrumentais que nos permiten un achegamento ao ritmo e melodía: Arco Iris, Noche de Terror, La marcha de las letras..., e mesmo a recente incorporación de Robin Hood, unha canción que ao tempo que nos serve para en auténticos cabaleiros medievais, identificamos e situamos as partes do corpo indicadas en cada caso... que ben o pasamos!


Foi tal a expectación desta canción ás nosas sesións de baile que descubrimos, identificamos e valoramos o personaxe de Robin Hood que roubaba aos ricos para darllo aos pobres.



Por outra banda, e como recompensa ao noso comportamento e bo saber facer no momento de traballo individual, vimos varios capítulos que tomaban como protagonista a Robin Hood: o cabalo, o arco coas frechas, a diana... fabuloso!
O que está claro é que cada vez gozamos máis deste tempo de baile libre e/ou semidirixido; un tempo que resulta cada vez máis organizado, sentido e vivido no que hai que estar en silencio para escoitar cada parte e seguir o ritmo e consignas establecidas en cada retrouso.


Con estes momentos de expansión vital no que deixamos que o noso corpo libere enerxía, ao tempo desenvolvemos a escoita activa e atenta, a agudeza auditiva, a audiopercepción… bailar, bailar é divertido!


Agora xa, na vindeira semana, o cole encherase de cabazas, morcegos, demos e bruxas… é tempo de Halloween-Samaín e tentaremos que este curso sexa vivido máis intensamente, controlando e dominando emocións e sentimentos… case case preparados! Serán uns días terrorificamente divertidos… HA HA HA!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: