Bienvenido

COMEZAMOS!...

viernes, 28 de septiembre de 2018

Mergullados nas rutinas que rexerán a vida da aula durante este curso, esta semana farémosvos partícipes das nosas primeiras actividades impresas de 4 anos como preludio ao traballo máis sistematizado que levaremos a cabo nos caderniños de MUNELA que comezaremos proximamente.
En primeiro lugar, establecemos e tentamos consensuar as normas de obrigado cumprimento durante o momento de traballo obrigatorio. Este curso ao ser un dos grupos dos nenos e nenas de 4 anos debemos concienciarnos de que non todo vale e que, na medida do posible, tentaremos dar o mellor de cada un no tempo de traballo individual en mesa.


Neste senso, e parece ser que cada vez máis concienciados de que non todo vale, de que hai que traballar amodo, procurando non saírnos do contorno, sen deixar ocos nin “rayajos”... os nosos traballos resultan cada vez máis elaborados; mudando moi progresivamente esa tolería por rematar axiña por unha actitude relaxada e libre de tensións cando nas primeiras horas desenvolvemos en silenzo o traballo obrigatorio... marabilloso!...


Con todo e agora, sabemos que no tempo de traballo en mesa debemos estar moi atentos na explicación de cada actividade para saber que facer. Este curso, a interpretación libre está prohibida,... moito ollo!... Para iso, cómpre poñer todo da nosa parte para facelo o mellor posible, e así, cando levemos os materiais para a casa, as nosas familias se poñan contentas.



Tamén nestes días descubrimos un accesorio que nos facía ilusión estrear... os estoxos de dous compartimentos!... Claramente dispuxemos que se gardaría en cada compartimento -lápis e cores-, ao tempo que lembrabamos o seu uso correcto e ubicación na mesa... isto si é de maiores!
Indubidablemente están resultando uns días intensos para comprobar todo o que lembramos do curso anterior e tamén todo o que esquecemos, neste senso, as tarefas do súper-encargado poñen a proba a cotío as nosas aprendizaxes... xenial!


Porén, case case comezamos dende o principio coas letras do abecedario, co trazo dalgúns números seguindo a direccionalidade correcta, coloreamos, debuxamos formas cada vez máis distinguibles: soles, nubes, casas, flores, árbores... mesmo hai quen se atreveu a debuxar a súa casa!


Todo isto, foi o resultado dun traballo sistemático previo no que tachamos, rodeamos, unimos, escribimos... con lápis e/ou rotulador para que o trazo resulte máis preciso... como se colle a cera para colorear ao xeito, sen présas para non saírnos do contorno...  non todo vale!...


Por último, e aproveitando como alicerce motivacional as festas de San Froilán que comezan a vindeira semana, coloreamos un polbo que en gran grupo acordamos podería ser de cor lila-violeta, rosa e mesmo de cor vermella... Os resultados cada vez máis de súper-maiores axiña decorarán o corcho do corredor para non esquecer que... o San Froilán 2018 está aquí!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

PRIMEIROS DÍAS...

viernes, 21 de septiembre de 2018


Siii, esta semana comezou o cole e, aínda que pasaron xa máis de dous meses dende que moitos nos vimos por última vez, parece que foi onte cando rematabamos 3 anos... como pasa o tempo!
Así pois, a volta ao cole estase convertendo nunha experiencia chea de sorpresas, comezando xa polo cambio de aula...
Neste senso, de sobra nos lembramos da mascota que nos acompañará durante este curso, porén, atopar a porta de MUNELA resultou unha das primeiras tarefas da xornada inaugural... ben doado!


Xa na aula, alucinamos coa nova disposición das mesas, co panel das rutinas onda o tren dos aniversarios, coa variedade de pezas de construción de todas as cores, tipos e tamaños... e co banco de carpinteiro, unha das derradeiras adquisicións da nosa nova aula... fantástico!
Máis tranquilos, cadaquén sentou onde prefería e, casualmente as parellas de “mellores amigos” de 3 anos non dubidaron en sentarse onda o seu “mellor amigo ou amiga” de 3 anos: SIRA con CRISTINA, PABLO A. con MARTÍN F., ICÍA con VALERIA, HUGO con JUAN... estabamos encantados!


Por outra banda, e para dar inaugurado oficialmente o curso como ben merece, lembramos algunhas das rutinas cotiás propias da asemblea de 3 anos. Desta vez foi a quenda de PABLO A. que, convertido nun auténtico súper-encargado, lembrou parte das rutinas de 3 anos con cancións incluídas... perfecto!


O que non sabiamos é que xa na asemblea de 4 anos haberá novidades en forma de retos que probarán as nosas aprendizaxes: escrita de números, ditado de letras e, xa máis adiante de fonemas... que interesante!
Uf!... con tanta novidade non nos lembrabamos nin de merendar para poder gozar da selección de pezas de construción de cactos, robots e cuadras... case as mesmas que tiñamos na aula de 3 anos... diversión garantizada!


E canta plastilina?... Vermella, amarela, azul, verde, branca... ata de cor carne... esta clase si que mola!


Estes días de volta á escola están sendo diferentes, son días de sorpresas, de festa e diversión, e proba disto foi que en máis dunha ocasión, fomos os primeiros en saír ao patio... alucinante!


Mesmo un día, organizados nunha fila cada vez máis silenciosa, achegámonos á nosa aula do curso pasado e visitar aos “pequeñajos” de mandilón de cor azul... cantos recordos!... moita sorte!...


Como podedes imaxinar, durante estes días tamén houbo tempo para o traballo obrigatorio individual que nos serviu para lembrar, reforzar e/ou consolidar conceptos tratados o curso pasado: lóxica-matemática, lecto-escritura, formas, cores...


Este curso preséntasenos un gran reto: desenvolver a tarefa todo o mellor que sabemos e traballar en silencio como nenos de 4 anos... acadarémolo?


Non sabemos como se desenvolverá o resto do curso, pero alomenos de momento estamos contentos, nerviosos, ilusionados... raros!, o profe notounos maiores, unha proba evidente do paso do tempo e do noso proceso de desenvolvemento, xa estamos na clase de 4 anos e... este curso promete!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

3, 2, 1... DESPEGAMOS!

sábado, 1 de septiembre de 2018


Logo dunhas merecidas vacacións de verán, voltaremos vernos o vindeiro mércores 12 de setembro e, aínda que nos custará coller de novo os hábitos e o ritmo de traballo acadados ao longo do curso pasado, seguro que máis dun está desexando atoparse co resto de compañeiros e compañeiras.

Este curso non se trata dun curso máis... nooon!!; deixamos de ser os pequerrechos e pequerrechas do cole e porén deberemos dar exemplo aos nenos e nenas de 3 anos: intentaremos non chorar nas entradas, portarnos xenial en cada momento da xornada, facer o traballo cotiá do mellor xeito posible... todos xuntos o lograremos!
Indubidablemente será un curso de grandes cambios: nova aula -quedamos no semisoto, pero agora, no canto de estar na última aula do corredor, estaremos na primeira,... gran cambio!-, tamén deixamos na aula de 3 anos a MUNA para coñecer a un novo MUN, MUNELA que xa fica nun lugar privilexiado da asemblea, tamén o uso do estoxo e dos materiais seleccionados para este curso... canta novidade!

Notaredes que vimos con moitas moitiiísimas ganas, sabedores de que como non podía ser doutro xeito, as nosas familias estarán sempre ao noso carón felicitándonos polos éxitos acadados e alentándonos a intentalo unha e outra vez ata conseguilos... contamos convosco familias!
Neste senso familias LEMBRADE que o primeiro día de clase a incorporación realizarase pola porta da Avenida de Ramón Ferreiro (ala sur). O resto do curso, seguiremos entrando pola porta da Rúa Pintor Corredoira.

Xa pois, o mércores comezamos o novo curso, e a medida que avance o calendario escolar iranse sucedendo as distintas actividades e conmemoracións que marcarán o ritmo da nosa aula: as cabazas do Halloween-Samaín, compartiremos soños e ilusións no Nadal, as máscaras e disfraces do Antroido... e moitos máis pequenos-grandes acontecementos que vos contaremos no noso blogue; un blogue que con esta entrada dá por inaugurado oficialmente o curso académico 2018-2019... preparados?


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!