Bienvenido

UNIVERSO MUNARI.

viernes, 11 de mayo de 2018

Coñecedores das posibilidades da expresión plástica como forma de comunicación e representación, o martes asistimos de novo á aula de Educación Artística da Facultade de Maxisterio... que sorpresa!
Como xa vos contaramos, alá polo mes de novembro asistiamos por vez primeira a unha das aulas con máis arte de toda a Facultade de Maxisterio para participar activamente nun obradoiro artístico no que creamos e recreamos diferentes esculturas a partir de materiais de desfeito e refugallo.
Pois ben, nesta ocasión o conto resultou ben diferente, e no canto de ser nós os artistas, foi a quenda do alumnado de 2º de Maxisterio que nos deleitou coa lectura de contos de elaboración propia onde de novo os materias de desfeito e refugallo convertéronse na súa materia prima fundamental.


Sen lugar a dúbidas, a narración e escoita activa de contos en Educación Infantil, artéllase como un valioso recurso didáctico que posibilita o desenvolvemento lingüístico, a consabida adquisición de técnicas de lecto-escritura, aprendemos a escoitar, a pensar, a adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos da imaxinación... contaxiándonos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e marabilloso.


No momento no que se parte dun conto como eixo motivacional, somos conscientes do éxito da actividade e, sen perder detalle das 3 historias contadas, respondemos ás preguntas formuladas para comprender o argumento e clarificar os feitos acontecidos.
Tamén, nesta sesión fixemos unha achega ao universo de Bruno Munari: artista e deseñador italiano que experimentou no campo da didáctica, cinética, gráfica, publicidade e fotografía... case nada!
Bruno Munari atopaba os libros infantís “aburridos e sen sorpresas”, así que decidiu elaborar el mesmo os libros para o seu fillo, ideando e realizando os Prelibros, libros para nenos e nenas que non saben ler nin escribir, e que lles axudan a familiarizarse coa lectura.
Así pois, en pequeno grupo, descubrimos o universo Munari a partir da manipulación de prelibros elaborados polo alumnado de Maxisterio onde se respectaba o formato dos orixinais (10 cm. por 10 cm.), facilmente asibles e con diferentes estímulos visuais, táctiles, olfativos, sonoros, térmicos...


Con este ambiente tan propicio para a estimulación da imaxinación e creatividade, observamos, identificamos, coñecemos e diferenciamos propiedades e cualidades destes prelibros, pero... ten que ser amodo!


Sen decatarnos, a actividade resultou un tempo de traballo en equipo no que cadaquén manipulou aqueles prelibros que consideraba, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido crítico.
Agora xa, nas vindeiras semanas pecharemos as actividades dos caderniños de MUNA, ao tempo que, sen querelo, despedimos a MUNA e damos a benvida a MUNELA, a mascota xa de 4 anos... que rápido nos facemos maiores! Anticipamos que a MUNA “no le gustan las despedidas”...

  
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Jose dijo...

O obxectivo de estimular a lectura e a imaxinación acadouse de sobra, e agora son eles os que nos "leen" os contos. Facia falla que na educación se avanzara ó igual que no resto dos campos. Grazas