Bienvenido

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2018.

jueves, 17 de mayo de 2018

Esta semana, puxemos o colofón final á Semana das Letras Galegas 2018 participando nas actividades propostas a nivel de centro.
O mes de maio celébrase o Día das Letras Galegas para homenaxear a escritores e escritoras que escribiron en galego e defenderon o noso idioma. Este curso homenaxeamos a María Victoria Moreno.
Así pois, comezamos realizando achegas a algúns detalles da vida e obra desta autora nada nunha vila de Cáceres e que con 22 anos veu traballar á nosa terra. Adicou a súa vida a escribir obras de literatura en lingua galega, ao tempo que deu clase aos rapaces e rapazas de Instituto en Sanxenxo, Pontevedra, e mesmo no IES Lucus Augusti, sito onda o noso centro.


A súa primeira novela Mar adiante, conta a historia duns nenos que fan escola dentro dun barco ao tempo que van navegando polo mar. O cataventos, conta a historia dun galo chamado Don Pío, que quería chegar máis alto que o resto das súas compañeiras do galiñeiro. A festa no faiado, Un cachiño de bica? e Xa non teño medo, son algunhas das obras máis representativas da súa traxectoria como escritora en lingua galega.
Ao tempo de todos estes descubrimentos e pescudas, o mércores, véspera do Día das Letras Galegas, adicamos a xornada a mergullarnos de cheo no significado desta conmemoración desenvolvendo varias actividades impresas nas que traballamos a figura de María Victoria Moreno.
Dende a asemblea matinal, sabiamos que esta sería unha xornada diferente, pois logo do momento da merenda asistiriamos ao ximnasio ao acto organizado a nivel de centro, así que non había tempo que perder...
En primeiro lugar, comezamos dándolle cor a unha caricatura da autora homenaxeada, acordando na asemblea matinal a cor de cada parte: a cara e pescozo de cor carne, o pelo de cor negro, a chaqueta de cor azul clara ou escura e os beizos de cor vermella.


Xa logo, coloreamos de cor vermella un corazón “grande” nunha actividade impresa na que de novo aparecía a caricatura de María Victoria Moreno.


Sen decatarnos, a caricatura desta autora converteuse nun dos emblemas desta celebración, e boa proba disto foron os murais que decoraron os corredores de ambas alas do noso centro... bo traballo! 


Asemade, e dada a produción de textos infantís e xuvenís de María Victoria Moreno, recreamos un dos poemas da súa obra: Xa non teño medo, que trata sobre un neno que tiña medo a durmir ás escuras. Non se trata dunha actividade illada, senón dunha das propostas organizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro no que participarán todas as aulas da escola e que axiña verá a luz en formato de conto ilustrado que pasará a formar parte da biblioteca do centro... excelente!
A nosa achega foi recrear os versos outorgados para tal efecto no que se falaba dun sol, unha ambulancia  e un raio... así que con rotuladores e ceras plásticas recreamos na súa quenda este fragmento ao que engadimos o fragmento adxudicado.


Posteriormente, logo da merenda, asistimos expectantes ao ximnasio onde os máis maiores do cole, interpretaron poemas e cancións como mostra da riqueza do noso folklore popular... parabéns!


Houbo de todo e para todos os gustos, un acto no que algúns non perdemos detalle, outros aproveitamos para facer das nosas e mesmo houbo quen botou unha sesta quedando profundamente durmidos...


E para rematar... que mellor que facer unha roda e movernos ao son da música e celebrar todos xuntos un dos días grandes da nosa comunidade autónoma: o Día das Letras Galegas 2018.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: