Bienvenido

SEMANA DO LIBRO 2017.

viernes, 21 de abril de 2017

Esta semana, entusiasmados, comezamos o 3º trimestre de 4 anos coa celebración establecida no calendario escolar da Semana do Libro 2017.
Sabedes por que se celebra o “Día do Libro” cada 23 de abril?...
Para celebrar o “Día do Libro” escolleuse o 23 de abril por coincidir co falecemento de grandes escritores universais tales como: Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega ou o mesmísimo William Shakespeare.
Así, no ano 1995 a UNESCO promulgou o 23 de abril como “Día Internacional do Libro”, aínda que no caso de España xa se viña celebrando dende o ano 1930.

Esta conmemoración non pasou desapercibida na  aula e realizamos diferentes actividades cuxo eixo motivador, unha vez máis, foron os contos.
Comezamos reunidos na zona da asemblea conversando sobre os nosos contos preferidos, dende os máis clásicos como Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo, ata os máis actuais como: Peppa Pig, Mickey Mouse, Elsa e Anna de Frozen...
Esta interesante conversa, na que a asemblea se convertiu nunha estratexia ideal como lanzadeira de ideas previas, axiña tomou forma de debuxo nunha actividade impresa na que debuxamos os nosos personaxes da literatura infantil preferidos... Mickey & Minnie Mouse os máis recreados!

Asemade, co gallo desta celebración, aproveitamos para descubrir que centro de interese nos depara o libro nº5 de MUNELA que comezaremos a partir da vindeira semana.
Sen perder detalle escoitamos o conto da unidade titulado: Munela no es una lechuga, que nos achegará a algúns espazos significativos da nosa contorna cotiá, permitindo a adquisición e desenvolvemento  progresivo de hábitos de participación responsable e crítica. Sen lugar a dúbidas, converteuse nun conto ben diferente, divertido, rimos a escachar... non rematamos de acostumarnos á voz de MUNELA!... que non é unha “lechuga”!...

Do mesmo xeito, o xoves no hall do noso edificio recibimos a visita de Ana Meilán, unha escritora lucense que desenvolveu con verdadeira paixón, entrega e entusiasmo unha orixinal sesión de contacontos que fixo que non perderamos detalle... O álbume titúlase: Lágrimas bajo la cama (autoedición); unha historia que de sobra coñeciamos e que permite, a través de Simón, o descubrimiento, identificación e respecto de emocións propias e alleas.


Por outra banda, e sabedores das aportacións dos contos no noso proceso de desenvolvemento integral, dende o 2º trimestre participamos na actividade semanal do préstamo de biblioteca no que, cada venres, convertémonos nuns fantásticos contadores de contos... excelente traballo! Porén, que mellor que elaborar uns marcapáxinas de MUNELA para empregar acotío na casa?... Ilusionados co troquelado de MUNELA, coloreamos cara, pelo e cornos, amodo, sen saírnos do contorno e sen deixar ocos, prestando atención ás cores correspondentes de cada parte. Xa por último, pegamos o ollo na parte central e... marcapáxinas listo!...
Pero o mellor de todo chegou hoxe, venres, pois para rematar esta primeira semana de trimestre, e como recompensa a todo o traballo realizado durante estes días -que non foi pouco-, ataviados coa gorra e a mochila, organizamos un improvisado pícnic na zona axardinada do patio. Desta vez si era un pícnic en condicións... canto gozamos!,... que afortunados!
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: