Bienvenido

EXPRESIÓN PLÁSTICA.

viernes, 28 de abril de 2017

Esta semana, metidos de cheo no libro de actividades nº5 no que MUNELA deixa claro que non é unha “lechuga”, reservamos distintos momentos á expresión plástica libre, exenta de modelos e non estereotipada.
Indubidablemente, a expresión plástica xoga un papel indiscutible na etapa que nos ocupa, pois constitúe unha das linguaxes con maiores posibilidades de expresión que, xunto coa educación rítmico, musical, corporal e audiovisual, potencia o desenvolvemento da comunicación non verbal.
A expresión plástica constitúe, polo tanto, unha forma peculiar de comunicar aspectos da nosa vida cotiá, empregando uns elementos, materiais, soportes e técnicas sinxelas, ricas e froitíferas para desenvolver actividades que estimulan e potencian a nosa imaxinación, curiosidade, o pensamento crítico, creativo, a exploración e experimentación, a sensación, percepción...
Así pois, quen máis e quen menos elabora un esbozo completo e cada vez máis coidado do esquema corporal: cabeza con ollos, nariz, boca, orellas e pelo, tamén o pescozo, tronco e extremidades… fantástico!


Ao tempo, completamos máis os nosos debuxos con outros elementos que contribúen a dar unha visión de conxunto: soles, nubes, arcos da vella, herba, flores… non lles falta detalle!
O certo é que esta semana houbo tempo para todo, dende debuxos cunha temática ligada ao centro de interese, a debuxos cunha temática libre onde unicamente debiamos respectar dúas normas: nin debuxos de guerra, nin tampouco repetir elementos xa debuxados noutras ocasións… orixinais!
O que está claro é que cada vez gozamos máis deste tempo de debuxo libre, invertindo un tempo de maior calidade no seu proceso de elaboración, despreocupándose do traballo alleo, empregando para cada cousa un rotulador de cada cor, coloreando ao xeito, sen présa…


E como nos gusta cando reunidos en asamblea descubrimos e ollamos o que debuxou cada compañeiro e compañeira.
Como podedes imaxinar, houbo debuxos de todo tipo e para todos os gustos: carreiras de F1, princesas Disney, superheroes, pequenas-grandes cidades, barcos de pesca, castelos encantados, festas de aniversario, familias zombie e de pantasmas, bonecos de neve… canta vida!,… canta cor!...


Agora xa, a vindeira semana, seguiremos desenvolvendo habilidades comunicativas en diferentes linguaxes e formas de expresión, pero nesta ocasión referida á expresión musical. Será xenial atoparnos cunha das nosas actividades preferidas, favorecendo a escoita activa e atenta, a agudeza auditiva, a audiopercepción, será… algo mÁxIcO!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Nancy dijo...

Pero....que artitas!!!
Como siempre, cuanto trabajan nuestros niños. Que bonito verlos trabajar, gracias por regalarnos estos momentos. Un saludo!
Nancy.