Bienvenido

UNHA XOANIÑA ESPECIAL, PARA UNHA FAMILIA XENIAL!

viernes, 13 de mayo de 2016

Tendo en conta a sociedade actual na que vivimos e a diversidade de familias existente, durante estes días redescubrimos, identificamos, valoramos e respectamos distintas unidades familiares aproveitando a celebración inminente do “Día Internacional da Familia”.
O 20 de setembro de 1993, a Asamblea Xeral das Nacións Unidas decidiu que o 15 de maio de cada ano se celebre o “Día Internacional da Familia”, facéndose eco da importancia que a comunidade internacional lle outorga á familia.
Sen lugar a dúbidas, a familia convértese nun elemento importante nas nosas vidas ao constituir o primeiro grupo social ao que pertencemos. Nela, establecemos a nosa base afectiva e cultural e adquirimos os valores e normas vixentes no contorno socializador próximo.

Na actualidade, existe unha diversidade de estruturas familiares, por iso, nas asembleas matinais tentamos fomentar o respecto e valoración da propia familia. Ademais, procuramos achegarnos aos distintos tipos de familias a partir de personaxes de debuxos animados e dos nosos contos favoritos. Deste xeito, cadaquén axiña identificou os membros da súa familia.
Pois clarooo… os membros da nosa unidade familiar son as persoas que viven connosco. Neste senso, tamén engadimos outros membros tales como: madriñas e padriños, avós e avoas, primos e primas..., incluso moitos non dubidamos en engadir aos nosos amigos e amigas.

Ademais destas e outras actividades, confeccionamos o agasallo para as nosas familias, desta vez non quedou material e técnica plástica sen empregar... canto traballamos!
Para comezar amasamos un anaco de pasta para modelar de cor branca. Estaba fría dabondo, incluso mollada e esvaradiza nas mans!... Rápido, moi rápido, fixemos cadansúa bóla, pois unha vez seca,... xa non teriamos nada que facer!...


Unha vez seca, por parellas fomos pintando a bóla con pincel e témpera de cor vermella: sen présa e ao xeito. Debiamos prestar atención, do contrario, o pau de cor verde clavado na parte superior perdería as súas propiedades iniciais... canto tardou en secar!


Para darlle o aspecto desexado ao agasallo, co dedo impregnado en témpera de cor negra, estampamos puntiños ao chou de xeito guiado por toda a superficie, tamén de cor branca para os ollos... a xoaniña tomaba forma!



E para rematar... unha pinza na parte máis alta do pau que servirá para poñer tantas ideas como desexemos. Neste senso,  e para comezar, na pinza engadimos a foto do libro de MOLI no centro dunha  flor primaveral con purpurina, moita moita purpurina... que chula!




Ah!... e aquí non acabou todo, pois para lembrar este día, recreamos con cartolina de cor negra e vermella unha xoaniña que agochaba nas súas ás un fermoso mensaxe...


O mellor momento?... O venres, nas rutinas de saída, cando por equipos recollimos entusiasmados a nosa xoaniña...que ben!





Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Familia Romero Sobradelo dijo...

Todos os membros da aula de 4 anos B tamén formades unha "FAMILIA XENIAL"

Joe dijo...

Precioso detalle.