Bienvenido

LETRA A LETRA.

viernes, 26 de febrero de 2016

A partir desta semana, xunto co conto e a ficha de lectura do préstamo semanal, levaremos para a casa unha cartilla de lectura na que se presenta o traballo sistemático das letras do alfabeto. Semanalmente, engadiremos a lectura silábica dunha nova letra... que emocionante!

O valor da lectura convértese nunha fonte de aproximación a novos coñecementos e nunha porta aberta ao mundo da fantasía. Neste senso, son diversas as actividades e rutinas cotiás nas que se presentan situacións reais e contextualizadas do uso sistemático da lectura e escrita.

Así pois, nas asembleas matinais realizamos o fichaxe de ausencias e presenzas -identificando o nome dos compañeiros e compañeiras ausentes-,


escribimos a data no encerado e en cada actividade impresa -agora xa, completa con día, número, mes e ano!-,
escritura no encerado do nome e primeiro apelido do súper-encargado -o segundo apelido deixarémolo para o terceiro trimestre-,


escrita de fonemas illados a partir dos grafemas traballados ata o momento: M,P,L,S,T...
Tamén no reparto dos materiais de traballo individual, na clasificación das actividades impresas dos arquivadores...etc


Agora xa, a partir da citada cartilla, poderemos consolidar na casa a aprendizaxe dos fonemas traballados na escola. Ata esta semana estreamos deseño na ficha de lectura... xenial!


Para comezar esta semana, afianzaremos a lectura das vogais; agora ben, de sobra somos quen de ler xa máis páxinas nas que aparecen fonemas coñecidos por todos e todas: intentámolo?...
Quedou unha cartilla de lectura do máis completa!... unha creación persoal da profe Silvia e que como vén sendo decote, comparte sen ningún problema... que gusto de compañeira! Como líamos na biblioteca coa axuda do noso dedo lector!...


Asemade, a partir desta mesma semana, empregaremos para a actividade do préstamo de biblioteca contos de iniciación á lectura escritos en letra maiúscula, engadindo progresivamente os fonemas vistos e traballados. Deste xeito, individualmente na casa poderemos realizar os nosos primeiros exercicios de lectura presilábica. Agora xa, na sesión de contacontos, buscarase máis a lectura e non tanto a interpretación de imaxes... é máis doado do que pensamos!
E para ser os mellores contacontos do mundo mundial... que mellor que aprender dun dos mellores?... Paco Nogueiras estivo no cole!!... que ben cantaba, que ben tocaba!...


Por outra banda, nunha semana con tantas novidades no que ao tocante á lecto-escritura se refire, un curso máis celebramos a nivel de centro o 24 de febreiro recollido oficialmente como o “Día de Rosalía de Castro” por ser a data do seu nacemento.
Desta maneira, para o mércores 24, cada clase do cole elaborou cadansúa flor para agasallar á súa familia no “Día de Rosalía”, unha iniciativa recollida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Houbo flores de todas as cores e para todos os gustos. Flores elaboradas a partir de material de desfeito e refugallo, flores de plastilina, con gomets, flores con papel crepé, de seda... uf, canta imaxinación!
No noso caso particular, non nos complicamos demasiado, pintamos de verde o talo e a folla do que sería a recreación plástica dunha cala e escribimos o noso nome nunha tarxeta recortada para tal efecto... sen máis!


Esta experiencia, serviunos para mudar o corcho do corredor que vestimos coas nosas recreacións de Rosalía de Castro de paseo, escribindo, dándolle de comer ao can, coidando do seu gatiño... que bonito quedou coas achegas das nosas familias en forma de foto!



E para rematar, memorizamos, recitamos e mimamos o archicoñecido poema: “Adiós ríos, adiós fontes”, aproximándonos á vida desta ilustre galega; lembrando como NUBA o curso pasado viaxara ata Padrón onda SANTIAGO e a súa familia para visitar a “Casa Museo de Rosalía de Castro”... que memoria!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

FELIZ ANUBARISARIO!

viernes, 19 de febrero de 2016

“Hoxe é o día. As rúas de Nubaris están adornadas con bastóns de caramelo, algodón de azucre e froita con chocolate. Aos pequenos nubaris fáiselles a boca auga. Todos saben que día é hoxe: o anubarisario de MOLI”.


Co gallo desta celebración, xunto cos nosos amiguiños e amiguiñas de 4 ANOS A da profe Silvia, decidimos preparar un delicioso biscoito.
Así pois, para rematar esta semana, metímonos na pel dun auténtico chef de cociña, e con gorro de cociñeiro incluído xa dende primeira hora da mañá, comezamos revisando os ingredientes necesarios para o biscoito.


A ver, a ver... necesitabamos: IOGUR DE LIMÓN, FARIÑA, OVOS,  AZUCRE, LEVADURA e RAIADURA DE LIMÓN.
Tamén revisamos os utensilios para botar, misturar e bater: BATIDORA, ESPÁTULA e FONTE.


Todos e todas moi atentos aos pasos que a profe Silvia ía marcando en cada momento, participamos activamente na preparación do biscoito...












O desenvolvemento deste obradoiro serviunos para traballar elementos relacionados coa lecto-escritura -a partir da escrita real e contextualizada de palabras significativas: ingredientes do biscoito- e coa lóxica-matemática -calculamos cantidades necesarias, unidades de medida: vasiño, presa, cullerada...-, e todo dobre ao preparar dous biscoitos: que complicado!



Que impacientes estabamos!... Queríamos ver o resultado da nosa receita xaaa!... Así, para que esta espera resultase máis levadeira, recreamos nuns fantásticos debuxos o nubarisario de MOLI... canta imaxinación!


E por fin, un arrecendo a doce polo corredor lembrounos que os biscoitos seguro estaban listos... que ben ulían!
O mellor momento?... Comprobar o aspecto tan profesional dos nosos biscoitos, unha mágoa que se tostasen un chisquiño!...


Por último, e para que o resultado do noso biscoito resultase máis persoal, especial e diferente, decidimos decoralo cun ingrediente da nosa colleita: LACASITOS de chocolate: perfecto!

 

Por si todo isto fose pouco, e como a ocasión o merecía, compracidamente compartimos as galletas que MOLI, onda os nubaris convidados á súa festa de aniversario, preparaban no conto que serviu como alicerce motivador a este obradoiro de cociña.


A galleta, tal e como se indicaba no conto, tiña un efecto máxico inmediato e axiña... disparou a nosa imaxinación!... cadaquén imaxinou o que máis lle gustaba!... Pero o mellor da galleta máxica é que sabe de verdade a arco da vella, podédelo crer?...
Rematamos a celebración cunha apasionante batalla de serpentinas que se agochaban no cofre do nubarisario de MOLI: canto suamos!, pero que ben o pasamos!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

UN REI PARA DÚAS RAÍÑAS.

viernes, 12 de febrero de 2016

“O día do aniversario, Marcel invitou a Tristán a merendar na súa casa.
- Felicidades! - dixo Tristán ao ver ao seu amigo, e deulle un pequeno paquete.
Marcel abriu o agasallo e preguntou: - Isto que é?
- Sobroume das cortinas da cociña - explicou Tristán.
- Gústache?
- Prefería mellor unha buxaina pero...”

Extracto do conto: Un agasallo diferente. Edit. Kalandraka.


Indubidablemente, un dos acontecementos sociais das nosas vidas é o noso aniversario con todo o que isto conleva: preparación da festa, agasallos, cumprir anos... como pasa o tempo!
Así pois, á volta das vacacións do Nadal, nunha das primeiras asembleas matinais do ano, colocamos a tarta de 5 anos logo de retirar a tarta de 3 anos que quedara baleira tras os aniversarios de EVA e YAIZA.
A partir deste momento xurdiron dúbidas e preguntas inevitables para moitos de nós...
- Xa logo, cando a tarta de 4 anos quede baleira poñeremos a tarta de 6 anos?...
- Claro que siii!..., pero para iso todavía queda moito tempo, teremos que agardar de novo ao Festival de Nadal de 5 anos.
- E logo da tarta de 6... poñeremos a tarta de 7 anos, non si?...
A resposta nesta ocasión foi inesperada e fixo replantexarnos moitas cousas coas que non contabamos, pois para ese tempo, xa estaremos na planta dos maiores...
Uf!, a moitos de nós a idea gustounos; esquecerémonos do mandilón e, sobre todo, por fin estaremos na hora do patio na zona de xogos dos maiores, unha zona que invita máis que a nosa á expansión vital e ao esparcemento.
Simultaneamente, sucedéronse sentimentos atopados, pois o feito de subir para a planta dos maiores supón unha serie de condicións coas que moitos de nós non contabamos, pero para iso todavía queda moito tempo, así que alomenos de momento non hai que preocuparse de nada.
O xoves e venres, tras os días de tolería do antroido, voltamos ao cole.
Comezamos desenvolvendo as rutinas de entrada e asemblea marcadas nesta ocasión pola celebración dos aniversarios de PAULA, de GAEL e de SABELA R.G., realizamos as actividades de aprendizaxe na zona do traballo obrigatorio e chegou o momento do aniversario.
Coma decote, na celebración dos aniversarios seguiuse o ritual establecido xa dende o curso pasado: decoración da coroa, soprado de velas, fotografías de grupo...



... e traspaso da foto para a tarta de 5 anos, un momento que sempre se converte en algo especial e do que non perdemos detalle... fantástico!















Logo de cantar e mimar: “Tengo 5 años”, puxémonos a comer os cakes que os nosos cumpreañeiros trouxeron: o xoves o de PAULA con gominolas e lacasitos e o venres o de GAEL e SABELA R.G. que recreaba unha das secuencias do Rei León... mmm deliciosos!... Así dá gusto voltar á escola!...
Como vedes, as pequenas cousas contan cunha significatividade especial na nosa aula convertíndose en alicerces excepcionais que nos fan cada día un pouco máis maiores, axudándonos a comprender mellor o noso pequeno-gran mundo. Agora xa, para a vindeira semana, continuaremos recreando este ambiente de festa que tan grato e estimulador resulta para a aprendizaxe de distintas nocións, e entre todos prepararemos unha súper-festa a un dos compañeiros máis especiais de 4 ANOS... axudádesnos a soprar a vela?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

UN COLE DE CONTO...

viernes, 5 de febrero de 2016

Si, si, si, o antroido xa está aquí!... E hoxe tivemos o tradicional correrúas que serviu de colofón final a unha semana diferente no que desenvolvimos actividades relacionadas co antroido.
Así, para celebrar a chegada do antroido, un curso máis dispúxose nos corredores de cada pavillón xa dende a semana pasada,  o “Toribiño.
Como sabedes, o Toribiño é un esquelete que, cada curso visita o cole cun cometido: día a día encárgase de comunicar cal é a consigna establecida, en canto a indumentaria se refire, que debemos levar o próximo día ao colexio.
Desta vez, o Toribiño ordenou: para o luns colares, o martes os zapatos decorados, o mércores con coloretes e xa o xoves algo na cabeza. Podedes facervos unha idea de como rematamos a semana... antroidos de primeira! aderezados, como non podía ser doutro xeito, co antiface que coloreamos con paciencia, moita, pero que moita paciencia de MOLI...


Este curso, o centro de interese para o antroido estableceuse por ciclos-niveis. No caso de Educación Infantil, a temática seleccionada polo Equipo de Ciclo foi a dos contos infantís.
Nas asembleas matinais levamos a cabo torbeliños de ideas para detectar os nosos gustos no que a personaxes de contos infantís se refire e, dalgunha maneira, que o disfrace escollido nos resultase significativo.
- A ver, a ver... personaxes de contos favoritos?...
- Patrulla Canina, Peppa Pig... Frozen, Raio MacQueen... Spiderman, as Tortujas Ninja... -e así todo ata o infinito e máis alá!-
Que foi de Carapuchiña Vermella e o Lobo Feroz?... ou dos 3 porquiños?... ou de Cincenta e Blancanieves?... Que mágoa que os contos de sempre queden relegados a un segundo, terceiro, case inexistente plano!...

Finalmente, como xa vos contaramos, os nenos e nenas de 3 anos irían de Carapuchiña Vermella e Lobo Feroz, os nenos e nenas de 5 anos de Peter Pan e Campanilla e nós, de 4 anos... de Blancanieves e de Príncipe Azul!


Foi un notición, e contra todo pronóstico, logo de ver a fotografía do disfrace de Príncipe Azul, os nenos tolearon: espada e capa... coma un súper-heroe... estupentástica nova!
Fíxose longa a semana, e todos e todas estabamos ilusionadísimos co día do correrúas, tan só quedaba agardar que non chovese e sucedese o do curso pasado... que caos!
Para que a espera se fixese máis levadeira, durante a semana vimos fragmentos da película de Blancanieves y los siete enanitos de Disney, escoitamos a súa BSO no momento da merenda, concluímos que o Príncipe Azul leva a espada de adorno, a mellor arma foi o bico a Blancanieves...
Asemade, aproveitamos para facer e refacer unha e outra vez os puzzles de 50 pezas de BLANCANIEVES, os ENANITOS, a BRUXA e o PRÍNCIPE AZUL.



Xa o venres, guapísimos de princesas e príncipes, acudimos ao cole que ese día foi de conto... que ben o pasamos!
As nenas, impresionantes, moi, pero que moi guapas... auténticas princesas!


E os nenos... espectaculares, causaron furor!...


Faltaban dúas Blancanieves: PAULA e EVA. Xa logo, apareceu unha fantástica EVA e repetimos sesión de fotos xa no exterior do cole... que sol ía!


Durante o correrúas, como si se tratase dalgo decote para nós, como se fósemos expertos na materia, seguimos os pasos marcados a carón da nosa princesa ou príncipe, saudamos ás nosas familias entregadas coa actividade do colexio... deixamos claro que 4 anos B estaba aquí!
Xa de novo na clase, tocaba repoñer forzas, e para iso degustamos na mesa grande todos os postres de antroido aportados polas nosas familias: roscas, freixós, orellas... mmm, estaban deliciosas!


Mil millóns de GRAZAS, familias!... Sen a vosa colaboración este cole de conto non podería facerse realidade!... fomos os mellores porque vós sodes as mellores!...
E colorín colorado,  non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!