Bienvenido

PENSAR COAS MANS.

viernes, 15 de enero de 2016


Sen lugar a dúbidas, os fundamentos matemáticos están máis que presentes nas nosas vidas dende ideades temperás, especialmente si temos en conta un aula como a nosa na que a lóxica e as matemáticas impregnan gran parte das actividades que realizamos cada día.
Ademais, esta semana comezamos a... “pensar coas mans”?...
Si, como o ledes!... Este luns, cos estuches máis bonitos do mundo e con máis ceras que nunca, comezamos un caderniño de actividades cuxo obxectivo é desenvolver contidos matemáticos empregando uns materiais estruturados como elemento motivador: os bloques lóxicos de Dienes.
Os bloques lóxicos son 48 pezas pintadas das cores primarias (amarela, azul, vermella): triángulos, cadrados, círculos e rectángulos de diferentes tamaños (grandes e pequenas) e de diferentes espesores (grosas e delgadas).


Neste senso, a partir das rutinas da nosa aula, desenvolvemos actividades cunha gran dose de matemáticas e, ao enfrontalas, implicitamente utilizamos estes coñecementos, poñémolos en xogo e mellorámolos.
Nas RUTINAS DA ASEMBLEA: a través da resposta a preguntas tales como: cantos faltan?, cantos somos en total?, cantos días fixo sol?..., iniciámonos no uso convencional dos números como estratexia de conteo, de formación de conxuntos e de rexistro de feitos.


Tamén na escritura da DATA diaria: traballamos o anterior e posterior entre números, formación de conxuntos e identificación de numerais.
Nas ACTIVIDADES DE PSICOMOTRICIDADE: coñecemos as posibilidades e limitacións do corpo e do contorno próximo, realizando unha estruturación da noción de espazo e de diversos conceptos xeométricos.
Logo do patio, as actividades de relaxación coa “Hora de Ler” e a SESIÓN DE CONTACONTOS: traballamos a sucesión de acontecementos, utilización de cuantificadores para describir características de personaxes, lugares, situacións...



Asemade, entre os rincóns que organizan o espazo da aula contamos co RINCÓN DE LÓXICA-MATEMÁTICA: un espazo que nos permite desenvolver habilidades propias do pensamento matemático, a través do traballo construtivo con distintos recursos didácticos como as regretas, figuras de volume, texturas e formas... e agora tamén os puzzles de maiores!
Esta semana, co inicio dos caderniños de lóxica-matemática, disfrutamos, -uns máis que outros-, cos puzzles que engadimos ao devandito rincón: de Mickey & Minnie, princesas Disney, de superheroes... e dende os máis doados -20 pezas- ata os máis complicados de 100 pezas.


Xogamos aprendendo e aprendemos xogando, iniciándonos no desenvolvemento da competencia matemática establecida pola UNESCO, ao tempo que desenvolvemos a intelixencia lóxico-matemática de Howard Gardner... que interesantes as matemáticas!
Por outra banda, esta semana, reincorporamos a rutina do préstamo semanal de biblioteca disfrutando, alomenos durante un par de semanas, da colección de Iago e Uxía (Edit. Edelvives). Así, o vindeiro venres SABELA R.G. deleitaranos con Iago ten un pesadelo.


Xa logo, comezaremos coa Colección da Serie Azul (Edit. Vicens Vives) realizando os nosos primeiros exercicios de prelectura silábica... fantástico!
E para abrir boca, adiantámosvos que o colexio encherase de centos de bolboretas. Non se trata do inicio anticipado da primavera, senón da reinterpretación dunha fermosa lenda de PAZ que moi pronto vos contaremos.
Ah!... e non pensedes que 4 anos esqueceuse do antroido!... Este curso seremos un cole de conto, e o Ciclo de Educación Infantil iremos de personaxes de contos infantís: 3 anos de Carapuchiña Vermella e o Lobo Feroz, 5 anos de Peter Pan e Campanilla... e 4 anos?... aínda barallando distintas posibilidades... que complicado! Nesta semana recibiredes a informacion oportuna... por suposto, sempre ideais!  


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: