Bienvenido

"ABUELITO DIME TÚ..."

viernes, 22 de enero de 2016

Na redacción dos principios establecidos no actual sistema educativo, ocupa un lugar relevante a transmisión daqueles valores que favorecen a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como aqueles outros valores que axudan a superar calquera tipo de discriminación.

Tendo isto presente, ao longo desta semana iniciámonos no traballo da Educación para a Paz; pois o 30 de xaneiro conmemoraremos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. Este traballo sistemático, non quere dicir que este ámbito de acción o limitemos exclusivamente a esta data, pois ao longo de distintos momentos da xornada, dunha maneira ou doutra, traballamos diversos elementos relacionados con esta temática.
Sen ir máis lonxe, o momento da asemblea posibilita o traballo desta temática progresando na escoita atenta ao resto do grupo, no respecto de opinións distintas á propia, levantar a man para falar...
Asemade, tamén traballamos elementos relacionados con esta temática cando a principio de curso entre todos e todas establecemos as normas que rexen a vida da aula ou cando aprendemos formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver os conflitos que día a día nos suceden e que forman parte do noso proceso de socialización.

Por outra banda, ademais da lectura de diversos contos cuxa temática principal é a paz en todas as súas dimensións, esta semana convertemos en protagonista da Paz a... HEIDI!
No momento do recreo, case diariamente, aproveitamos para disfrutar dun novo capítulo desta serie de debuxos animados descubrindo con HEIDI, Pedro, Copito de Nieve, Niebla, Clara, Srta. Rottenmeier, Sr. Sesemann... unha serie de todos os tempos onde se resaltan determinados valores humanos e o amor cara a natureza.


Incluso, cando trouxemos ao cole os nosos xoguetes de Nadal, LAURA, trouxo unha boneca que, aínda que nun primeiro momento non recoñeciamos, axiña nos decatamos que se trataba de HEIDI. Se cadra, era unha HEIDI máis modernizada-cambiada da que coñecemos, grazas á serie de debuxos en 3D que existe na actualidade... converteuse nunha espectadora de primeira!



Ademais, esta semana, aproveitamos para desenvolver unha tarefa que nos quedara pendente no primeiro trimestre: o debuxo de HEIDI. Tratábase dunha actividade na que unicamente había que colorear seguindo os códigos de cor establecidos. Se cabe, levounos máis da conta, e é que a pesar de que coas ceras novas resulta practicamente imposible saírse do contorno, son tan finas que nos leva tempo, moooito tempo rematar...
Finalmente, cadaquén debuxou no ceo aquel elemento que considerou: soles, nubes, estrelas, arcos da vella, bolboretas... e corazóns, moitos moitos corazóns... a HEIDI gústalle a paz!
Ah! E que mellor xeito de terminar a actividade que escribíndolle palabras bonitas a HEIDI: CARIÑOSA, ALEGRE, DIVERTIDA, GUAPA... ben bonito quedou o noso corcho do corredor... un corcho pola PAZ!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: