Bienvenido

A LENDA DAS BOLBORETAS.

viernes, 29 de enero de 2016

Ao longo destes días seguimos mergullados no traballo de elementos vencellados coa Educación para a Paz. E que mellor xeito que seguir traballando este concepto que coa lectura dun dos nosos contos preferidos: Negros e Brancos  (Edit. Xerais)... fantástico!
Esta historia, conta que hai moito tempo, todos os elefantes do mundo eran de cor negra ou branca, e odiábanse entre si. A guerra non tardou en comezar, e durante moito tempo non se volveu a ver a ningún elefante sobre a Terra. Ata que un día, aqueles elefantes que desexaban a Paz e que se agocharon no máis profundo da selva saíron do seu escondite.
Este conto, xa o traballaramos o curso pasado, converténdose nun dos máis solicitados na actividade do préstamo: quen non levou este conto?... Pois ben, desta vez, realizamos uns fantásticos debuxos nos que plasmamos aquela secuencia que máis nos gusta e/ou chama a atención... canta creatividade!


Esta historia serviunos como alicerce de reflexión para as asembleas matinais, as cales, unha vez máis se convertiron nun recurso excepcional para chegar ao centro deste concepto que tantas veces escoitamos: a PAZ.
Día a día, os nosos faladoiros foron máis ricos e froitíferos: torbeliños de ideas previa, relacionamos o concepto de Paz con accións como: “non pegar”, “recoller”, “facer ben a ficha”... chegando moi acertadamente á conclusión de que a Paz é algo máis que a ausencia de guerra.
Asemade, participamos nunha das actividades propostas a nivel de centro, decorando o noso corredor cunhas bolboretas con mensaxes de Paz.


“Conta unha lenda que os indios americanos pensaban que as bolboretas eran quen de levar os nosos mellores desexos aos deuses. Atrapar unha bolboreta, susurrarlle un desexo e... liberala, aseguráballes que este sería cumprido. Dende entón... as bolboretas foron símbolos de ledicia, esperanza, beleza, boas novas e... PAZ”


Asemade, nunha cartolina A3, cada aula recreou mediante a expresión plástica a súa mensaxe de Paz.
No noso caso, recurrimos a unha fermosa mensaxe de Teresa de Calcuta; feito que nos permitiu un primeiro achegamento á figura deste personaxe tan próximo ás necesidades e demandas dos nenos e nenas do mundo.
A PAZ COMEZA CO SORRISO DUN NENO” 
que escribimos en letra maiúscula, engadindo as nosas fotografías adoptando posturas combinadas co corpo, papeis de cores, purpurina, estrelas, corazóns... non quedou material sen empregar!


Xa o venres, logo do momento do patio, coa coroa da Paz elaborada para tal efecto, acudimos ao porche do pavillón dos maiores onde o Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares tiña organizado un acto a nivel de centro no que cada clase amosou a súa mensaxe de Paz.


Os representantes da nosa clase foron: YAIZA e GAEL, a parella que máis alto falaba na asemblea e a parella que nos deu a súa palabra de honra de que non lles daría vergoña falar polo micrófono diante do resto de nenos e nenas do cole... escoitouse perfecto!


Como fin de festa, cantamos a canción escollida para este curso: Tu enemigo de Pablo López e Juanes, un dos hits do momento que non deixa de soar en todas partes... estupendo!
Para pechar toda esta secuencia de actividades, fixemos unha reinterpretación dunha obra de arte na que escribimos unha vez máis a palabra “PAZ” partindo dunha situación real de contextualizada, para recortar e pegar nun folio fluorescente... a pomba da paz estes días non podía faltar!


E a vindeira semana?... O cole encherase de antroidadas diversas grazas ao Toribiño que, por si non o sabiades, xa fixo a súa aparición nos corredores de ambos pavillóns... o Antroido está aquí! 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: