Bienvenido

CARACOL, CARACOLEIRO...

viernes, 13 de noviembre de 2015

Hoxe celebramos o magosto, unha actividade que serviu para pechar as experiencias suscitadas e recreadas a partir da chegada do outono e que nos serviron como medio para constatar algúns cambios e características que se producen no contorno cotiá e na vida das persoas.
Así pois, nas asembleas destes días, incorporamos como rutina da aula a observación e identificación de elementos representativos do outono a partir das manualidades aportadas polas nosas familias: castañas, noces, landras, améndoas... e sobre todos follas, moitas moitas follas do outono que recreaban dende personaxes fantásticos e do máis curiosos, ata bosques animados. Quedou unha exposición estupenda!... mil millóns de grazas, familias!...



Tamén desenvolvimos unha manchea de actividades impresas nas que tachamos, recortamos, pegamos gomets, pintamos... amodiño, ao xeito, sen présas!... uf, que difícil, sempre queremos ser os primeiros!...

Xa hoxe no magosto, o tempo prestouse para pasar unha mañá do máis divertida, participando activamente nas estacións preparadas en cada caso: pasea a castaña, tragacastañas, caracol, carreiras de sacos... e ata un magosto de cores no que emparellamos castañas de cores!



















Esta mañá de xogos serviunos para seguir aprendendo a respectar as normas de cada xogo, ser pacientes agardando a quenda, iniciarnos no traballo cooperativo, non competitivo... excelente traballo! o profe quedou contentísimo co ben que nos portamos... somos os mellores!


Tamén durante esta xornada, reservamos un tempo na aula para desenvolver a actividade do préstamo semanal, onde NAIRA exerceu de contacontos coa lectura de Caillou envía una carta (Edit. Everest).


Logo de todas estas actividades, aínda faltaba o mellor, degustar as castañas que durante a mañá un grupo de mestres asaron no pabillón dos maiores. 


Para isto, durante esta semana creamos cadanseu cestiño para as castañas, reatopándonos cunha vella coñecida: a castaña Catarina!
Con pincel pintamos, a elexir de cor marrón ou amarelo, un prato...


Logo fixemos pegadas cos dedos de cor marrón ou amarelo dependendo do fondo escollido previamente para o prato.


Finalmente, coloreamos e pegamos a castaña Catarina e... cestiño listo!


Este curso, ademais, coñecimos un novo personaxe. Tratábase dun pallaso, si, si... tamén hai castañas pallaso! Así pois, e cando aínda estabamos asimilando todo o vivido durante o Halloween-Samaín, rapidamente o noso corcho do corredor encheuse de castañas e máis castañas que, xa o venres empregamos como identificativo de 4 ANOS na celebración do magosto.



E agora que toca?... Pois comezar con todos os preparativos do Nadal: calendario de adviento, carta ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente, novas e visitas dende Oriente... sen lugar a dúbidas, queda o mellor de todo o curso!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: