Bienvenido

ADIANTE VISITANTE!

viernes, 27 de noviembre de 2015

Hoxe tivemos no cole unha visita diferente, unha visita especial. Non se trataba dunha nova sesión de contacontos, nin tan sequera dos maiores do cole que viñan a contarnos algunha curiosidade que están a traballar nas súas aulas. Hoxe estivo no cole a Garda Civil…
O certo é que este feito non nos pillou de sorpresa, en tanto que no momento de agardar a entrada, de sobra vimos o despregue de motos, coches, furgonetas… e ata un camión cunha hélice coma a dos helicópteros… alucinante!
Así pois, e tras desenvolver o ritual da asamblea como vén sendo decote no inicio da nosa xornada, puxemos o abrigo e diríximonos ás diferentes estacións dispostas nas instalacións do centro para aprender algunha curiosidade sobre a Garda Civil.


Sabiades que a Garda Civil en ocasións conta coa axuda dun can que pescuda a través do seu olfacto?... Alí mesmo estaba!... Vímolo un chisco nervioso, lóxico se temos en conta a morea de nenos e nenas que estaban ao seu redor… meu pobre!
Como non podía ser doutro xeito, unha vez máis subimos ás motos, fixemos soar o claxon, falamos pola megafonía… un clásico no noso centro!


Agora ben, indubidablemente o que supuxo gran expectación foi o camión que na súa parte superior contaba cunha hélice. Trátase dun camión que serve para vixiar a distancias incalculables percibindo con exhaustividade o detalle máis insignificante… así non se escapa nada!


Asemade, xa no hall principal do centro, fixémonos socios da Garda Civil. Para isto, estampamos a nosa huella dactilar de cor negra con sumo coidado sen saírnos do recadro establecido para o efecto. Para iso, contabamos cun membro da Garda Civil que tiña… uns guantes de científico!


Grazas a esta visita, observamos, identificamos e valoramos oficios e profesións próximas ao noso contorno inmediato. Ao tempo, con este tipo de actividades, inicíamonos no desenvolvemento de valores tales como o respecto, a xustiza, a solidariedade, a tolerancia… tan necesarios na sociedade actual na que vivimos.
Canto aprendemos!... E para deixar constancia desta visita realizamos cadanseu debuxo da experiencia no que cada un expresou aquilo que máis lle gustou.


E mentres tanto, case con máis dunha semana de adianto, xuntos comezamos a ilusionarnos co ambiente típico do Nadal. Para isto,… que mellor maneira que mirar e remirar unha e outra os catálogos de xoguetes dispostos no rincón de biblioteca?...


Este será un Nadal que traerá a nenos, e non tan nenos, máis dunha sorpresa a partir das actividades que comezaremos a desenvolver a partir da vindeira semana na que o Nadal entrará de cheo na nosa aula.
Un saúdo e non esquezades que… o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: