Bienvenido

ESPANTALLO AMIGO.

viernes, 29 de mayo de 2015

Esta semana como unha actividade de apertura ao contorno e aproveitando os recursos culturais da nosa vila, asistimos ao “Auditorio Municipal de Rianxo”.

Para que asistiriamos por segunda vez ao auditorio?... Pois para gozar da que probablemente sexa a nosa primeira representación teatral e que mellor xeito de estrearnos que cunha obra clásica da literatura galega: Espantallo amigo de Xosé Neira Vilas.

Así pois, o xoves, sen tan sequera sacar o mandilón, baixamos en fila ao auditorio, non sen antes lembrar as normas que rexen as saídas á escola: ir agarrados un detrás doutro, camiñar amodo pola beirarrúa, con coidado de non caer á estrada... coma sempre, fixémolo fenomenal! Unha mágoa que a BRUNO se lle movese unha parede e non a vise... foi todo un valente!



Xa no auditorio, collimos sitio para sentarnos atopándonos cun vello conocido... JUAN RAÚL! que tamén estaba no auditorio onda a súa profe Lucía e os seus novos amiguiños e amiguiñas. O momentazo non tivo prezo e, o pobriño de JUAN RAÚL... quedou sen palabras!
Veña... que comeza a función! Apagaron luces e da man de Lucho Penabade e Tero Rodríguez (Os Quinquilláns Teatro), dous actores de longa traxectoria e ampla experiencia na produción de espectáculos teatrais pensados para o público escolar, mergullámonos na fermosa historia dun espantallo con corazón de pexego.


Conta a historia que o espantallo que o tío Ramón colocou na figueira non só logra salvar a froita, tamén fai medrar nos habitantes da eira a necesidade de coidar uns dos outros. Unha vez conseguido isto, o espantallo aproveita un refacho de vento para ver mundo. Na súa viaxe descobre un neno e unha nena moi pobres e, nun acto de xenerosidade absoluta, o espantallo decide deixar de existir para que os nenos teñan roupa, comida e leña con que pasar o inverno. Indubidablemente, a obra convértese nunha historia de xenerosidade para sorprendernos, para aprender, máis tamén para pensar.
Rimos, aplaudimos, cantaruxamos e, sobre todo, cos ollos moi, pero que moi abertos, non perdemos detalle do que acontecía no escenario: música e luces de tensión, un espantallo falangueiro e lume, no escenario houbo lume... fantástico espectáculo!


Esta representación teatral, ademais de achegarnos ao mundo do teatro, serviunos para reforzar algúns contidos traballados no centro de interese da primavera, incidindo especialmente na figura do espantallo ou “espantapájaros”. Do mesmo xeito, a partir do seu protagonista, identificamos as partes do corpo en nós mesmos e nos compañeiros e compañeiras, integrando novos elementos no noso esquema corporal.
Así pois, todas estas aprendizaxes integrámolas nuns fantásticos debuxos nos folios fluorescentes que tanto nos gustan e coa nosa cara como punto de partida... moitos parabéns, quedou un traballo estupendo!


E tras o teatro, para a lectura demorada na casa coa nosa familia, saímos da escola con cadanseu exemplar da obra, completando o ciclo creativo que vai de Neira Vilas a Os Quinquilláns e de Os Quinquilláns a ti.

Espantallo amigo (Edit. Galaxia)
E para a vindeira semana?... Mochila con pícnic preparado que o venres imos á praia!... que orixinais!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

QUERIDAS FAMILIAS:

viernes, 22 de mayo de 2015

Olaaa, estou moooi feliz porque hoxe, a un mes de rematar o cole, por fin me deixaron facerme cargo da entrada semanal do noso blogue…

Nesta ocasión, non serán os nenos e nenas de 3 ANOS B os que vos conten como foi a semana, non, esta vez, por tratarse dunha entrada un tanto especial, deixáronme que fose eu a encargada de despedirme do blogue, das familias e dos nenos e nenas cos que vivín un curso estupendo repleto de momentos intensos e divertidos, moooi divertidos…

Como… que aínda non sabedes quen son?... Son eu, NUBA, que marcha para a clase doutros nenos e nenas de 3 ANOS, xa que as “SONRISAS Y MANDILONES” do profe J.Ricardo para o vindeiro curso convertiranse nos nenos e nenas de 4 anos e como tales, cambian de mascota, unha amiguiña de NUBA: nin CLEMENTINA, nin LENA, nin TOTE... será MOLI!


Foron moitos os momentos vividos ao longo do curso e resulta grato voltar a vista atrás e lembrarse daqueles nenos que con medo ao tempo que con ilusión atravesaban por fin a porta do cole dos maiores; ese cole polo que tantas veces por diante pasaran coa súa familia...
Xuntos mudamos as bágoas por sorrisos de tenrura e emoción co voso primeiro Halloween-Samaín... terrorificamente divertido!


Xuntos tamén desfrutastes dunha xornada de xogos cooperativos arredor da castaña CATARINA e CATUXA... que mágoa que chovese!


E menuda clase de artistas, que fantástico espectáculo destes coa recreación do CiRcUs de Nadal... aínda moi presente nas conversas cotiás!...


Ah!... e no antroido, viaxamos ata África perfectamente ataviados para a ocasión... unha tribo sensacional!


Agora ben, indubidablemente, se teño que quedarme co que máis me gustou da miña estancia no cole, foi convertirme semanalmente na convidada de cada familia: centros comerciais, o cine e o circo, festas de aniversarios a montón, tardes de parque... ata me levaron visitar a casa de Rosalía de Castro en Padrón!... cantos sitios novos coñecín!...


Ademais, por si todo isto fose pouco, puxéronme máis guapa que nunca confeccionándome diversos complementos: estou feita unha súper-modelo!














Por todo isto, gustaríame dar mil millóns de grazas ás FAMILIAS pola vosa implicación na actividade “NUBA vén á casa” proposta dende comezo de curso, xa que non sempre é doado conciliar a vida laboral cos traballiños que se propoñen dende a nosa aula e dende o cole, -que non son poucos-. Coa vosa guía e supervisión quedou unha estupenda compilación de traballos e fotografías... canta creatividade!...
Estes días ando un pouco triste, amolada; axiña remata o cole e teño que marchar, pero... imos de vacacións e son moitas as sorpresas que nos agardan. Como non podía ser doutro xeito, xuntos, poremos o punto final a este curso, seguide moi atentos ao noso blogue e... contáxiate de diversión!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

O MOTOR DA MIÑA VIDA: A MIÑA FAMILIA.

viernes, 15 de mayo de 2015

O 20 de setembro de 1993 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas decideu que cada 15 de maio se celebraría o “Día Internacional da Familia”.

Sen lugar a dúbidas, a familia convértese nun elemento importante nas nosas vidas, pois constitúe o primeiro grupo social ao que pertencemos e nela establecemos a nosa base afectiva e cultural e adquirimos os valores e normas vixentes no noso contorno socializador inmediato.


Hoxe en día, existe unha ampla diversidade de estruturas familiares, por iso, nas asembleas matinais, tentamos fomentar o respecto e valoración da propia familia; ademais, procuramos achegarnos aos distintos tipos de familias.
Claro que si!... as persoas que viven connosco na casa son a nosa familia, tamén as madriñas e padriños, os primos e primas, incluso algún ata engadiu aos seus amigos e amigas, pero non, por moito que os queiramos, os amigos e amigas non son da nosa familia, pero... como si o foran!
Lembraredes que o centro de interese da familia o traballaramos no comezo de curso alá polo mes de outubro. A partir desta unidade didáctica, cada un de nós conversara moi timidamente acerca dos membros da súa familia. Para iso, axudabamonos dunha fotografía que aportaran as nosas familias e que actualmente presiden a zona de exposicións da aula.
O tempo pasa, e pasa para todos, e as escasas informacións acerca dos membros das nosas familias daquel entón, quedaron esquecidas e agora engadimos a información que cadaquén estimou oportuna, extendendo esta máis aló dos membros da unidade básica. Falamos das madriñas, dos nosos primos pequenos -dos maiores ninguén dixo nada-,... ata dos avós e avoas que que tanto tantísimo nos queren…
Todas estas conversas, culminaron hoxe co agasallo para as nosas familias que fomos elaborando día a día cun entusiasmo e entrega totais.
Comezamos pintando un triángulo con pincel e témpera de cor vermella intentando non saírnos demasiado…o espazo era moi moi pequeno, uf!


Xa logo, seca a témpera, picamos coa axuda do punzón e da táboa de picado pola liña negra do triángulo pequeno, amodo e... sen présas?...


Finalmente, aproveitando os logros na escrita, escribimos un pequeno texto a partir do noso nome. Tiñan que ser letras medianas, -máis ben tirando a grandes-, para que se viran no fondo vermello, pero estamos acostumados ás letras medianas que custounos un chisquiño cambiar o “chip”...


E para rematar... estampamos a nosa man impregnada en témpera de cor verde no centro do triángulo e... rápido a lavarse!


Aha!... Un sinal de cor?... vermella! E de forma?... de triángulo!... Siii, é un sinal de tráfico!


Para completar o agasallo, decidimos xa o xoves elaborar unha tarxeta na que de novo picamos e pegamos unha das nosas mellores fotos.


Por último, na parte adicada ao texto, escribimos, ademais do noso nome, un texto a partir da escrita de palabras significativas.


O resultado?... Un sinal de tráfico do máis especial, non se trata dun sinal de tráfico calquera, senón da nosa sinal que coidamos que mamá, papá, os avós, padriño, madriña… penduren no seu coche para non esquecer nunca que os queremos… “hasta el infinito y más allá”.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

UN MUNDO DE MARABILLAS...

viernes, 8 de mayo de 2015

Esta semana, realizamos viaxes a lugares tan dispares coma París, a India e mesmo China; tan só foi necesario deixar voar a nosa imaxinación, ao contar cuns pasaportes de viaxe ideais: os Bits de Intelixencia.

Como vos contaramos, os “Bits de Intelixencia”, resultan de gran utilidade para estimular o cerebro, a aprendizaxe e a memoria, axudando a adquirir novos coñecementos, a desenvolver e ampliar a linguaxe, o hábito e a capacidade de atención, a memoria visual e auditiva, a fomentar a curiosidade e o interese...
Coa incorporación desta rutina á nosa parrilla de clase, descubrimos construcións arquitectónicas representativas de distintos lugares do mundo, axudando a contribuir ao desenvolvemento da competencia no coñecemento e interacción co mundo físico establecida pola UNESCO.
Asemade, o desenvolvemento cotiá desta rutina, supón coñecer, comprender, apreciar e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais e artísticas que promoven un xuízo crítico e creativo da realidade próxima. Neste senso, partimos do MUSEO GUGGENHEIM de Bilbao e de A ALHAMBRA de Granada, ambos situados no noso país: España.








Interesantes achegas supuxeron as imaxes da TORRE EIFFEL de París (Francia) e a PIRÁMIDE DE KUKULKÁN de Chitchen Itza (México)... altas, altísimas, menudas torres!...



Tamén descubrimos que o TAJ MAHAL de Agra (India) non é unha igrexa como pensabamos, senón un dos maiores centros turísticos deste país e unha das marabillas do mundo... case nada!


E que na GRAN MURALLA CHINA non poden ir coches, autobuses, motos de carreiras..., por moito que pareza unha pista de Fórmula 1!...


Indubidablemente, a imaxe que máis expectación e curiosidade suscitou, foi a da PONTE DOS SUSPIROS sita en Venecia (Italia).


Que por que?... pois porque no canto de estradas e beirarrúas, descubrimos que Venecia está asolagada de auga:  auga por todas partes.
Logo... como se desprazan as persoas que viven en Venecia?...
Pois desprazaranse en barcos, barcos-veleiros, lanchas, “chalanas”, motos acuáticas??... Nooon, desprázanse en góndolas, embarcacións típicas de Venecia,... que interesante!
Imos ver, logo... que medio de transporte precisariamos para ir visitar estes lugares tan afastados de Rianxo?... Poderiamos ir en coche, autobús, tren, barco... aínda que temos clarísimo que o medio de transporte co que chegariamos antes sería o avión,... os cohetes e naves espaciais son para os astronautas!...
Agora que xa somos expertos nos medios de transporte e nalgunhas das marabillas do mundo, non estaría nada mal que decidiramos que medio de transporte empregaremos nestas vacacións… por terra, mar ou aire?...



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!